martes, 6 de abril de 2021

O ATENEO ATLÁNTICO HOMENAXEA A XELA ARIAS CUN VÍDEO NO QUE POETAS LEN OS SEUS VERSOS

Xela Arias


Este ano 2021 estará dedicado poeticamente á figura de Xela Arias, unha poeta sen xeración, que lle deu un forte impulso á poesía galega e que rachou con moitos moldes en tempos bastante complicados.

O Ateneo Atlántico, de Vigo, realizou un fermoso vídeo de homenaxe a esta muller que faleceu nunha idade  que non debía ter nada coa morte.

Nunca esquecerei o que Xela me agasallou alá polo ano 1987.  Empeñouse, porque lle gustou moito, en publicar en Edicións Xerais onde traballaba o meu poemario Retorno ós lamentos. Emocionoume o que me dixo sobre el e en 1988 viu a luz nba colección de poesía Ventobranco.

Tiven con ela unha relación fugaz pero ateigada de agarimo.

O vídeo que tedes deseguido homenaxea unha poeta comprometida coa función e a esencia da muller nun mundo hostil, loitadora, aberta e sen concesións a través dunha poesía directa, transgresora e de gran potencia.

Neste vídeo tiven a fortuna de participar á beira de grandes figuras da poesía e da literatura de noso lendo un dos moitos poemas escritos por Xela Arias. Aparecen persoas como María Xosé Queizán, Iolanda Zúñiga, Lara do Ar, Silvia Penas, Román Raña, Xina Vega, Oriana Méndez, Marcos de la Fuente e Marta dacosta.

 



No día en que se cumpren 60 anos do seu nacemento en Sarria, o Ateneo Atlántico presenta este vídeo homenaxe  Xela Arias.

No vídeo os poetas Antonio G. Teijeiro, Fran Alonso, Iolanda Zúñiga, Lara do Ar, Ledicia Costas, Marcos de la Fuente, Marta Dacosta, Oriana Méndez, Román Raña, Silvia Penas e Xina Vega len poemas de Xela Arias.

María Xosé Queizán di unhas palabras sobre Xela e recita o poema Xela no cabalo.

Os poemas acompáñanse de fotografías de Xulio Gil, do libro de foto-poemas Tigres coma cabalos.


Podedes acceder ao vídeo premendo aquí.