Mostrando entradas con la etiqueta tamara andrés. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta tamara andrés. Mostrar todas las entradas

martes, 18 de febrero de 2020

DARDO POÉTICO (LXIII): "Reflexións sobre ´Irmá paxaro´, un poemario de Tamara Andrés."




                   Voando polo tempo que pasa sen pedir permiso

                             (Reflexións sobre o poemario Irmá paxaro, de Tamara Andrés)

                                                                                                                Antonio García Teijeiro

Cando temos nas mans un libro coma Irmá paxaro, somos conscientes de estarmos diante dun poemario elegante dende o punto de vista formal (cun certo ton narrativo), intelixente nos seus planteamentos e moi vencellado á pel do ser humano (algo fundamental) sen experimentos e moi lírico.
    
    
Irmá paxaro é para min un poemario rico, un poemario, sen dúbida, de perdas: a da irmá paxaro que quebrou as ás e que deixa un baleiro evidente. Xa non fala. Sábeo Tamara Andrés, a autora, e arrinca a substancia poética ao sentir que os anos pasan e o mundo de seu cambia.
É a perda dun tempo cómplice que é compartido e que foi pasando mentres deixaba baleiros os recantos da convivencia, facendo que os límites quedasen desdebuxados por unha festa sen sentido.

     Un poemario cun catálogo común que inventa titulares e que evoca o desexo fondo de xustificar vivencias que se moven entre a soidade, o abandono, a sede, a crueldade ou as lembranzas a xeito de paseos , da aldea nunca visitada, das lambetadas do quiosco ou do feito de nadar sobre flores da memoria como sobremesa.

     Imaxes punxentes que sacoden : pero cando o sangue aniquilou / todo co seu gume fino e fondo / nunca xa máis / volvemos a ese lugar.
Imaxes dunha certa agresividade sinxela e directa: a mesa era tan circular coma os nosos ventres ou
habitabamos un violín tan / desafinado que as nosas contornas / danzaban sempre volubles.
Imaxes de sentimentos coñecidos: disque que a tenrura / é máis levadía cun anaco de pan para a boca ou a imaxinación/ é / tan fráxil / coma esta exhalación / de porcelana.
Podería seguir, mais prefiro que sexan os lectores os que vaian descubrindo a riqueza lírica dos versos que viven neste poemario tan belido.
 
Tamara Andrés. Foto tomada da Galipedia
     Un poemario, como dixen, de perdas e, ao fío disto, de ausencias.
Pero tamén de descubertas e nostalxias dunha vida en común cunha irmá que voou; un universo conxunto que conecta coas lembranzas e as vivencias fondas, coas fantasmas dun pasado sen destruír no pensamento, unha elexía de amor fraternal que intenta soster na man un tempo que pasa sen deterse e sen pedir permiso.
 
Na presentación en Vigo
     Un poemario, Irmá paxaro, ante todo, sincero e honesto, cunha grande expresividade sensorial, cun corpo sufrindo embates da vida e unhas metáforas que van do surrealista á unha concepción da realidade que se tinxe de misterio para infrinxir certas regras e que, a o tempo, emociona na súa fondura.
     
     Unha vez máis teño que dicir que a poesía sen emoción non é poesía. Un poemario que demostra e –sustenta-  esta miña afirmación.
Emoción todo el, silencios tensos, pausas para reflexionar sobre o lugar que o ser humano ocupa nesta vida tan complicada.

     Un discurso poético intenso como ten que conlevar a boa poesía. E esta é xa emotiva dende os acertados paratextos de Mara Wilson e, xaora, de M.ª Victoria Moreno, esa muller que tanto amei.
     E non quero deixar de salientar o carácter tan persoal e orixinal saído do texto das ilustracións de María Montes. Unha boa compaña.
Falando do poemario na presentación en Vigo. Libraría Cartabón.

     Ler a Tamara Andrés xa se está a converter nunha festa da luz e dos sentidos.
     Desta volta, dando consistencia a un proxecto ilusionante como é Cuarto de inverno, dirixido polos infatigables Andrea Jamardo e David Cortizo, que intentan abrir máis as canles da nosa literatura sen adxectivos para acadar o obxectivo da calidade literaria dende as trincheiras do auténtico.

      Alegrémonos. Con proxectos coma este, a literatura galega é máis sólida.

lunes, 12 de febrero de 2018

ESCAPARATE POÉTICO (CXIV) Tamara Andrés






                                      TAMARA  ANDRÉS  (Combarro, 1992)





NON SEI construír barcos.

Tampouco recomponer
camiños que non sexan
o da perda.




Tamara Andrés (Foto, Faro de Vigo)

NON HAI  beleza nas mans
que modelan os corpos.

Porén, nós lembramos o debuxo
ao medrar e competimos no trazo
da mellor silueta para afirmar
unha identidade
quizais efémera.

Mais a arte da natureza
está por enriba de nós
e por iso nos destrúe.

Nós calamos
mentres continuamos
a debuxar.






O CORPO


INUNDO  as miñas mans
co cuspe agoirento que
o meu corpo exhuma.

Escoitade: o verdor esmorece,
e as luces agochan aflixidas a
claridade para non alumar
tanto desterro.

Eu espallo a miña segregación
sobre todos os mares, alongo o

corpo e deito as miñas costas
en todos eles.

Son corpo sobre negro:
o antídoto para fluír
arrastrando o apego
de todas as debacles.






O INVERNO


NON PROCURES  nestas liñas
palabras que non formen parte
da linguaxe común entre
auga,
merlo
e xemas
táctiles
e fráxiles.

O meu corpo dilúe
o seu sabor
na superficie
dese triángulo
sen contido.

Nunca puiden denominar
as miñas moitas cidades
porque fun continuo desterro,
mais agora, o teu nome
-doce inverno-
reclama
ser
único contexto.




Foto de Stella Nine


                                                  (Do libro Corpo de Antiochia, editado pola Editorial Galaxia, 2017)

viernes, 30 de junio de 2017

DARDO POÉTICO (XLVII) A voz poética emerxente de Tamara Andrés





É unha voz emerxente que leva a poesía ben dentro.
     Unha desas mulleres novas que precisan expresar con palabras poéticas os seus sentimentos, as súas reivindicacións o seu lugar nunha sociedade tremendamente inxusta.
     Persoas que renovan o xeito de facer literatura, que se comprometen, que procuran obxectivos que cumprir e que os cumpren.
     Tamara Andrés é un exemplo de inquedanza cultural.Un exemplo de persoa que non se resigna a que as cousas non melloren. E faino a través da palabra.
     
     Tamara Andrés (Combarro, 1992) é graduada en Tradución e Interpretación, titulada no Máster Universitario en Estudos Teóricos e Comparados da Literatura e da Cultura e no Máster para o Profesorado. Na actualidade estuda Filoloxía Hispánica e compaxina a súa actividade profesional entre a docencia de linguas, a escritura e a tradución e interpretación.
Tamara Andrés (Foto de Stella Nine)


Como escritora publicou de xeito individual a novela Amentalista e o poemario Nenæspiraes, gañador do Premio Nacional de Poesía O Facho 2015. Outras creacións poéticas súas foron aparecendo en revistas coma Dorna ou Obituario ou na antoloxía No seu despregar. No ano 2017 publicará o poemario Habit(u)ar las casas.
Gañou, entre outros, o IV Certame de Relato Curto organizado pola FANPA de Pontevedra. Acadou o segundo premio do XVII Concurso de Poesía Díaz Jácome para novos creadores no ano 2016 e o primeiro accésit do Premio de relato, poesía e tradución da Universidade de Vigo no ano 2017.
No eido audiovisual foi guionista da curtametraxe Tiempos olvidados e na actualidade forma parte do equipo técnico e artístico da webserie La última piedra. É unha das integrantes do proxecto de contacontos Fedellas.

     Tamara tiña que estar en Versos e aloumiños. Este blog-revista abre a súa ventá a todos aqueles e aquelas que teñen algo que dicir. Ela teno.
     De aí que se lle pedise que nos enviase algún texto da súa creación.
E agasallounos uns poemas que resultaron premiados co 1º accésit dos Premios de relato, poesía e tradución da Universidade de Vigo.
      Publicámolos encantados. Así que  aquí  tedes tres deles para que gocedes coa súa lectura.


Á miña condición
concedéronlle
unicamente
a estreita linguaxe
Xulio García Rivas. "Fervenza". Tinta chinesa sobre papel
do privado.

Renunciei a esa gramática atroz
cortando os seus fíos
coa lingua
o ferro―.

Ao saír da casa,
berrei:
«Por min e mais por todas
as miñas!» ―todas aquelas
ás que non me deixaron
coñecer―.



Espín o xardín
coas mans
e desenterrei
os nomes
das esfolladas.

Enlaceilles os seus apelidos
e inventeilles uns ben bonitiños
ás que llos roubaran.

Pouseilles entre as coxas
Xulio García Rivas. "Paisaxe II" Acrílico sobre táboa
as flores que contradín
a morte eterna,
as flores que plantei
coa avoa cando nena
nun recuncho desta terra.

Ela, que o coñecía todo,
xa me falara do porvir.

As dúas propuxémonos
―prometémonos―
medrar a beleza
e a identidade
para negar
as ondas de sangue
que ela
nunca quixo

nomear.




Coas mans, as mulleres
constrúen ―xuntas―
un idioma de harmonía
e de forza. Logo
arríncanllelas
porque é o pétalo
máis prezado.

A miña avoa,
malia non ser arquitecta,
Xulio Gª Rivas. "Xardín da penumbra XX". Tinta chinesa sobre papel
trazou
con precisión costureira
o plano dun xardín
onde acubillar
o nome
e o florecemento
das esfolladas.

Entón, eu aínda non sabía
que nome tiña meu pai,
algo semellante
―quizais―
a coitelo,
esfollador
ou seitureiro.

A miña avoa,
pola contra,
era
a sementadora
máis importante
de todos os tempos.