martes, 17 de enero de 2017

REMUÍÑO DE LIBROS (8) "O neno inverno", de María Canosa







TÍTULO: O neno inverno.

AUTORA: María Canosa.

ILUSTRACIÓNS: María Lires.

EDITORIAL: Galaxia.Colección: ÁRBORE.




A editorial Galaxia achégalles aos lectores preadolescentes esta fermosa historia de amizade, tenrura e superación. A súa autora é a escritora María Canosa, unha das voces actuais destacadas  tanto na narrativa coma na poesía dentro do noso panorama literario infanto- xuvenil.

     O neno inverno é a historia dun neno albino que está acostumado a ser diferente e de  que isto provoque a mofa por parte dalgún compañeiro. Alberte, que así se chama o protagonista, é consciente das súas limitacións físicas e do especial coidado que debe pór en cada acción pois é extremadamente sensible a determinados axentes climatolóxicos, sobre todo a calor, por iso adora o inverno. Sabedor de todo isto atopa refuxio na biblioteca onde goza da tranquilidade, do silencio e da maxia da palabra escrita, ademais de saciar a súa curiosidade á vez que a ansia por aprender. 
  
     Aquí, no seu acubillo é feliz  ata que un día aparece Álex, unha compañeira de clase, que lle gusta porque é intelixente, alegre e ten personalidade. Con ela descubrirá o verdadeiro significado da palabra amizade, ademais dun máxico poder oculto. Álex axudarao a ser el mesmo e a superar atrancos que coidaba insuperables.

     
María Canosa

     A autora, a través dos 18 capítulos curtos nos que se artella a historia e cunha prosa clara e directa non exenta de tenrura nin de elementos máxicos, reivindica a igualdade e a grandiosidade do feito de compartir. Pon de manifesto a diferenza, non coma sinónimo de discriminación ou illamento, senón coma signo de pluralidade para crear entre todos unha sociedade máis rica e xusta.

     As ilustracións de María Lires coa súa gama cromática baseada en grises e azuis están en sintonía co ton textual.


                                                                                                      ALBA  PIÑEIRO