viernes, 20 de enero de 2023

A BUTACA DO LECTOR (15 ) "Días de intemperie", de Antón Riveiro Coello

 



Nada lle gustaría máis ao Lector que os libros que tocan a violencia bélica fosen só novelas ou relatos de ficción. Pero a ficción procede dunha realidade cruel que non cesa.

Cando o Lector dá cun autor ou autora comprometidos co ser humano e o seu tránsito pola vida, sabe que as súas obras están tocadas por situacións ás que non poden darlles as costas.

Acaba de saír do prelo un novo libro -desta volta de relatos- dun dos escritores que máis admira o Lector. Para el, a aparición dun novo volume de Antón Riveiro Coello  supón unha festa literaria.

Riveiro Coello é un narrador que non perde a cara diante dos problemas que asolan esta sociedade nosa. Está comprometido coas persoas, pero, e isto é fundamental, en primeiro lugar coa literatura.

O Lector mercou Días de intemperie, editado por Galaxia, e leuno coa avidez de quen agarda pola auga no deserto. En ningún momento se sentiu defraudado, malia a dureza dos relatos.

Xa se veu inmerso o Lector na voráxine da guerra dende o primeiro conto e precisou de algo de alento para moverse desamparado, como as protagonistas, nas cidades de Mariúpol e Kíiv, no medio de teatros e edificios derruídos polas bombas da actual invasión de Ucraína polo exército ruso.

Custoulle recuperarse da sensación de agobio e destrución cando, por arte de Riveiro Coello, xa estaba sufrindo polas contendas en Siria, Rusia, Vietnam ou a raia ourensá.

Cando o Lector rematou o derradeiro relato con este parágrafo: O odio medra coma unha planta rubideira durante toda a noite e, moito antes de que abra o día por tras das fiestras, Un Gon xa está vestido ao pé da cama coa neura fixa de visitar a Dick, o soldado negro de Oklahoma que, con certeza, lle arranxará a orfandade, o Lector pensou que, unha vez máis a poderosa prosa de Riveiro Coello o transportara polos vieiros da boa literatura. Tenso e feliz a un tempo, o Lector volveu a sentir a chama dunha lectura gozosa e proveitosa.

Hai moitos temas nestas narracións. Dende a fidelidade, a angustia, a covardía ata a vinganza, a suplantación da identidae, o amor polos libros ou a orfandade, pensa o Lector.

E afirma, unha vez máis, que estamos diante dunha literatura de personaxes creados para conversar con aquelas persoas que invadan o mundo do papel para penetrar nuns universos ateigados de conflitos, con protagonistas devorados pola intemperie que a calquera de nós pode facernos dano.

A linguaxe, clara; o ritmo vertixinoso, ás veces, e máis pausado outras. A tensión narrativa non decae en todo o libro e permite que o Lector poida respirar  só de cando en vez. Nada falta nin nada sobra no que Riveiro Coello quere contar. Está todo moi medido.

O Lector reflexiona sobre o lido e volve a pensar que está diante dun escritor que enche de sentido literario todas as súas expectativas.