Mostrando entradas con la etiqueta diego giráldez.. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta diego giráldez.. Mostrar todas las entradas

jueves, 22 de abril de 2021

A LUZ DAS PALABRAS (87) Diego Giráldez

 





Tiñamos que escoitar de novo a súa voz, tanto literaria como humana. Esa voz que reloce neste mundo tan duro e insolidario. Porque Diego Giráldez posúe unha forza enorme que fai que te sintas disposto a loitar no eido da inxustiza. Diego non anda con andrómenas. Fai da literatura unha ferramenta eficaz -e artística- para fustrigar o que nos rodea.  E faino dende a ironía, a honestidade e a intensidade literaria.

     Dende que lin o seu libro de relatos Galería de saldos, quedei enfeitizado pola forza da súa prosa. E, ademais, pola capacidade que ten o autor para permitir que nos identifiquemos cos personaxes, eses que sentimos tan próximos, malia que teñan actitudes delirantes moitas veces e que sentimos próximos porque os consideramos dos nosos.

     A miña lectura da súa novela Hotel para coleccionistas discretos chegou a sacudirme fondamente e a fortalecer a miña opinión de que estamos diante dun escritor diferente e de grande interese.

     En Versos e aloumiños non podemos estar máis felices de que as súas palabras enchan de luz este espazo.

     Grazas, Diego, pola xenerosidade con que nos agasallas por segunda vez.



                                        Diego Giráldez       (Foto de Mateo H. Soto)



Menos mal que estás

 

                                   

                                 Diego Giráldez

 

 

 

             Gustaríame absorber toda a insurrección que flúe por baixo da area das praias. Pasar centos de miles de millóns de anos sendo arrastrado polo vento canda as cunchas de moluscos e restos de corais desintegrados e poder así formar parte da parte convexa do teu corpo. Integrarme na forma do teu esqueleto tumbado cara a abaixo e rebozado nos materiais típicos que conforman o areal. 

         Porque só podo agarrarme a ti para saír desta. Es a única que me salva da desmotivación diaria de sentirme inválido. Xa non teño vida propia, camiño pola casa deixando que as paredes marquen o meu itinerario. Por iso quero ser area de praia amotinada na túa sensibilidade, espallada e tanxible, e subirme á estrutura tan linda dos teus sentidos para recuperar o entusiasmo. Menos mal que está aquí o teu cerebro.

         Coñecinte a principios dos 90 e nunca deixei de sentir o poder desa  novidade. Sempre es primicia. Todo o que me dás a diario é innovador. Incluso o que teño perfectamente estudado: o teu sistema nervioso central, as pestanas de corchea, os muros da túa vaxina e a melena calcetada polas correntes de aire. Menos mal que está aquí o teu corpo.

         Entrei na apatía logo de ser embestido pola traizón dunha morte inesperada. O roubo. Iso provocou que a miña columna vertebral se convertese nun material brando. Notala así cando espertas non é agradable, o teu corpo non responde ao compás que debería porque a razón está desafiuzada. Fuches ti a que me desprazaba as sabas para convidarme a saltar e entrar no cuarto dos nenos para obrigarme a bicalos. Apura o café. Proba a escribir. Renace. Menos mal que está aquí o teu amor insistente.

         Que importante é que esteas ao meu carón para continuar traballando por sobrevivir. Co teu sorriso de area que, polo de agora, non leva nada de min. Mais, despois desta erosión, cos fragmentos de rochas e minerais fusionados, conseguirás por fin revolucionarme. Menos mal que estás.


                     Diego Giráldez    (Foto de María Díaz)




Se queres saber máis de Diego...


Diego Giráldez (O Porriño, 1976).  Exerceu o xornalismo en distintos medios escritos e dixitais. Ademais de coordinar varias cabeceiras, colaborou como columnista de opinión nos xornais A Nosa Terra ou Xornal de Galicia e, a través de reportaxes culturais, con El País.

Na actualidade, colabora no diario dixital Praza Pública e a revista Luzes. Fundou e dirixiu as revistas Malladoura e CanZine e ten escrito diversos libros relacionados coa arquitectura e a historia económica de Galicia.

En 2016, publicou “Galería de saldos”, o seu primeiro traballo literario de narrativa, da man da editorial Xerais. Este libro de relatos curtos, valeulle o aplauso unánime de crítica e público, sendo elixido “Autor galego do ano” pola revista Fervenzas Literarias. En 2019, publica con Galaxia a súa novela “Hotel para coleccionistas discretos” e colabora cos seus relatos en varias obras colectivas, da man da mesma editorial (O libro dos trens, A secreta melancolía da garza).

En 2010, recibiu o Premio Literario “José Saramago” de relato curto; en 2015, fíxose co primeiro accésit do Certámen Nacional de Narracións Breves “Modesto R. Figueiredo” e un ano despois gañaba o premio literario “Manuel Murguía. En 2020 quedou finalista do XVII Premio de Xornalismo “Francisco Fernández del Riego”.

 







miércoles, 26 de octubre de 2016

A LUZ DAS PALABRAS (60) Diego Giráldez





Cando lin Galería de saldos, fiquei abraiado. Tiña diante miña un libro de relatos potente, duro, orixinal no seu planteamento e que sentín coma unha frecha directa ao centro dos sentidos.
    
     Decateime axiña que estaba diante dun escritor sólido.
    
     Así considero a Diego Giráldez, o seu autor.
     
Diego Giráldez  (Foto de María Díaz)

     Acaba de demostrar que é un escritor de longo percorrido, que ten moito que dicir (algo que non se pode afirmar de todos os escritores), porque é quen de dotar aos seus personaxes dunhas vidas ásperas, co fracaso por diante, rabuñando a mala sorte, as frustracións, os desamores ou a violencia e sentir que os podemos tocar, abrazar ou compadecernos das súas circunstancias. Seres que están á nosa beira, que vemos pola rúa sen reparar neles e que, se os coñeces, podes identificarte perfectamente con eles. Ai, o poder da escrita intelixente!
     

     Encantoume este libro. Pasa a ser un dos meus favoritos. Un deses volumes dos que botar man, nun determinado intre, para falar da boa literatura que se fai en Galicia.

     A ninguén pode estrañar, pois, que lle solicitase, dende Versos e aloumiños, un texto para a nosa sección  A LUZ DAS PALABRAS.
     Diego Giráldez, cunha xenerosidade enorme, accedeu á petición e nós temos hoxe a satisfacción de que poidades ler o seu texto no noso blog-revista.

     É algo para gozar.

Diego Giráldez

            QUEN  É  DIEGO GIRÁLDEZ ?


Diego Giráldez (O Porriño, 1976). Licenciado en Historia da Arte, exerceu o xornalismo en distintos medios escritos e dixitais.

     Durante cinco anos, traballou na redacción do xornal A Peneira dirixindo unha das súas cabeceiras comarcais e coordinando o seu suplemento cultural, Kalaikia. Ao tempo, colaboraba como columnista de opinión cos xornais A Nosa Terra e Xornal de Galicia e a través de reportaxes culturais coa edición galega de El País.

     Na actualidade, escribe no diario Praza Pública e na revista Luzes. Ten varios libros publicados (poesía, arquitectura, historia,…), fundou e dirixiu a revista Malladoura e hoxe en día dirixe o CanZine, publicación oficial do Festival de Cans.

     É autor do libro de relatos curtos “Galería de saldos” (Edicións Xerais, 2016), que está a ter boa aceptación por parte de público e crítica.
            
     En 2010, recibiu o Premio Literario “José Saramago” de relato curto. En 2011, no Porriño, concedéronlle o Premio Círculo “Cultura”. En xaneiro de 2016, fíxose co primeiro accésit do certame “Modesto R. Figueiredo” e en maio deste mesmo ano gañou o premio literario “Manuel Murguía”.




Persianas

                                                      
                                                                                         Diego Giráldez


           
     Hai poucas técnicas de iluminación máis eficaces que modular a luz dun cuarto coa persiana. É o mellor xeito de ecualizar a comodidade cando precisas illarte. Calibrar a persiana para iluminar un cuarto é un instante decisivo. Por iso hai quen antes de coller a fita para tirar dela, cuspe nas mans e despois frótaas, coma un ximnasta unta magnesio nas súas antes de subir ás paralelas. Tamén están os que prenden un cigarro e aspiran cos ollos pechados, concentrados, para lograr a perfección. A dispersión é o anticipo dun fracaso e o cigarro estabiliza. A persiana responde.

A doce sensación conséguese se, coa destreza coa que se ten que cociñar un souflé, conquistas a luz para que baile coas sombras. Para iso, hai que saber as fendas que trae de serie a persiana e anotar nunha libreta o número das que quedan abertas cando a luz é a perfecta, cando notas que a iluminación se engancha a ti. Aí, normalmente, suspiras emocionado e suando, porque acabas de conseguir a canasta da vitoria no derradeiro minuto e dende o medio da cancha. Algo así. Ao día seguinte, logo do esplendor,  conformista, izas a persiana tarareando un toque de retreta.
       
     É curioso comprobar como as persianas, ademais, redecoran os cuartos. O meu, por exemplo, directamente roubado dun escaparate de Pórtico, cun lenzo que é unha copia dun Gauguin que me regalou un artista local e un edredón en homenaxe a todas as cores de Taití, cambia segundo a luz que a persiana deixe pasar. Os obxectos alcanzan o sentido común. Sobre a miña cómoda, que é onde baleiramos a alma diariamente, como deixándoa caer, hai un xoieiro, un marco cunha foto familiar, un bote coas cinzas da miña tía Carlota  e un pin dos Xogos Olímpicos de “Seul 88”. Eran obxectos inútiles ata que a persiana decidiu xogar a reconstruílos. Agora son de cor e falan.
        

     Nas cidades tristes, tamén os mendigos durmen a carón de persianas. Pero son metálicas e incontrolables. Suben e baixan de xeito automático logo de que un comerciante –normalmente con bisoñé- xire unha chave. Ese tipo de persianas son insolentes coma unha canción do verán. Non frean nin modulan a luz dos escaparates. E os mendigos durmen cunha luz imposta. “Unha vez que te acostumas, xa está”, díxome un día un que me emprestou unha moeda para tabaco.

Ter a posibilidade de manipular a túa propia persiana é un privilexio que non debería depender da clase social na que bucees. Alguén decidiu, sen mirar cara atrás, que exista unha clase ínfima.