miércoles, 14 de diciembre de 2016

A LUZ DAS PALABRAS (63) María Xosé Lamas



Coñecina en “Mondoñedo é Poesía” e comprendín axiña que estaba diante dunha muller con carácter, de forte presenza e dunha enorme sensibilidade.
     Presentaba, xunto co editor Miguel Toval, o seu poemario para cativos Cantigas para aprender a soñar  (Edicións Embora, 2015) e o seu recitado encantoume.


A noite tan negra,
tan longa e escura
dáme moito medo
se non sae a lúa.

Por veces, na cama,
fico moi esperta
escoitando a noite
na súa conversa (…)
     
     
     María Xosé Lamas engaioloume coa súa voz e coa forza e a delicadeza dos seus poemas. Uns poemas que resultaron gañadores do “Premio Arume de Poesía 2013”. Uns versos que, como di o inesquecible Xosé Neira Vilas no limiar , “foron escritos precisamente para que nenos e nenas sorrían, canten e soñen”. E engade máis adiante. “Van aquí 34 poemas que constitúen unha bonita achega lírica con axeitada escolla temática, e un tratamento poético que chegará ao corazón dos cativos”.
    
     
Con María Xosé en Mondoñedo


     Todo isto abonda para que oiamos a luz das súas palabras. Teñen vida, acariñan e fan que nos emocionemos arredor do espírito lírico que as envolve. Por iso lle pedín que nos deixase escoitar a súa voz.
     
     Ela, cunha xenerosidade ben grande, respondeu con agarimo a esta proposta e deixounos estes agasallos para que os lectores/as de Versos e aloumiños gocen da palabra madurada e ben escrita.
     
     Para que a coñezades mellor, un achegamento persoal. Un perfil ben rico que convén ter en conta.

          Tras el, eses poemas tan fermosos que nos agasalla e que nós reproducimos con moito entusiasmo.

Recibindo o Premio Arume de poesía en 2013, da man de Xosé Neira Vilas


 BIOGRAFÍA
 María Xosé Lamas (1961) Vilalba.

María Xosé Lamas
Diplomada en Profesorado de Primaria, Licenciada en Filosofía e Ciencias da Educación, Postgrao en Educación Musical, Grao Elemental e primeiro ciclo do Grao Medio en piano no Conservatorio Profesional Municipal de Vilalba (Lugo), conquire a súa primeira praza como mestra definitiva no CEIP de Muras (Lugo) do que é directora durante seis anos. Na actualidade (2016) é profesora de Educación Musical no CEIP M. Mato Vizoso de Vilalba (Lugo).

Dende 1979 (Grupo Tarabelo da Asociación Fuxan os Ventos) desenvolve unha intensa labor no ámbito do teatro afeccionado, como actriz en diversas produccións, como autora de máis dunha vintena de obras, a maioría representadas, así como realizando traduccións e adaptacións; e dirixindo diversas compañías: Grupo de Teatro da A.C. Monseivane (1986-1994), Centro Dramático Vilalbés (dende 1994), Escola de Teatro do CDV (dende 1999). Así mesmo, leva a cabo diversas actividades no eido da pedagoxía teatral, a cargo de programas de teatro escolar con alumnado de educación infantil, primaria e secundaria. Colabora tamén con centros educativos, APAs, asociacións e centros sociais, impartindo cursos e xornadas de teatro, realizando sesións de contacontos, etc. Tamén realizou durante dúas temporadas un programa quincenal de teatro emitido por Radio Principal de Vilalba ("A escena nas ondas'). Finalmente, neste eido, creou a actual Escola Municipal de Teatro de Vilalba que neste ano celebra o seu décimo aniversario.

Outro campo de interese é súa producción poética, na que destacan as seguintes publicacións:
- [20001, 20022] Catro palabras caladas (poemario), Ed. Asociación CDV.
- [2004] Datando lembranzas (poemario no que se editan dous dos premios – accésit e 1º- do Certame Literario do Concello de Vilalba, dos anos 2002 e 2003 respectivamente), Colección As foulas do Rañego, Ed. Fundación Manuel María.
- [2004] Ao norte do camiño no Caderno de Estudos Chairegos
- (2010) Con Fausto, por este rio acima ditado polo Instituto de Estudos Chairegos.
- (2015) Cantigas para aprender a soñar, Premio Arume do 2013, de Edicións Embora.
- [De 2003 a 2016] Colaboracións en diversas publicacións e revistas literarias como Xistral.

Ten colaborado noutras publicacións escritas (libros colectivos como Cerna de Carballo ou  "Escritos na floresta" de Ricardo Pilín, entre outros) e dixitais como Galicia Dixital ou avozdevilalba.gal con series de relatos, artigos de pinión, etc; tamén participado en recitais de poesía e formado parte de diversos xurados en certames de literarios.


María Xosé Lamas


A nosa sombra

Acaso era eu mesma
aquela que te apreixaba con mans tenras
falándoche baixiño á orella:
“ empréstoche a miña sombra”…
Eu mesma, a que agora
busca o abeiro das túas pólas
neste abrazo de edra
para sentirme acubillada
na calor da túa cerna.
Eu, solicitando a túa-miña sombra,
a derradeira.
Ti seguirás contando primaveras,
dando abrigo a mancheas
a quen precise alivio da canseira,
agasallando a miña-túa sombra
a quen a queira.




Testemuñas

Testemuñas do paso de viandantes
Caronte 
a carón da estrada, custodiándoa.
Testemuñas de risos e paseos,
camiñadas de anos mozos arrogantes.
De présas, de urxencias sen vagares,
cara incertos destinos, a vagos horizontes;
vieiros de bágoas lutuosas,
regueiros para os remos de Caronte.
Testemuñas do paso pola vida
a un lado e outro do camiño,
ergueitas sempre, cara ao ceo,
as árbores da memoria, teñen sido.




Eras carballo

Vello tocón, tarugo, carocha,…
sen pólas nin ramallos, aínda vivo,
respirando por dúas follas
que aínda abrollan
á luz de cada primavera.
Imposíbel de feitura, retorto, esvaecido,
cuberto de calquizo balorento
contra o vento.
Eras carballo e es niño
de curuxas e estorniños
que che narran as viaxes polo tempo
coma eu hoxe de paso en Bustofrío.