jueves, 30 de mayo de 2013

A ESENCIA POÉTICA DUNHA ANTOLOXÍA ENTRE A MÚSICA E A ILUSTRACIÓN

Antonte foi un deses días inesquecibles.
Levo moitas presentacións nas miñas costas, pero o que se produciu o martes día 28 é imposible pasalo a palabras.
E non o vou facer.
Simplemente dicir que máis de duascentas persoas estabamos alí e rematamos flotando a meirande parte dos asistentes e protagonistas do acto. Porque protagonistas fomos todos e todas.
Non é certo que fose o meu día. Recoñezo que para min foi un día inimaxinable. Pero os protagonistas do evento foron a POESÍA, a PINTURA e a MÚSICA. E, por suposto, a PALABRA, xa que tanto Manuel Bragado coma Fran Alonso e Román Raña fixeron un exercicio de literatura directa ao corazón, verdadeiramente prodixioso.
Didáctica e fascinante foi a explicación que o ilustrador Xosé Cobas (un poeta da imaxe) deu sobre cada unha das ilustracións que figuran no libro.
Os sons roubados á guitarra de Susi Piñeiro, pola mestría de PACO IBÁÑEZ,  foron gloriosos e as cancións que cantou a partir de tres poemas meus, que eu recitei acompañado por el, conseguiron un silencio emocionante que nos contaxiou a todos.
Foron, tamén, protagonistas O AFECTO, A EMOCIÓN e a CALOR do PÚBLICO ASISTENTE que, por certo, rematou cantando catro versos moi alegres da canción Pomba de menta.

Quero deixar aquí escrito para sempre as emocionantes apertas que tiven a sorte de recibir de alumnos e exalumnos, aos que deixei de ver hai máis de ano e medio. Foron para min moi importantes neste acto tan cheo de XENEROSIDADE. Antón, Manuel, Iago, Borja, Jenny, Sheiliña (quen te chama así agora?), Xoel, Jaime, Macarena, Ángel, Juan, Nerea, Aarón, Fran, Raquel (quen xa ten a poesía coma unha necesidade), non sabedes o feliz que me fixestes. Grazas por estardes aí e por sentirvos tan preto.

 Un acto no que a AMIZADE e mais a EMOCIÓN que produce a poesía estivo presente en todos os asistentes a este evento poético.

O que fixo PACO IBÁÑEZ foi algo que amosa unha AMIZADE da que me sinto moi fachendoso.
O domingo pola mañá, chámame Julia, a entrañable  compañeira de Paco e dime: "Estamos no aeroporto de El Prat. Imos embarcar para París, pois mañá é o enterramento de Georges Moustaki. Paco está moi afectado. Para el era coma un irmán, pero o martes sobre as nove da mañá sae cara a Vigo". Eu non o podía crer. Os horarios, moi xustos. Calquera cousa podía ocorrer.
Chegaron pola noite a Barcelona o luns 28.
O martes 29 aterraba en Vigo, sobre as 11.20. E viña ilusionado.
Baixando de Peinador falamos do acto fúnebre de Moustaki, da súa persoa. Contounos que había quince días estiveran con el en Niza.

E velaquí unha mostra de RESPONSABILIDADE e AMIZADE cara a miña persoa. Díxome: "Antonio, se o enterramento de Georges Moustaki fose o martes, sentiría non poder ir, pero o compromiso estaba aquí, contigo, en Vigo".
PACO, es a persoa máis honesta e consecuente que coñezo.Non sabes o que che agradezo o esforzo.
Imos darche o título de GALEGO de ADOPCIÓN, como ti pides.
Telo ben merecido.
Por todo o que nos deches, GRAZAS, MESTRE.




Manuel Bragado, director de Edicións Xerais, abre o acto.

Fran Alonso, antólogo do libro, na súa intervención.













Román Raña, poeta e crítico, fala do libro.
Xosé Cobas, ilustrador, explica as súas ilustracións.









Antonio dirixíndose ao numeroso público asistente ao acto.
















Paco Ibáñez conta aos asistentes a ilusión que lle fai cantar en galego.













Paco Ibáñez canta "Que ocorre na terra?", canción que xa está incluído no seu repertorio habitual nos seus concertos por Europa e América.


Antonio G. Teijeiro lendo un dos seus poemas, acompañado pola guitarra de Paco Ibáñez

Retrato de Paco Ibáñez, realizado por Xosé Cobas.


Paco Ibáñez amosando ao público o retrato, agasallo de Xosé Cobas.









                                                                                                       Amaia Mauleón















                                                                  No blog  BRÉTEMAS, de M. Bragado


No blog  CADERNO DA CRÍTICA de Ramón Nicolás