martes, 30 de marzo de 2021

A LUZ DAS PALABRAS (86) Fátima Domínguez Silva

 




Rebelde sen facer xestos inútiles. Sensible sen caer en estúpidas sensiblerías. Loitadora a prol da xustiza social. Poeta ata o máis fondo do seu ser.

     Así é, entre moitas cousas, Fátima Domínguez Silva.

     A súa forma de rebeldía é a escrita. Bendita escrita que nos fai sentirnos moi a gusto coa nosa contorna.

      Dende que a coñecín, hai uns anos, nos Xogos Florais en Ponteareas, non deixou de medrar poeticamente. As súas lecturas son fondas e son, ademais,  un mar de suxetións para que a súa poesía se faga sólida.

         É unha traballadora do verso. Sempre atenta a todo o que acontece ao seu redor.

         Queriamos que estivese na luz das palabras e aquí está, transparente, como é ela, e insatisfeita polo que se respira nunha sociedade desapiadada, mais endexamais derrotada.

          Grazas, Fátima, pola túa xenerosidade e pola loita a prol da lírica.

 

Fátima Domínguez Silva


Á sociedade sempre lle incordiaron as persoas sensibles, rebeldes, loitadoras e soñadoras. E nacín así. Por veces, sentía que estaba nun mundo que non me comprendía e comencei a refuxiarme na música e na poesía.

 Escribo dende nena porque para mín, é un acto de rebeldía contra o repetitivo monólogo da realidade pero tamén, para posicionarme nunha sociedade que non sempre se amosa amable cos “diferentes”.

                                                                       (Fátima Domínguez Silva)

 


 

Con Fátima en Ponteareas






AUTOBIOGRAFÍA

 

Nacer

          cun fío de osíxeno

e todas as loitas perdidas.   

O home da bata branca

desafiúzame

cruelmente.

       As negacións

      son trampolíns

      onde comeza a vida.

 

 

UN HOME COMÚN   

 

X: fame

              serpe amarela que fende o hipotálamo

Y: soidade

                  marioneta -con pulso- esquecida no faiado.

Estas son as coordenadas da miña inexistencia.

 

No pentagrama da noite son unha nota feita mudez.

Déitome sobre o almadraque de cartón coma se recostara

na esponxosa meixela do vento

e ovaciono ós enérxicos monólogos dos meus intestinos.

Navegar pola loucura

ás veces

sálvame.        

 

Alboradas sen rumbo.

Desexaría somerxerme no seu mar de fitas de cores e desaparecer.

A muller do bolso de Coco Chanel cúspeme cromosomas de odio.

A mirada lírica desa nena pregúntame se teño fame

                  comeríame ata as espiñas do medo e as vísceras do sol.

 

Continuarei a ser unha marioneta,

unha nota feita mudez

ancorada

ás marxes da vida.

********************************

 

Unha flor de neve

brotando na memoria.

 

Todo recordo e non recordo

é unha hemorraxia invisible

que mingua o corpo.

 

A dor incesante

das ausencias ficticias

agosta o corazón.

 

Deixarse arrastrar

                           sen resistencia

ata o fondo dunha aniquilación

impreganada en nostalxia.

 

Unha flor de neve

como memoria.