lunes, 19 de diciembre de 2016

REMUÍÑO DE LIBROS (4) " A lúa de Xoán " , de Carme Solé Vendrell






Título:  A LÚA DE XOÁN

Autora do texto e das ilustracións:  Carme Solé Vendrell

Editorial: Kalandraka

Colección: MareMar

Resulta un verdadeiro pracer poder gozar dun libro da categoría de  A lúa de Xoán, despois de terte emocionado con el no ano 1982.
     Non podemos menos que aplaudir a política de recuperacións que a Editorial  Kalandraka leva adiante publicando alfaias literarias que non deben desaparecer. Verdadeiros clásicos da LIX.
     E un séntese feliz de poder volver lelo/gozar en galego cunha magnífica tradución de Xosé Ballesteros.
     
     Escrito en catalán y publicado en castelán pola editorial Hymsa, A lúa de Xoán deixou pegada no seu momento e segue a deixala.
     
     Non sei se Carme Solé Vendrell, autora do texto e das ilustracións, creou unha obra para que perdurase. Non o sei, pero perdurou para desfrute de lectores que non naceran cando esta xoia viu a luz por vez primeira.
     Xoán vive feliz co seu pai, un mariñeiro de tantos que poboan os océanos, ata que este perde a saúde, queda prostrado na cama e o rapaz sae ao mar acompañado da lúa para recuperala. Vive unha auténtica aventura que, dende o punto de vista emocional, vai facer que medre o seu instinto de superación.
     
Carme Solé Vendrell

     Si, A lúa de Xoán é un conto de amor, de loita, de superación, de decisión perante as dificultades. Cun fondo autobiográfico, a prestixiosa ilustradora (gañadora dúas veces do Premio Nacional de Ilustración) artella unha narración cun enorme fondo poético tinguido de emocións que cativan os lectores.
     
     Unha historia literaria mesturada cun desenvolvemento plástico que forman un todo para impactar. Destacan a tenrura dos personaxes, a forza dos diferentes elementos da paisaxe, a combinación maxistral das cores (en páxinas dobres, ou non), que empurran o lector a mundos fascinantes que non o deixan indiferente. Todo explicado con naturalidade, frases curtas e palabras que engaiolan polo sentido realista envolto en poesía.
Dúas ilustracións do texto
     Un álbum de gran tamaño, absolutamente recomendable. Un álbum para gozar da historia e das ilustracións. Un álbum  que Carme Solé nos agasallou hai ben anos e que, coma os bos libros, non perde a vixencia endexamais.

                                                                                                                                       ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO