jueves, 10 de julio de 2025

CATAVENTO DE POEMAS INFANTÍS (CXI): "Seis leiras e un piano", de Claudia Castro

 





                      CLAUDIA CASTRO  (Santiago de Compostela, 1972)

 

 

Idea

 

Cando teñas unha boa idea

tes que oír, ver e falar.

Se os demais non te escoitan

ás veces cómpre berrar.



 


Vida

 

Eu quixera gozar

da vida coma un paxaro,

camiñar coa elegancia do gato,

cantar coa ledicia do galo

e vivir coma un becho raro.

 


Pensamentos

 

Pensar é sachar

nas leiras da vida.

É facerse preguntas

Sen que ninguén nolo pida.

Se pensas, existes.

Se existes, dubidas.

Se dubidas, es sabia.

Os pensamentos son cores

con cinco pétalos de tres cores.


 

 

Tempo

 

No verán construín un castelo

coa area dun reloxo.

Tiña torres, tiña ameas,

unha ponte e un gran foso.

O meu castelo de praia

o mar quíxoo para el,

envolveuno co seu saio

e nunca máis souben del.

 

 

Lingua

 

A lingua é unha maneira

de comprender a vida e o tempo.

Nunca mordas nin agoches

este baúl invisíbel

que acubilla os pensamentos.

 

(Do poemario Seis leiras e un piano, editado por Edicións Xerais. (2025), na colección Merlín, e ilustrado por Laura Tova).