Co gallo da recente publicación do seu último libro, Sentado diante da fiestra (Ed. Elvira), tiven a oportunidade hai unhas semanas de parolar co meu pai, Antonio García Teijeiro, nun novo episodio do meu podcast literario O Envés de Páxina. Aínda que en principio esta escolma de artigos xornalísticos aparecidos no suplemento Estela do Faro de Vigo era a excusa para o programa, a nosa conversa axiña nos levou por vieiros que só tiñan que ver co libro de xeito tanxencial, e entre outros temas, falamos da infancia de Antonio, da súa visión da poesía e o seu achegamento ás aulas, da música que encerra o mar, da relación entre deporte e literatura e do papel que, a xuízo de Antonio, debe ter a poesía en particular e a literatura en xeral nesta sociedade que nos tocou vivir no século XXI.
Amodiño, a conversa foise facendo, de xeito natural, máis e máis íntima, e Antonio mesmo chegou a dicir cara ao remate que nalgúns intres esqueceu que el era meu pai e eu o seu fillo. Nese sentido, o meu obxectivo coa entrevista cumpriuse completamente. Deixámosvos a conversa completa no vídeo que aparece aquí abaixo e agardamos que vos pareza interesante.
ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ