domingo, 27 de abril de 2014

A LUZ DAS PALABRAS (40) Elvira Riveiro Tobío



      
Elvira Riveiro Tobío
O primeiro libro que lin de Elvira Riveiro Tobío foi un poemario moi especial que escribiu para os cativos: Palabras brancas. Con el foi finalista do Premio Merlín de LIX no ano 2007. Interesoume moito a escritora deste magnífico poemario, a quen non coñecía. En todas as conferencias, mesas redondas ou talleres, este libro acompáñame sempre.
      

       As casualidades da vida fixeron que coincidísemos na Universidade de Vigo, durante unhas xornadas dedicadas á literatura infanto-xuvenil. Encantoume coñecela. Pero o mundo, como se di en tantas ocasións, é un pano e, un tempo máis adiante, substituíume no centro onde eu daba clase (e sigo a dala), durante unha baixa que se prolongou máis tempo do que eu agardaba.
      
        Coincidimos por última vez nunha mesa redonda en Compostela, a finais de 2013, falando de poesía e ensino (e moitas outras cousas) na compaña de Carlos Negro e Fran Alonso.
      
       Interésame o que escribe Elvira. Hai en todo o que expresa unha reflexión profunda do papel que xoga, como ser humano, nunha existencia que, ás veces, a supera. Elvira non escribe poesía amable, pero vive a súa vida dunha maneira moi profunda. Todo exerce sobre ela unha presión intensa, moi intensa. Para Elvira Riveiro, penso eu, a escrita convértese nunha necesidade para rachar muros, para acadar a luz que precisa para sentirse mellor. Elvira, sigo pensando eu, sabe que coa poesía non pode cambiar o esencial, pero si sabe que lle aporta as forzas necesarias para vivir cos ollos postos nun horizonte necesario, aínda que este se atope máis lonxe do desexable.
En Compostela (2013) con Antonio G. Teijeiro, Carlos Negro e Fran Alonso.
      
       Con Carnia Haikai, gañou a sexta edición do Premio de poesía erótica “Illas Sisargas”. Un poemario valente no que leva o amor e o erotismo polas canles máis profundas:  Je suis la voyeuse: / quero ver como comes, / como nos comes. / Non deixes nada, / dicíanche de nena… / Como aprendiches! / Je suis la voyeuse: / quero vervos comer / a sobremesa.


       Ou este poema dun erotismo sublime e explicitamente fondo:
 Mordo os teus labios,
cada un dos teus labios:
doce abanqueiro.

Intensamente
téñote a lume lento…
e insanamente.

Métoche os dedos
en cada boca, alí,
onde tes fame.


       Xa dixen que me interesa o que escribe Elvira Riveiro Tobío. Paixón, amor, desencanto, loita por sobrevivir.

       Había tempo que lle pedira un texto para Versos e aloumiños.

       E cumpriu.

        Estivemos hai uns días en La Cuchufleta, unha cafetaría que está preto das nosas respectivas casas (outra casualidade: vive na mesma rúa onde eu nacín), e conversamos. Hora e media que pasou a fume de carozo. Falamos de poesía, do que nos rodea…Intercambiamos libros. Un pracer, a verdade.

        E esta muller inqueda, con incursións na videopoesía, que crea espectáculos poético-musicais, performances; que recita en moi diversos lugares, tróuxome os seus últimos libros.  O poético e entrañable, As redes de Inés, publicado na colección “Merliño” de Edicións Xerais e a obra gañadora do Premio Avelina Valladares  de poesía, na súa XVII edición, Corpos transitivos,editada por Edicións Fervenza. Estes dous poemarios aparecerán proximamente nas nosas seccións “Catavento de poemas infantís” e “Escaparate poético”.

       Para Versos e aloumiños, Elvira Riveiro enviounos un impresionante poema, que recita habitualmente  e que non pasa desapercibido. Non é un máis. Quen o escoita pregunta onde o pode atopar. En ningures. É inédito.

        Por iso é unha honra que vexa a luz no noso blog-revista. faloume del. Recibino. Fiquei emocionado. Pedinlle que nos falase algo arredor del.

       E Elvira fíxoo. Expresa a complicación que para ela supón volver sobre o poema de amor. Pero ela regresa unha e outra vez porque (é certo) acredita no amor.

Compostela. 2013.

        Volver ao poema de amor significa, sobre todo, “non intentar caer na cursilería, achegarse ao tema de xeito non convencional, que non soe a repetido, tentar transmitir autenticidade e un pouco da emoción que o sentimento provoca”, segundo as súas propias palabras. E engade: “Pareceume que o tratamento máis clásico do tema incide no amor eterno, no amor para sempre, na celebración do amor que durou moito tempo… Entón, un pouco para poñer o contraste fronte a boa parte da tradición literaria occidental, quixen facer un canto celebrativo dun amor que leva 3 anos (unha data aparentemente insignificante e, por insignificante, co engado das cousas pequenas)”.

        Discurso clarificador e emotivo, que cativa. E continúa a poeta dicindo: “A partir de aí o poema requiriu un pouco de investigación arredor de toda caste de sucesos históricos, míticos,etc. que tivesen que ver co 3. Afortunadamente, a listaxe que saíu da miña pesquisa foi tremendamente evocadora, fermosa, variada… e deu lugar a un discurso que aúna o sorprendente e/ou ocorrente co propiamente emotivo”.

        Que marabillosa maneira de expór que certos espazos dos sentimentos non teñen límites!

        Que magnífico discurso poético para amosar as sendas tan variadas que existen para relacionar emocións dende diversos puntos de vista!

        E remata Elvira Riveiro Tobío con estas palabras: “Por outra parte, non quería caer de ningunha maneira no concepto de amor eterno (para min o amor é eterno exactamente mentres dura), por iso ese final, un final un tanto sorpresivo no que procuro xusto iso: referirme á caducidade do sentimento amoroso, caducidade que pode ser de 3 anos, de 30 ou de 3 días”.
      
       Sobran as palabras. Unha delicia ler esta exposición.

        Así que, unicamente, nos queda ler o poema e gozar dunha poesía de enorme nivel.

        Non sabes, Elvira, o moito que che agradecemos estas palabras e estes versos sublimes.



amor métrico decimal

febreiro ten trampas delicadas
que poden deixarte de improviso
Pintura de Xulio García Rivas
á porta duns labios sen amarre
poñerte no couzón e vas e entras
e ficas 3 anos suxeita no amocelo desa boca
mais ben mirado 3 anos non é tanto
á fin e ao cabo que pode pasar en 3 anos
á parte duns labios polos que ser atravesada?
se aínda un supoñer fosen 30
30 anos dan (é sabido) para unha guerra en Europa
con todo o que iso implica e non é grato facer patente baixo este título
30 para unha paz en Grecia
(digo da antiga Grecia)
comparado co trienio 30 anos xa son algo
algo aínda pequeno
limitado
pero 3 centos é outra cousa
3 centos anos xa dan para unha lúa de mel
para pouco máis en realidade
Pintura de Xulio García Rivas
(Hera e Zeus non fixeron máis ca iso nese tempo)
entón que son 3 anos?
apenas a centésima parte dunha lúa de mel
unha lilaina (eine Nichtigkeit mein Schatz para que entendas)
en 3 mil anos dálle tempo a un imperio
(exipcio por exemplo) a estender o seu poder
presenciar o seu ocaso en todo caso
durante un imperio hai ocasión para entreterse un chisco
se tal construír unhas pirámides
descubrir as bondades da escritura
facer dun río o centro do universo
por iso (en anos) 3 son un tris
algo ínfimo se pensamos en Prometeo e os 30 mil de condena coa aguia devorándolle as entrañas
Prometeo si que tivo tempo de ficar aborrecido da rocha da cadea e por extensión de toda a caste dos minerais metamórficos e aínda dos falcónidos
30 mil anos coitado Prometeo
30 mil a Idade da Pedra
todo pedra nin un único metal
fronte a 3
3 ínfimos anos coa pel estremecida
de pedra de metal de barro ardente
que pouca cousa 3 anos!
que pouca confrontados cos 3 centos mil para que xurda e se extinga toda a estirpe dos mamuts
toda a dos neandertais
deixando só rastros nos glaciares
Pintura de Xulio García Rivas
3 centos mil tamén o universo escuro
fronte a 3 anos do teu tan luminoso
e quizais non saibas que son 3 millóns
3 millóns de anos
milenio arriba milenio abaixo
o que abarca a extinción masiva do Devónico
bota contas
3 anos son un sopro
3 anos non son nada
se 30 millóns de anos é o que dura unha breve idade de xeo
dime daquela que veñen sendo 3 anos
cos seus 3 centos e pico días cada un?
se en 3 centos millóns de anos é normal que retrocedan os océanos xurdan continentes se ergan os Apalaches e o macizo da Guayana comece a vida animal e vexetal aparezan peixes e estes incluso sexan quen de mudar as súas aletas por patas e convertérense en anfibios e logo réptiles
se 3 centos millóns de anos dan para que as plantas poboen a terra para os artrópodos para os insectos para a orde dos quelonios que sorte de ridícula medida son 3 anos?
se 3 mil millóns ten a vida na terra dirías que 3 anos é un exceso?
3 anos debruzada na pradería solleira dos teus bordos
3 anos pondo nomes á brancura da tona acesa que te cingue
Pintura de Xulio García Rivas
3 apenas 3 sabendo cal é o significado certo da luz
aínda non me doen as trampas de febreiro
e dáme o corpo que sería quen de estar
quizais non 3 mil millóns pero
polo menos
3 anos máis
gozando do orbe intenso que se incendia neses labios
(ou 3 días)