Mostrando entradas con la etiqueta marc taeger. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta marc taeger. Mostrar todas las entradas

martes, 15 de abril de 2025

REMUÍÑO DE LIBROS (85) "12 greguerías de luna", de Ramón Gómez de la Serna, ilustradas por Marc Taeger

 




12 greguerías de luna

 


Ramón Gómez de la Serna

Marc Taeger (ilustrador)

 


Kalandraka Editorial

Col. Poesía ilustrada

 

 

Sempre sentín unha enorme atracción polas Greguerías de Ramón Gómez de la Serna, ese escritor vangardista, iconoclasta, que fixo da literatura un universo particular ateigado de liberdade.

Un escritor orixinal, que descubriu nas vangardas un xeito de expresión literaria libre, enxeñosa e, mesmo, provocativa.


Ramón Gómez de la Serna

Sempre levei comigo as Greguerías aos obradoiros poéticos, a determinados encontros, a cursos para mestres e mestras, porque me resultaban fascinantes.

A greguería, “esas fatais exclamacións das cousas e a alma ao tropezaren entre elas por pura casualidade”, afirma Ramón, para continuar dicindo que “a greguería non se procura, non se fabrica, senón que tende a xurdir espontaneamente da impresión momentánea que unha cousa, un obxecto ou o que sexa produzan na nosa imaxinación”.

A Editorial Kalandraka preséntanos, dentro da colección Poesía ilustrada, 12 greguerías de luna”, interpretadas marabillosamente por Marc Taeger, que son un agasallo para a vista e para sentir a beleza das palabras e das imaxes.

Marc Taeger  (toto de Adrián Baúlde)

Coido que o artista non puido describir mellor o seu traballo: unhas greguerías visuais. No seu traballo Marc Taeger non se centra, penso eu, en apoiar o texto, senón en crear imaxes -moi belas- que se fundan coas palabras e, á vez, cada ilustración teña vida por si mesma.

E foi a través do collage, como o ilustrador crea un discurso plástico suxestivo, evocador que permite a quen o ve ir máis aló das palabras.

A lúa, reflectida cun ton vangardista na imaxe, chega a acariñar as liñas creadas por Marc e dá un paso adiante como querendo fuxir das palabras que lle deron forma inicialmente para verse retratada e contida nos trazos do ilustrador.

A beleza, tanto nas palabras coma nos trazos, brilla dun xeito extraordinario neste fermoso álbum.

Un libro sen idade. Un libro para gozar del visual e literariamente, que fai da estética e do enxeño o eixe fundamental. Un libro engaiolante.

                                                                                                                           Antonio García Teijeiro




sábado, 21 de octubre de 2017

REMUÍÑO DE LIBROS (34) "Un máis", de Olalla González e Marc Taeger







TÍTULO: Un máis.


 
AUTORES: Olalla González ( texto) e Marc Taeger ( ilustracións)



EDITORIAL: Kalandraka.






A editorial Kalandraka achégalles aos primeiros lectores este fermoso e suxestivo álbum ilustrado da man da mestra e especialista en animación á lectura Olalla González  e do artista suízo afincado no Morrazo Marc Taeger.

     Un máis  formula  a chegada dun novo membro á familia e os cambios que isto supón, non só a nivel físico por parte da nai, senón tamén anímico ao espertar o interese de todos os membros ante a expectativa da futura vida.
 
Olalla González e Marc Taeger
     A trama parte cando o protagonista do conto o pequeno coello se decata de que a súa nai presenta unha barriga que antes non tiña. Daquela, decide preguntarlle a que se debe,  e ante a noticia de que vai chegar un irmán, vai compartila cos seres máis próximos da súa contorna para ver se eles saberán dicirlle a data concreta do seu nacemento.

     Así que, deste xeito, lles pregunta ao Picapau, ao pequeno esquío, ao oso grande e mais á ovella. Todos amosan a súa ilusión e  solidariedade  preparándolle algún agasallo.
Cada resposta faille medrar a emoción e ábrelle as portas da imaxinación ao soñar co que poderían xogar, facer... cando sexan un máis.


     As distintas paisaxes estacionais reflectidas nos soños axudan a que os primeiros lectores teñan conciencia do paso do tempo ata a chegada do gran día onde ao pequeno coello lle agardan  varias sorpresas.


     O feito de que a súa estrutura sexa repetitiva e acumulativa atrae a atención do lector, que axiña se identifica co protagonista e déixase levar por toda unha amálgama de sentimentos onde a tenrura e a ledicia están presentes.



     As vivas ilustracións supoñen a lectura plástica do texto xogando coa combinación de cores nas escenas reais e a monocromía nas correspondentes aos soños do protagonista.

                                                                                                       ALBA PIÑEIRO