miércoles, 26 de marzo de 2025

FAÍSCAS (26). A celebración do DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL 2025.

 



O vindeiro 2 de abril celébrase, como cada ano, o Día Internacional do Libro Infantil.

Non imos incidir en Versos e aloumiños na importancia que a lectura ten para os rapaces e rapazas nunha sociedade demasiado informatizada e na que as RR SS posúen un influxo enorme sobre a infancia e a mocidade.

Como se non puidesen ser compatibles, semella que o libro, a súa lectura en soidade ou compartida, está a quedar algo relegado.

Nós cremos que non se pode permitir que a rapazada pase os anos de formación de costas á lectura.


Entre e sobre libros de LIX



Por iso, consideramos interesante a celebración deste día…sempre que ao día 2 de abril lle sigan os demais do almanaque con libros entre as mans, porque de nada serven as celebracións se non van acompañadas dun xeito cotián para que se cumpran os obxectivos.

 

Este ano, é a poeta neerlandesa, Rian Visser, quen se encarga de facer o texto cun poema, traducido ao galego por Mercedes Pacheco e que leva por título Linguaxe Visual.

 

E a ilustradora da mesma nacionalidade, Janneke Ipenborg, quen fai o cartel desta celebración.

 



Celebremos con ledicia este día e sigamos facendo todos os días o Día do Libro infantil.