lunes, 10 de diciembre de 2018

REMUÍÑO DE LIBROS (55) "Eu ben vin, virivín", de Manuel Rico Verea








TÍTULO:  Eu ben vin, virivín. Cancioneiro infantil para dicir, contar e cantar.




AUTOR: Manuel Rico Verea. Obradoiro Experimental de Música Tradicional.  (con Nani García).




ILUSTRACIÓNS:  David Rodríguez



EDICIÓNS  XERAIS DE GALICIA. 2018




Manuel Rico Verea (Foto, Edicións Xerais)

Cando vexo que sae do prelo un novo libro de literatura tradicional, síntome moi feliz. E se ese libro é un cancioneiro infantil para dicir, contar e cantar, a satisfacción multiplícase por mil.
     

     Levo ben anos proclamando a quen me queira oír que a poesía debe entrar en voz alta nas aulas e nos fogares, que a literatura de tradición oral ten que ser o primeiro paso do alumnado á hora de tomar contacto coa poesía e que cantar con eles nas aulas (e nas casas) é unha actividade gozosa de incalculables beneficios.
    
Ilustración de David Rodríguez
     
     Por iso saúdo con ledicia o libro Eu ben vin, virivín, dun home, Manuel Rico Verea, que leva moitísimo tempo – e con acerto- traballando neste eido fundamental para a formación da rapazada e de Nani García, un músico de moi alto nivel a quen non fai falta presentar. Entre ambos crean un documento sonoro (o libro contén un CD) que aproxima aos lectores e lectoras a novas referencias musicais coas melodías do cancioneiro infantil galego. Pero o conxunto de poemas sinxelos permiten, ademais de seren cantados, seren ditos en voz alta e gozar da palabra como elemento rítmico e engaiolante.
    
Nani García
     Achegarse ao cancioneiro, como din os autores, produce “unha sorpresa polo poder evocador das pequeñas composicións rítmico-literarias, polo seu valor pedagóxico e, sobre todo, polo proceso recreador ao que se ve sometido a través do tempo”.

     O libro está ateigado de rimas, de recitados, de fórmulas máxicas, de encadeados e de cancións máis representativas do cancioneiro de tradición que nos falan do mundo dos animais:

Xoaniña voa, voa
que che hei dar
pan de broa.

Xoaniña voa, voa
vai e tráeme
alguna nova.

Xoaniña voa, voa
que teu pai
vai en Lisboa.

     Neste libro temos tamén un apartado de actividades didácticas das cancións, que permiten ao educador/a tirarlle moito proveito a cada tema. Actividades para coñecer curiosidades dos animais protagonistas, denominacións varias deses animais e nas súas páxinas  anímase a memorizar, a contar e a cantar temas fermosos e alegres. Posúe, ademais, una sinxela e marabillosa partitura e no disco hai posibilidades de interpretar en play back que o fan máis lúdico aínda.
    
Ilustración de David Rodríguez
     
     
Un libro para traballar a lingua, o ritmo das sílabas, a psicomotricidade e algo que eu defendo dende sempre: a unión e interacción de música e verso.
     
     Unha alfaia, sen dúbida, o CD que trae o volume: un documento sonoro creado polo Obradoiro Experimental de Música Tradicional, formado por Manuel Rico e Nani García, que fan deste proxecto un luxo para a nosa literatura e a nosa lingua.
     
      Conta ademais, cunhas vivas ilustracións de David Rodríguez, en cor, atraentes e suxestivas que envolven os textos de calor pictórica.
     

     Imprescindible.




                                                                                                                                        ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO