Foi un acto emocionante o
vivido a finais de marzo de 2022 na Estrada. No “Parladoiro das Letras”, unha
iniciativa brillante do municipio estradense cun enorme Xosé Lueiro á
cabeza, hai un especial agarimo polos autores e autoras que, ao longo dos
meses, van pasando polas butacas do Teatro Principal para
conversar cun moderador ou moderadora arredor das súas obras e das súas vidas.
Contestando a unha asistente ao acto
O que eu sentín neste acto
foi a sensación de que estaban a homenaxearte. Encantoume. Canto respecto e interese por
salientar o teu labor!
Non puiden estar máis a
gusto no escenario deste teatro que cumpre 75 anos. Un proxecto que dignifica
as institucións.
Moderou o acto con mestría Pablo
García e por este espazo tan acolledor foron pasando persoas que, sentadas
ao teu carón, che facían preguntas de moi diversa índole.
Lendo un poema de "Bicos e non balas"
Uns vídeos de persoas
próximas a ti, nos que che facían preguntas e falaban do teu quefacer literario,
daban moito máis contido ao acto. Por aí apareceron Ledicia Costas, Fran
Alonso ou Andrea Jamardo e aí proxectaron a miña lectura do poema Que
as traia de novo no Festival Internacional de Poesía celebrado en
Medellín.
Ledicia Costas a través do vídeo
Non puido ser máis
entrañable. Falei, recitei, respondín, agradecín...
E, por se fose pouco, a
sorpresa da interpretación de Pomba, na guitarra e na voz de Manoele
de Felisa, quen compuxo a melodía sobre o meu poema, provocou en min unha
emoción inagardada. Unha verdadeira alfaia.
Manoele de Felisa cantando "Pomba"
Non esquezo o cadro precioso
cun meu retrato realizado pola admirada Sara Valcárcel.
Todo resultou perfecto ese
serán na Estrada.
Ao remate do acto con Manoele, Pilar, X.Lueiro, Sara e Pablo.
E o acto foi gravado en
audio. Queda así rexistrado para que poida ser escoitado en calquera momento. Versos
e aloumiños recolle a devandita gravación para que permaneza. Está embaixo destas liñas.
Os equipos de dinamización
lingüística dos centros educativos da Estrada , convocaron o IV Concurso de
micropoemas e microrrelatos para nenos e nenas destes centros para nenos e
nenas de Primaria e Secundaria.
Foi unha convocatoria que tivo un alto
número de participantes e acadouse un nivel francamente positivo.
Faro de Vigo
Tiven a sorte de apadriñar a toda esta
rapazada nun acto que se celebrou no Teatro Principal da Estrada o pasado día 6
de xuño e que foi moi entrañable e vistoso, con poesía e música coral que
chegou a emocionar os asistentes.
Con David Otero antes do acto
Para este evento, seguindo a liña marcada
polos anteriores padriños (Xabier P. DoCampo, Fina Casalderrey e David Otero)
escribín unha carta a eles e elas dirixida coma afillados meus que son.
Para quen teña a curiosidade de saber o
contido do que se lles dixo, “Versos e aloumiños” publica o discurso integramente. Podedes lelo deseguido.
QUE NON NOS ROUBEN NUNCA AS PALABRAS
(Unha
carta a uns nenos e nenas que escriben os seus soños)
Meus prezados afillados e afilladas:
Hai algo máis fermoso que chamar a un proxecto “Festa das
palabras”? Penso que non. Porque a palabra é dardo, é bico, é aloumiño, é crítica,
é saudade, é agarimo, é disparo, é esperanza, é loita…
Non llelo digades a ninguén, pero cóntovos que nos encontros
que fago por todas partes sempre pregunto cal é a miña palabra favorita. Moi
poucas veces acertan. Alumnos e alumnas coma vós din unha chea de palabras
fermosas: amor, verso, poesía, libro, bico… e un longo etcétera de vocábulos. Despois
de escoitalos sorrío e dígolles: a palabra que máis me gusta, que me emociona,
é a palabra PALABRA. Fican algo desconcertados e explícolles que con esa
fermosa palabra poden expresarse todos os sentimentos, actos e ideas que acaban
de dicir e moitos máis.
Recibín hai uns días o libriño “2017. IV Festa das palabras”.
A emoción que sentín tras lelo resulta difícil de explicar. Digo decote que a
escola non está para facer narradores nin poetas. Que a escola está para facer
persoas que non se desenvolvan de costas á literatura, persoas que se acheguen
a ela para gozar do que expresa, persoas, en definitiva, que amen a literatura.
Ben, pois tras ler todos estes textos da “nosa festa das
palabras” non me queda máis remedio que felicitar os equipos de dinamización
lingüística dos centros educativos da Estrada polo esforzo e os obxectivos que
se propuxeron. Obxectivos, todos eles, totalmente acadados.
Nestes textos hai moito amor á palabra.
Hai moita emoción poética e narrativa.
Hai moito agarimo condensado nos escritos.
Hai moitas lecturas detrás.
Hai moito labor ben feito detrás destas preciosas mostras.
Hai moita beleza, moita delicadeza, moita observación nelas.
Os mediadores e mediadoras fixeron un traballo
extraordinario. Un traballo que loce e, o que é máis importante, un traballo
que deixa pegada.
Parabén a eles e a elas. Parabéns a vós.
Meus prezados afillados e afilladas, na vosa actitude positiva
está a esperanza de que a normalización do galego sexa un feito.
Os idiomas precisan da palabra oral. En galego temos
proxectos sólidos, unha literatura excepcional e outros valores, pero as cousas
non vos son doadas. Para que o galego se instale nesta sociedade tan complexa
precisamos que se fale, que non se substitúa, que teña prestixio. E sodes vós,
os rapaces e rapazas de hoxe os que podedes coller o temón da dignidade
lingüística.
Non esquezades o moito que nos xogamos.
Escribides de marabilla. Falade un día si e outro tamén na
nosa lingua. Sentide nela. Vivide con ela.
Volvo felicitarvos polos vosos traballos literarios.
Sodes un orgullo para a nosa cultura.
Representades o mellor da comunidade escolar á que
pertencedes.
Seguide a escribir.
Seguide a ler.
Seguide tendo os ollos abertos, os oídos atentos para saber o
que ocorre arredor de vós.
A vida, todo o que vos rodea e conmove e as lecturas
intelixentes que fagades serán a fonte onde debades beber para seguir medrando
literariamente ao tempo que crecedes coma persoas.
Non permitades que nos rouben as palabras. Son nosas. Alfaias
prezadas de cada un de nós.
O poeta Bernardino Graña dixo nun poema nunha ocasión:
O
vento levou follas e palabras, / levou rumor e ruído.
Eu tomei estes versos e fixen a miña homenaxe particular a
esas palabras que ás veces nos rouban os malos ventos que sopran de mil
maneiras.
E escribín:
Que as traia de novo,
que quero berralas
que quero dicilas
ben forte as palabras.
Levounas o vento
a cambio de nada.
Deixoume unhas follas,
rumores, borralla.
Palabras fermosas.
Palabras gastadas.
Palabras. Palabras.
No vento zoaban.
Coa palabra na man, no corazón, na esperanza coma ser humano,
envíovos bicos e versos e palabras para que endexamais as leve o vento.
Que permanezan sempre con vós.
Precisámolas.
La Voz de Galicia
Aos 62 gañadores deste concurso agasallóuselles
un libriño coas súas composicións.
O acto non puido rematar dun xeito máis
emocionante: o Coro do IES “Antón Losada
Diéguez” interpretou a mítica canción de John Lennon, “Imagine”, en inglés e recitada en galego.