Mostrando entradas con la etiqueta belagua. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta belagua. Mostrar todas las entradas

lunes, 26 de agosto de 2019

ESCAPARATE POÉTICO (CXX) Alberte Momán









                                       ALBERTE MOMÁN  (Ferrol, 1976)




As claves da nosa comunicación
son triviais,
netamentes insuficientes.
Os nosos lugares común
son aqueles que outros profanaran
Alberte Momán  (Foto de Adrián Ferreiro)
para ti.
Eu só son o instrumento
que te reafirma na idea de ser,
malia todo.
Segura e distante, Maianca.

------------------------------------------------------------


PÉNSOTE só en vran,
coas flores cubrindo as beiras dos camiños
e a luz do sol reflectíndose
nas mareas.
Non es máis ti,
senón a idea que procuro no meu cerebro.
Non penso en regresar,
tan só imaxino formas de manterte
ben dentro.



IV

Sucédense os volumes nos que non leo
máis que palabras soltas
en páxinas dispares.
Nesa incapacidade que me obsesiona
figuro para a normalidade
onde me condiciono
obstinándome nunha carreira
como sen saída.


V

Se algunha vez forzo ao amor
a amar a túa sen figura,
lembra recordarme que entre as tenaces
atópase o meu propio corpo magoado.


VI

Se servise para algo
queimaría os restos que de home
quedan en min,
suplindo os ocos que voan coas cinzas
con anacos do soño asolagado polas horas.
Presentación do libro en Vigo
Vístome
evitando verme reflectido no espello do cuarto,
nego a ficción da miña propia imaxe
interpretada.
Auséntome
en canto paso a man sobre os xenitais.
O presente non é máis que aquela fotografía
que aínda cremos representar.
Permanezo estático nos anos que por ti
non pasan,
eu son esoutra barbarie
que nego
lidando cos pasos e o seu avance.


(Do libro Tripas, editado por Belagua Ediciones y Comunicación, 2017)

viernes, 10 de mayo de 2019

DARDO POÉTICO (LX) "UN FERMOSO CANTO ÁS MULLERES DO MAR, de ISABEL BLANCO E LUZ BELOSO".





Xa vai sendo hora de que se valore o enorme esforzo das pequenas editoriais. Persoas que aman o mundo do libro nas diferentes vertentes apostan por libros, nos que non reparan outras, e cobren un enorme baleiro no mundo da edición que convén valorar.

    
Unha destas editorias é Belagua Ediciones e Comunicación, que, da man da marabillosa Edurne Baines, vai abrindo o seu abano a distintos xéneros como son a narrativa, a poesía ou a literatura infantil. Editora dos espectaculares libros de fotografías do gran Ricardo Grobas, Belagua Ediciones y Comunicación vai medrando paseniño –pero con consistencia- da man de libros ben coidados, que aportan brillo ao panorama da literatura galega. Libros feitos con agarimo, que resultan agradables de ter nas mans e de ler con ganas.


     É o caso da serie Rosaura, escrita por Isabel Blanco e ilustrada por Luz Beloso.  As receitas  de Rosaura e Rosaura, cesteira de Mondariz forman, xunto a Rosaura e o mar, unha colección atraente que é bo coñecer.
 A esta última, precisamente, quero referirme porque paga a pena deterse nela.
     


     Rosaura e o mar é unha homenaxe ás mulleres do mar, dese mar galego que tanto dá e que tanto quita, por desgraza, algunhas veces. Mulleres esforzadas que traballan, superan atrancos e viven pendentes desas mareas tan complicadas. Mulleres non valoradas de abondo, sen as que sería imposible entender o mundo do mar en toda a súa amplitude.
     
     Comeza así o libro:

Esta é a parrandeira historia
de Rosaura mariñeira,
que ao mencer de cada día,
namentres o sol esperta,
Ilustración de Luz Beloso
baixa ata a ourela da praia
para rabuñar na area
na procura dos tesouros
que deixaron as sereas,
todos cubertos de cunchas
coma caixiñas de perlas.

     E así, en versos octosílabos, a xeito de pequenos romances, Isabel Blanco vai tecendo a vida das mulleres do mar, personificadas en Rosaura, cuns fermosos debuxos de Luz Beloso. Rosaura mariñeira. Rosaura mariscadora. Rosaura cos mexillóns nas bateas e vendo brincar os golfiños. Rosaura, polas rochas, percebeira e na fábrica, percebeira. E no peirao, redeira. E deste xeito, entre treboadas e días tristeiros do mar e noites de sufrimento Rosaura “baixa á praia e ao peirao, / ás rochas e acantilados,/ devecendo por albiscar / as proas dos barcos / e achegándose para escoitar / de catro baleas os cantos, / consolo que alonxa o seu pranto / e que ti (lectora ou lector) poderás ouvir / abrindo o teu corazón / coma se fose un gran manto”.
     
     Un libro fermoso dunha escritora, Isabel Blanco, firme defensora da vida e da literatura. E dunha ilustradora, Luz Beloso, que enche desa vida as ilustracións -esa vida que tanto ama a poeta-, a través das expresións das personaxes e a cor que adoza os ollos do lectorado.

Isabel Blanco (izq.) e Luz Beloso
     Un libro para ler en voz alta. Para recrear oficios. Para valorar o enorme sacrificio da muller nesta sociedade tan inxusta con elas e co seu labor.Literatura que dignifica o oficio, ademais, de escribir.
     Parabéns a todas!


Presentación en Vigo


                                                                                                                                ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO