Mostrando entradas con la etiqueta paula carballeira.. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta paula carballeira.. Mostrar todas las entradas

martes, 27 de diciembre de 2016

REMUÍÑO DE LIBROS (5) "Nunca mascotas", de Paula Carballeira





TÍTULO:  Nunca mascotas.


AUTORA: Paula Carballeira.


Editorial Galaxia. Colección: COSTA OESTE.




“Nunca mascotas” é unha interesante achega poética para un público xuvenil da escritora, actriz, contadora de historias e directora teatral Paula Carballeira.

     Trátase dun poemario vertebrado por vinte e catro poemas de diferente extensión e verso libre, onde destaca a forza evocadora da palabra. Esta convértese, xa dende o título, na guía polo percorrido dos suxestivos versos cara ao interior do noso ser, para amosarnos a nosa parte máis irracional. A autora, ben coñecedora do valor e importancia da palabra, xoga con ela, recréaa e dótaa dunha carga semántica emocional que convida á reflexión. A través dela, reivindica a liberdade tanto individual coma colectiva nun mundo sen ataduras.
 
Paula Carballeira
     Cada un dos poemas está protagonizado por un ser do mundo animal: insectos, mamíferos, paxaros, peixes…todos se unen para presentar, coma se dun desfile se tratase, o lado máis escuro da nosa existencia: a soidade, o abandono, a discriminación, a envexa, o medo, o amor fatal…pero tamén, a esperanza, a tenrura, a lealdade, a memoria, a amizade…, é dicir, a esencia da vida.
Versos directos, cargados de ritmo e musicalidade e adubados con certa dose de humor irónico, que non deixan indiferente o lector, que buscan a súa complicidade e ábrenlle cancelas no camiño do coñecemento persoal.

     Intelixente proposta editorial da editorial Galaxia para todo aquel que é quen de emocionarse coa palabra poética e sobre todo, para os mozos que están nunha etapa vital onde abundan as preguntas pero non as respostas dentro do complexo mundo dos sentimentos.

“As avelaíñas téñenlle un medo terrrible á escuridade,
por iso prefiren morrer na procura dunha luz
que escorrente as súas pantasmas.”


 

                                                                                                                  ALBA  PIÑEIRO