martes, 8 de julio de 2014

TEMPO DE LER ( III )



        Días mellores. Días peores. Semella que o tempo atmosférico gusta de xogar con nós.

      
       O sol anda ás agachadas e a auga do mar posúe unha temperatura agradable pouco común nestas paraxes.
      
       Un baño, un libro, unha canción. Camiñar, conversar, andar en bicicleta, visitar lugares que sabemos nos gustan… son actividades  pracenteiras que equilibran a nosa hixiene mental.
      
        E, claro, segue a ser tempo de ler. Sempre é tempo de ler.
      
       Tamén, de lectura en voz alta, de contar contos, de deterse en álbums  cativadores, de aprender poemas…
       
       Pois Versos e aloumiños  presenta deseguido unhas lecturas agradables e de calidade escritas ou traducidas á  lingua galega, para que nenos e nenas, mozos e mozas  poidan elixir se, por casualidade (ou milagre?) entran nunha libraría.
      
       Fagamos que proben.
       Non lles vai facer mal.






                        Fragmentos, fragmentos, fragment… fragm…



       

       
                         Un libro de tapas duras para os máis pequenos.

       







                                      (Paxariña de papel. Antonio Rubio e Óscar Villán. Ed. Kalandraka).







…O mar ten cabeleira
e tráea á praia
para lavarlle as ondas
e mais secala.

Coloca o pelo
sobre o areal
e faille rizos
de azul cristal.

O mar é presumido
e adorna as ondas
con nácaras e perlas
e caracolas.

      (As señoras cousas. Helena Villar Janeiro. Ed. Galaxia).




       


                            Un fermoso álbum rimado.

       





                   (O pirata Pata de Lata. Oli & Ramón Trigo. Ed. Kalandraka).




       


        … Pero o que Chispo non se podía imaxinar era a sorpresa que o agardaba. E… con razón!  Resulta que, mentres el fora dar o paseo tranquilamente, viñeran uns homes coas súas …

 ( De cómo Chispo, o esquío, puido co frío. Toño Núñez. Ed. Galaxia).




       
        
        … De feito, un deles andaba cun chándal gris, e parecía o da primeira persecución. Outro tiña o chándal negro, e o terceiro azul mariño.  Todos tiñan aspecto de matóns que acababan de saír d…

                          (O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas. Ramón Caride. Ed. Xerais)





Non quero que me digas para sempre.

Non quero ser nunca tinta imborrable.

Non quero converterme en cicatriz.

Só quero os nosos nomes sobre a area.

Algo que nos una ata a seguinte onda …

                      
                                           ( Penúltimas tendencias. Carlos Negro. Ed. Xerais).




       


       … Esa noite procurou a Antonio Fuster en internet. En efecto, non había moitos máis datos sobre a súa vida que os que lle contara Vicent. Mais si atopou unha vella foto en branco e negro, onde aparecía…

                                                          (Debuxos no muro. Aurora Ruá. Ed. Galaxia).



            

       

        … O avó tiña un plan. Un plan sinxelo e sen fisuras. Talvez con moito risco, pero iso era inevitable. Vivían nun recinto, escravizados por un exército de lobos armados. O risco formaba parte das ….

                                                                  (Recinto gris. Ledicia Costas. Ed. Xerais).




… Eu sento por veces
á beira de Inés
para ver a danza,
o alegre mexer
das redes, os paus,
os dedos de Inés
facendo piruetas
ao son do nordés.

Ela, cun sorriso,
sorriso de …

                                         (As redes de Inés. Elvira Riveiro. Ed. Xerais).



       



        … Se Carlo coñecese a sorte que correra o irmán, sentiríase ferido e traizoado, porque dende cativo lle tiña medo a calquera tipo de guerra. A avoa Natividade, malia o seu carácter algareiro…

                                          (O fío vermello. An Alfaya. Ed. Xerais).









        E para rematar, otro álbum magnífico, de Mariana Ruiz Johnson, gañador do VI Premio Internacional COMPOSTELA, 2013, para álbums ilustrados, editado por Kalandraka.



sábado, 5 de julio de 2014

A LUZ DAS PALABRAS ( 42 ) Xavier Senín



Xavier Senín Fernández

            Dezanove anos como Subdirector Xeral do Libro en diversos gobernos da Xunta de Galicia. Moitos máis (e segue), acompañando os escritores e escritoras nas súas andainas literarias. Impulsor de magníficas campañas de animación á lectura en Galicia anos atrás. Tradutor ao galego dun bo número de libros, na meirande parte deles procedentes do francés, pois foi a rama elixida por el cando cursou a carreira de Filoloxía moderna.


       Amigo dos seus amigos, aberto a calquera proxecto innovador, agarimoso con todos os  que se achegan a el, Xavier Senín Fernández é un exemplo de intelixencia e de afectividade neste mundo da literatura onde existen demasiados egos.
 
Sempre cos creadores e creadoras.
       Admiro e quero a Xavier. Dende que o coñecín persoalmente, decateime da súa bondade, do seu amor polo libro, pola boa literatura e polo respecto que sempre amosou  (e amosa) polas persoas que tiña preto.
       Xavier é unha deses seres que che deixan unha marca para toda a vida. Isto acontece polo seu  carácter afable, pola súa honestidade. E porque é xeneroso, próximo, dinámico e sempre estende unha man que acariña a quen a precisa.
        

       E, por riba, escribe e faino moi ben. Dende 1995 colaborou co Correo Galego e El Correo Gallego cunhas columnas deliciosas.
      Co gallo dun acontecemento familiar, Xavier Senín fixo unha escolma deses textos, co nome que xa tiñan nos xornais, Devagar, e  deu vida a un libro delicioso. Un libro que me chegou por correo e me encheu de ledicia. Traía, ademais, unha moi agarimosa dedicatoria para Susi e para min.
       Lin o libro cun pracer enorme. Textos que rabuñan no cotián das nosas vidas. Anécdotas que sinalan os diferentes comportamentos de personaxes que son ou poden ser calquera de nós ou xente que coñecemos. Textos cheos de humor, de crítica a aquelas actitudes que se dan a miúdo e non lle gustan. Liñas tenras ou irónicas, segundo a intención de quen as escribe, que se len con gusto.
Antonio e Xavier na Illa de San Simón
       No medio destes textos, un recorda conversas, anécdotas, situacións que, sen ser as mesmas, parecen vividas na voz de Xavier nos distintos momentos con el (e con Mari Carme, marabillosa) compartidos.

       Xa está avisado o autor de que algún destes textos ía ver a luz neste blog-revista. Versos e aloumiños non pode deixar pasar a oportunidade de que se escoite ou se lea unha voz tan auténtica. E así é.
Susi e Mari Carme.

       Deseguido, podedes ler un deses textos. Escollino porque me encanta o chocolate con churros e porque me fai lembrar un tempo que, sendo miserable, forma xa parte da nosa memoria colectiva.
       Gozade con el.

                      
                     CHOCOLATE  CON CHURROS
       
       Acaban de entregarlles na man un sobre moi retorneado. Non lles dixeron de que se trataba, pero ela intuíu decontado cal era o contido. Ao abrir tirou unha tarxeta co texto escrito en letras douradas. Era, xaora, un convite para asistir a unha primeira comuñón. 

       Como é lóxico, mencionábase a igrexa onde tería lugar a cerimonia e o restaurante onde celebrarían a festa. Tendo en conta que eles non son familia directa do rapaz e que tampouco teñen relación de amizade moi íntima, é de supoñer que a cousa se vai acabar por converter nunha voda en pequeno. Iso é o que falaron ela e o seu home cando chegaron á casa. Agora vénlles o problema de escoller un agasallo para o cativo, pois non poderán contar coa socorrida lista de vodas nun centro comercial ou un sobre con cartos. Matinaban niso cando ambos dous se puxeron a rememorar aquel momento tan especial para un rapaz do seu tempo. A muller lémbrao como un día extraordinario no que se sentiu protagonista.


       O caso del foi moi distinto. Eran tempos duros na casa, onde non era raro o día en que a comida escaseaba. Os pais traballaban noite e día, el de operario nunha fábrica e ela a coser polas casas. Como seus irmáns foi á catequese e recibiu a primeira comuñón. A nai fíxolle uns pantalóns e unha camisa branca á que logo lle deu moito uso. Despois, os rapaces que fixeran a comuñón foran invitados pola parroquia a un almorzo de chocolate con churros. Era a primeira vez que comían aquela exquisitez. Ao día seguinte, elo e mais un amigo decidiron que aquele festa tiña que repetirse e para o ano seguinte foron á catequese a outra parroquia. Chegado o momento volveu vestir coa mesma roupa e fixo outra primeira comuñón e, xaora, un novo e marabilloso chocolate con churros.     Pero algunhas cousas nunca acaban ben e fóronlle co conto á avoa que axiña puxo o grito no ceo. Agarrouno por unha orella e levouno perante o cura. Ao que quedaron a soas, o crego preguntoulle cal dos dous almorzos lle soubera máis. E coa mesma, mandouno marchar coa encarga de que non contase nada.

                                                                                 XAVIER  SENÍN

martes, 1 de julio de 2014

DESCUBERTAS FONOGRÁFICAS ( XIII ) . HORACE SILVER



Hai uns días espertei coa triste nova do pasamento do gran pianista de jazz Horace Silver aos 85 anos de idade, e o primeiro que fixen foi ir aos meus andeis e reescoitar todos os discos que teño del. Pero non quere dicir isto que os tivese esquecidos, nin moito menos, pois o hard bop imaxinativo e sempre anovador de Silver tenme acompañado dende hai xa moitos anos. A morte de Silver é unha perda importante para o mundo da música, pero ficamos cos seus discos, coas súas ideas transmitidas a través de notas e acordes, a través de composicións que deixaron profundas pegadas en moitos dos jazzmen posteriores a el. Os moitos álbums que gravou para o selo Blue Note durante os anos cincuenta, sesenta e comezos dos setenta (entre eles, por citar só algúns, atópanse Finger Poppin’, Blowin’ the Blues Away, Six Pieces of Silver, The Jody Grind ou Serenade to a Soul Sister) conforman un legado artístico incomparable e, en conxunto, son un tesouro de indubidable valor dentro do jazz moderno. Non sería esaxerado dicir que non existe un pianista de jazz actual que non teña acusado a influencia de Horace Silver. Tal é a súa importancia.

Horace Silver ao piano con Miles Davis
Silver naceu no estado de Connecticut en 1928. O seu pai era caboverdiano, e co paso do tempo, a música tradicional desas illas africanas tinxiría o seu jazz de ritmos exóticos, especialmente no seu disco The Cape Verdean Blues. Na súa adolescencia, Silver interesouse polo saxo e, por riba de todo, polo piano, ao mesmo tempo que comezou a sentirse atraído pola música de pianistas bop coma Bud Powell e Thelonious Monk. Por volta de 1950, a sorte quixo que Stan Getz actuase preto da súa vila natal, e o saxofonista quedou tan impresionado pola técnica de Silver que o invitou a unirse á súa banda en Nova York. Silver, que arelaba introducirse na escena jazzística dese centro neurálxico da cultura mundial, non tivo que pensalo moito, e a chegada a Nova York marcaría o comezo triunfal da súa carreira como jazzman, tocando axiña con grandes nomes coma Coleman Hawkins, Lou Donaldson ou Lester Young. Nun principio, Silver fixo o papel de músico de sesión, pero logo dunha serie de excelentes colaboracións con Art Blakey (indispensable o disco Horace Silver and the Jazz Messengers), tivo a oportunidade de liderar sesións de seu, a meirande parte delas para o selo Blue Note.

Foi así como a súa magnífica serie de discos durante as décadas dos cincuenta e sesenta influíu en toda unha xeración de músicos de jazz entre os que se atopan Donald Byrd, Benny Golson ou Joe Henderson, entre tantos outros. Practicamente todos os LPs que rexistrou para Blue Note son recomendables, sempre caracterizados por un son hard bop anovador, intelixente e vangardista, baseado no blues pero acentuado polos ritmos africanos e, ás veces, tempos sorprendentes. Entre todos eles, destaca Song for My Father (Blue Note, 1964), un sentido tributo en clave de jazz ao seu pai, figura fundamental na vida de Silver, e sen dúbida un dos mellores discos de hard bop que saíron desa tan produtiva década que foron os anos sesenta. Acompañado por dous grupos distintos nos que brillan as contribucións de excelentes músicos como Joe Henderson, Blue Mitchell e Junior Cook, Silver mestura jazz coa bossa nova (“Song for My Father”), os ritmos tropicais (“Que Pasa?”) e mesmo a música oriental (“Calcutta Cutie”), sen esquecer, abofé, o marabilloso orixinal de Henderson “The Kicker”. Unha verdadeira obra mestra que endexamais me canso de escoitar e que é a introdución perfecta ao ecléctico universo musical de Horace Silver.



Coa chegada da década dos setenta, o pianista pasou por unha fase de espiritualidade que coincidiu coa súa saída de Blue Note para crear a súa propia compañía discográfica, para a que gravou ata a súa reaparición en Columbia nos anos noventa. Para entón, o seu mellor traballo xa estaba feito, aínda que discos coma It’s Got to Be Funky ou Pencil Packin’ Papa non están nada mal. Co seu falecemento hai uns poucos días, o hard bop, que ten deixado unha pegada imborrable no jazz posterior aos sesenta, perde a quen probablemente é o seu pianista máis salientable, un home que comprendía o blues pero que gustaba tamén de improvisar e experimentar con melodías e acordes exóticos. Aquí o temos, para rematar xa, nunha aparición televisiva en Dinamarca aló polo ano 1968, tocando en directo “Song for My Father”. Por certo, que a banda inclúe aquí a Billy Cobham á batería. Agardo que vos guste e que vos leve a desexar escoitar todos eses discos atemporais que saíron do talento e a curiosidade musical de Horace Silver, que a estas horas descansa xa en paz tras ter feito unha contribución impagable á música do século XX.



                                            ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ