martes, 31 de enero de 2017

REMUÍÑO DE LIBROS (10) "Unha última carta", de Antonis Papatheodoulou e Iris Samartzi






TÍTULO: Unha última carta.


AUTORES: Antonis Papatheodoulou (texto) e Iris Samartzi (ilustracións)


EDITORIAL: Kalandraka.




Unha última carta é un fermoso álbum ilustrado gañador do IX Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados, 2016.
Vén da man de dous autores gregos, Antonis Papatheodoulou (texto) e Iris Samartzi (ilustracións), ambos recoñecidos  tanto dentro coma fóra do país heleno polos seus respectivos traballos en conxunto ou por separado. Ás nosas letras chega grazas á tradución  de Manuela Rodríguez.

Os autores do libro
     
     A través dunha simbiose entre a palabra escrita e a plástica e empregando unha linguaxe poética coma fío condutor, os autores achéganlle ao público infantil esta fermosa historia cargada de humanidade.

     O señor Costas é o protagonista da mesma. É un carteiro que, despois de ter exercido a súa profesión durante cincuenta anos, afronta o seu derradeiro día de traballo. O que podería ser motivo de ledicia para a maioría dos traballadores, para el  non o é tanto porque o señor Costas non é un simple repartidor de cartas, senón que se converte durante todos eses anos de servizo no mensaxeiro da palabra escrita e fotografada, das lembranzas, dos soños  daqueles que non puideron ir á escola e que el lles lía as cartas, dándolles vida ás letras impresas.

     


     Todos os habitantes da  pequena illa mediterránea na que vive, queren, respectan e admiran a súa teimosía de percorrer os camiños necesarios ata dar co destinatario da carta. O señor Costas é ben sabedor disto, por iso non vai entender o comportamento estraño dos veciños neste día tan especial. Será grazas a unha última carta cando descubra e reciba o froito de todo o seu esforzo de vida laboral compartindo.

     


     O libro está concibido coma unha homenaxe á entrañable profesión do carteiro a pé, tanto no seu contido coma no formato, no que destacan as magníficas colaxes de Iris Samartzi  con continuas referencias ao mundo postal. Ademais, a edición coidada por parte da Editorial Kalandraka fai do libro un obxecto atraente para calquera lector.





                                                                                                             ALBA  PIÑEIRO