sábado, 3 de marzo de 2018

REMUÍÑO DE LIBROS (43) "Corredora", de María Reimóndez






TÍTULO: Corredora.

María Reimóndez


AUTORA: María Reimóndez.



EDITORIAL: Xerais. Colección: Fóra de xogo.





A escritora, tradutora e intérprete María Reimóndez achégalles aos adolescentes esta novela necesaria e comprometida coa humanidade xa que lles dá voz aos seres máis desfavorecidos da sociedade. María Reimóndez é fundadora da organización non gobernamental de cooperación ao desenvolvemento Implicadas/os no Desenvolvemento, que leva dende 1998 actuando na India e Etiopía en diferentes proxectos que buscan a superación da discriminación de xénero como base do desenvolvemento perdurable.

    

     Todo está narrado cunha prosa clara, directa que amosa o seu compromiso coa historia ao respectar as protagonistas da mesma sen ocultar ou adubar a cruel e inxusta realidade na que viven as nenas etíopes onde a tradición arraigada do atletismo supón unha luz de esperanza dun futuro mellor. A través da súa estrutura, dividida en catro partes de diferente extensión, pero todas con títulos suxestivos (Fondo, Series, Campo ao través e Sprint) a autora convida o lector a participar na preparación da carreira vital da súa protagonista onde se reivindicará como muller, deportista e etíope.

    
     Aquilo que non se nomea, non existe, de aí a importancia de coñecer a Genet, a nena protagonista desta historia de superación e afouteza ante as adversidades do seu mundo desigual e discriminatorio. Ela, súa nai e a figura do pai viven nunha aldea montañosa de North Wolloh en Etiopía, onde Genet, a pesar da pobreza, é feliz pois é libre de percorrer as montañas que son a única paisaxe que coñece dende que naceu. A fame e a opresión patriarcal obrigan a todas as mulleres, incluídas as nenas da aldea a desprazarse ata a perigosa cidade de Addis Abeba para pedir esmola polas súas rúas. Alí Genet vai saber aproveitar a oportunidade que lle ofrece a vida ao ser descuberta por un adestrador cando percorre as rúas para vender panos. E despois de moito esforzo cotián, sorteando todos os perigos que encerra unha cidade coma esta, consegue formar parte do equipo nacional e correr non só por ela, senón tamén por todas as que quedaron no camiño e perderon a súa voz.



“Hoxe corre para que o mundo enteiro a vexa. Para que o mundo enteiro vexa de que son capaces as invisibles. As nenas das montañas, as nenas da rúa, as mozas solitarias que non queren casar...Disposta a non baixar nunca a cabeza...”(páx.92)

                                                                                              
                                                                                                               ALBA PIÑEIRO

martes, 27 de febrero de 2018

COÑECENDO UN POUCO MÁIS A MORAIMA,O SOL BRILLA CON FORZA


                                Con Moraima na súa casa





Cando quero  vivir
digo Moraima.
Digo Moraima
cando semento a espranza.
Digo Moraima

e ponse azul a alba (…)




Non me estraña que Celso Emilio Ferreiro escribise estes versos no seu poema Xaneiro 1972, II do libro  Onde o mundo se chama Celanova.
     E digo que non me estraña nada, porque tras coñecer a Moraima, convivir con ela a fondo, compartir ilusións e desilusións , agarimo e confesións das que me sinto moi feliz ou un mundo de anécdotas curiosas, comprendín o que foi para Celso. Como me dicía onte o meu amigo David Otero, “foi soporte”. Non sei o que sería del sen Moraima, pero si podo afirmar o que foi ela: compañeira, amiga, guía, defensora, amante e moitas outras cousas que non cómpre comentar.
Pola miña banda, sempre sentín que me/nos quixo coma fillos a Susi e a min.
 
Con Susi na casa de Avda. Castrelos
     Cear na súa casa era un pracer, sobre todo se de sobremesa facía arroz con leite. Como boa asturiana que era, tiña un toque especial para esta delicia.  Nunca comín ningún mellor.

     Coñecina cando lle propuxen facer un Celso Emilio Ferreiro para nenos, a proposta de Ediciones de la Torre. 
Negouse en redondo ao principio (estaba cansa de que esquilmasen a Celso), pero unha conversa con Susi, a miña muller,  por teléfono propiciou que nos abrise a súa casa. Nunca máis saímos dese andar marabilloso fronte ao Parque de Castrelos. A nosa, tamén foi a dela.Aí comezou unha relación intensísima ata a súa morte.
     
     Despois, non só fixen o Celso Emilio para nenos, senón tamén a Antoloxía do poeta celanovés para a Biblioteca das Letras Galegas de Edicións Xerais.
     
     
     Mil lembranzas de Moraima. Mil agarimos. Mil actos de amor.
     
     Tampouco non podo esquecer a visita que fixemos ao cemiterio onde estaba a tumba do poeta en Celanova. Limpámola, preparámola e logo visitamos uns amigos que por alí vivían. Unha experiencia inequecible.
 
Na tumba de Celso Emilio, cando acompañamos a Moraima
     Arranxando carpetas e papeis, dou cuns recordos impresionantes. Dous poemas dun cartafol de 1936: un de Pepe Velo e outro de Celso; un poema sinxelo que está asinado por Emilio Ferreiro  que leva por título, Apunte. Agasalloumos con moito agarimo.
     

     

     Ademais, teño nas mans un tesouro para min: un poema manuscrito de Moraima dedicado ao seu home. Leva por título Recuerdo e é pura emoción polo que significa. Podédelo lelo aquí.
     
     


     No Celso Emilio para nenos incluía eu dous poemas escritos por ela. Un, chamado Nunca e outro, cuxos primeiros versos dicían así:

Te llamé toda la noche, / pero tú ya no me oías / dormías un largo sueño / soñando que te veías / en tu Celanova amada / en tu tierra tan querida…

     Unha fermosa reflexión escrita un tempo despois de falecer o poeta, a expresión dun sentimento de amor ao compañeiro de sempre e que remata así: ¡Campanas de Celanova! / no podré olvidar el día / en que tocabais a muerto / y mi corazón moría. / ¡ Campanas de Celanova. / Nunca olvidaré ese día!

         A derradeira vez que vimos a Moraima foi na presentación de Na fogueira dos versos, Premio Merlín, no Corte Inglés de Vigo. 
Derradeira fotografía con Moraima
Estaba feliz de ter asistido á mesma. Ao final quedamos con ela, falamos na beirarrúa da Gran Vía e colleu un taxi. Era decembro de 1996. Despediuse dicindo que despois das festas tiñamos que ir cear á súa casa. Niso quedamos. Mais… xa non houbo cea. A principios do mes de xaneiro, se non me trabuco, Moraima falecía. Unha das súas netas comunicóunolo por teléfono. Nunca esquecerei ese día, ese intre e os que viñeron despois.
      Moraima foi unha muller de forte personalidade, cun corazón tan grande que nel cabiamos moitas persoas. Unha muller que non deixou de amar endexamais. Intelixente e aguda. Elegante, con moita clase. Alguén que axudou a Celso Emilio a ser o que foi. Un ser inesquecible.
     
     Xa non está. Porén, dende as fotos que hai dela na súa casa, témola presente e querémola cun amor desinteresado e infinito.

     

     Ter compartido tanto con Moraima é un deses agasallos que a vida che dá.

                                                                                                   ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

viernes, 23 de febrero de 2018

"COMA TI, ROSALÍA", POEMA PARA O DÍA 24 de FEBREIRO



O día 24 de febreiro  conmemórase o Día de Rosalía en toda Galicia con actos de diversa índole.
     A data de nacemento da gran poeta galega, o 24 de febreiro de 1837, serve para que a súa figura e a súa obra sexan loadas por todos os recunchos da nosa terra. Rosalía, vive.

         Eu mesmo recitarei en Vigo, nun acto colectivo, tras a ofrenda floral, un poema de Follas novas, un dos seus poemarios de referencia. Un poemario que sempre está ben preto de min.

     
No Teatro Nuevo Apolo, de Madrid, recitando "Coma ti, Rosalía"

     Pois ben, en maio de 2016, dentro dun concerto de Paco Ibáñez no que estaban Margarit, Atxaga e García Montero, lin un poema de homenaxe a esta muller que admiro fondamente e que é guía para todos os que amamos a poesía na nosa lingua.

     Sirva a reprodución do mesmo, aquí, en Versos e aloumiños, para homenaxear a alguén que marcou definitivamente a miña poesía en galego.
     Rosalía de Castro, Nai e Señora!





COMA TI, ROSALÍA



Diante do espello
vin agocharse as tebras
negras
ferintes
que tantas veces soterraron
os recordos
e esgazaron a memoria.
As sombras sen rostro
congregáronse
arredor das túas bágoas,
Rosalía,
e co vento chegaron novas palabras
que silenciaron o desexo de chamarte.

Mais eu sigo vendo nese espello
os teus ollos de loito
e sinto que a gorxa
Tomado do blog "A duermevela".
se enche de area
cando quero pronunciar o teu nome.
Necesito que a noite dos saloucos,
Rosalía,
pase a través da miña fiestra
e me permita roubar aqueles versos
case urxentes
que descubrín un día de miseria
no medio dun libro sen palabras.

Coma ti, Rosalía,
eu tamén fun
entrando n´a sombra,
Vin a noite que nunca s´acaba
N´a miña alma soya.

Coma ti, Rosalía,
        sinto que as sereas
do mar da negrura
me berran insolentes
e rouban do meu leito
os raios dun sol
               que non existe.
Non fuxo
          nin ando na procura dos lugares
que un día me liberen de min mesmo.

Coma ti, Rosalía,
        sinto ben dentro a loita
       de tantos rancores que matan
 e a miña man tremente
          non deixa de escribir ¡Palabras, e palabras,
                                                                        e palabras!


                                                                                                      ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

martes, 20 de febrero de 2018

REMUÍÑO DE LIBROS (42) "Rufus . O morcego que adoraba as cores", de Tomi Ungerer






TÍTULO: Rufus. O morcego que adoraba as cores.



AUTOR: Tomi Ungerer.




TRADUCIÓN: Sandra Senra Gómez e Óscar Senra Gómez.



EDITORIAL: Kalandraka. Colección: Tras os montes.





Da man da editorial Kalandraka chega ás nosas letras este clásico publicado por primeira vez en 1961 cuxo autor é o recoñecido e premiado escritor e ilustrador francés Tomi Ungerer, gañador do Premio Hans Christian Andersen en 1998.

     Rufus. O morcego que adoraba as cores segue unha liña de obras anteriores onde os protagonistas son animais pouco convencionais segundo os canons establecidos na sociedade. Algo do que que o autor se valeu para plasmar tanto nos textos coma nas ilustracións a crítica social da discriminación do que non segue as normas.


     Trátase dun álbum ilustrado cuxo protagonista é un morcego chamado Rufus que descobre, por casualidade, as cores brillantes que existen polo día e que contrastan co branco e negro da súa gris vida cotiá. Queda tan abraiado que decide pintarse de fermosas cores e vivir de día coma os demais paxaros, pero axiña se decata de que o seu soño vai ser difícil de cumprir ao ser sinalado e illado polos habitantes da intolerante sociedade na que vive. Será grazas ao doutor Tarturo como coñecerá o verdadeiro tesouro da vida, tanto  sexa en branco e negro coma en cores rechamantes, o significado da amizade que non entende nin de prexuízos nin de diferenzas pero si sabe da xenerosidade, da confianza, do respecto e do agarimo.

      
Tomi Ungerer
     
     Rufus atrae a lectores de todas as idades que se deixen emocionar coa palabra ben artellada, adubada de humor intelixente e acompañada de trazos pictóricos claros, directos, expresivos e en sintonía co ton textual onde destaca esa dualidade dos dous mundos do protagonista: o seu propio, a escuridade e o gris da súa cova, fronte o mundo soñado o das cores  vivas e alegres.


                                                                                                               ALBA PIÑEIRO

viernes, 16 de febrero de 2018

UNHA REEDICIÓN PARA GOZAR DOS SENTIDOS: "OS SOÑOS NA GAIOLA", de MANUEL MARÍA






          A EDICIÓN CONMEMORATIVA D´ OS SOÑOS NA GAIOLA, UNHA ALFAIA LITERARIA.

                                                                                
                                                                                                           Antonio García Teijeiro


Con Manuel María comecei a descubrirlles  aos meus alumnos e alumnas a poesía en galego. Unha poesía feita pensando neles  con luz e agarimo. Xa levaba a rapazada gozando da poesía en castelán con Machado, Lorca, Alberti e Juan Ramón, pero faltaba que desfrutasen cos versos escritos na nosa lingua.
     
Manuel María
     
     Eran nenos e nenas de terceiro de primaria. Eu non lles daba clase (daba aos maiores) pero collera unha hora solta no meu horario para trasladarlles a festa da palabra dita en voz alta, a palabra poética recitada e cantada.

    

Os rapaces/as entenderon axiña a importancia de ler e escoitar versos en galego. Ilusionáronse  co poemario que eu lles presentara: Os soños na gaiola, de Manuel María. Editado pola Editorial Celta (Lugo) con expresivos debuxos infantís, foi o libro protagonista deses mércores pola tarde dedicados a ler, cantar, debuxar e sentir a literatura preto de nós.
     
     Foi nesas sesións marabillosas onde eu escribín o meu primeiro poema pensando no lectorado infantil: Tres pombas chegaron cansas / tristeiras  preto dun neno… E foino grazas á forza e á sensibilidade poéticas, ademais do compromiso, de Manuel María. El foi  guía para eses pequenos de oito anos que dicían en alto e ilustraban os seus poemas, e para min, porque me fixo comprender a a importancia de escribir poesía infantil. O entusiasmo deles diante da palabra do poeta emocionoume. Prometín naqueles días que non deixaría de escribir poemas para eles e hoxe, trinta e moitos anos despois, sigo a cumprir aquela promesa.


     
     Non agochei endexamais a débeda que teño con Manuel María. El foi o impulsor de que eu escribise poemas en galego. Co tempo, tiven a oportunidade de dicirllo en actos que compartimos. E gustoulle sabelo.

     Acaban de cumprirse cincuenta anos da publicación d´ Os soños na gaiola. A ninguén se lle escapa que este poemario foi a obra inaugural da poesía infantil galega.  Abriu camiños que moitos outros e outras seguimos. Sen el estariamos máis perdidos.

     E teño que felicitarme de ter unha edición fermosísima deste poemario. Chegou ás miñas mans a través dunha muller que, malia a súa xuventude, está a realizar un traballo de investigación e de divulgación 
Montse Pena Presas
verdadeiramente salientable, Montse Pena Presas.  O estudo que acompaña á edición facsimilar da 1ª edición d´Os soños na gaiola, publicado en Lugo por Cartonajes ANMI (1968) é portentoso. Unha edición, por certo, coidada ao máximo, cos poemas  de Manuel María, ilustrada por Reimundo Patiño, con múltiplas correccións autógrafas do poeta. Unha xoia.

     

     O estudo introdutorio de Montse Pena é impresionante. Amosa nel, un traballo de investigación profundo e dá unhas claves necesarias para facer novas lecturas dun poemario esencial na nosa LIX. Porque parte, ademais, dunha realidade fundamental: Manuel María levaba  Galicia no máis fondo dos seus sentimentos, algo que se nota nestes poemas. Mergullándose en mil fontes, con anotacións ao pé de páxina,  Montse Pena Presas vai abríndonos os ollos sobre a importancia que o poeta daba á poesía infantil. El sabía, dende o seu compromiso, a importancia que os versos para a rapazada teñen para que os soños do presente se convirtan nas realidades do futuro. Isto que comenta a autora do estudo é fundamental para que eu escribise poesía para a xente miúda. Sempre o entendín así e por iso levo loitando ben anos.
     
     


     Nun caderniño, que acompaña ao libro, Montse Pena vai mergullándose neste poemario, relacionándoo coa obra de Manuel María e poñendo o acento sobre a historia deste libro, coa problemática da publicación do mesmo, as súas inquedanzas, a correspondencia do poeta (con Neira Vilas, por exemplo), os traballos de reelaboración, a significación  da obra, as ilustracións de Patiño, as diversas edicións,  a música que os poemas levan dentro, a tradución ao portugués, a importancia do legado do poeta e múltiples aportacións a partir de publicacións sobre o tema.

    

     
     E un desfruta deste traballo serio, científico e próximo a un tempo, necesario para unha mellor comprensión dun poemario clave da nosa LIX. Un labor, o de Montse Pena, que un agradece fondamente polo respecto que amosa a un xénero que as elites consideran de segunda categoría. Un achegamento fundamental para seguir profundando na poesía infantil sen complexos, como debe ser, como xa se empeza a ver no noso panorama literario, aínda que sexa aos poucos.

     Parabéns  á autora, así coma as Deputacións da Coruña e de Lugo e, xa que logo, á Casa – Museo Manuel María por permitiren que unha alfaia coma esta poida chegar a un bo número de persoas.

     
      Traballos e edicións así dan pulo e axudan a que a literatura infantil acade o prestixio que merece pola súa calidade e respecto polo lectorado ao que vai dirixida.

Con Manuel María, un mestre para min