sábado, 15 de octubre de 2022

As miñas columnas en A NOSA TERRA (2) "Ser libreiro (ou libreira, claro)"

 



Hai uns anos tiven a honra de escribir unhas columnas no histórico xornal A Nosa Terra.

Nestas columnas tocaba eses temas que a min me preocupaban en relación coa escola e a lectura fundamentalmente.

Sempre me sentín moi cómodo e encantado de colaborar cunha publicación que endexamais debeu desaparecer.

Por iso, aquí e agora, vou recuperar algunhas delas e vostedes xulgarán o meu punto de vista e a vixencia das mesmas.

 

Esta segunda entrega fala de ser libreiro ou libreira, claro.


Antonio G. Teijeiro (Foto de Ricardo Grobas)




                                   SER LIBREIRO (OU LIBREIRA, CLARO)

 

                                                                                        (A Xurxo, María, Amparo, de Librouro. A Maribel e Gonzalo, de Cartabón)

 

Debo confesar que, entre as profesións que quixen desenvolver na miña vida, ser libreiro era unha delas. Estudar e ensinar filosofía, ser xornalista ou saber tocar o piano eran outras, mais agora non veñen ao caso.

Ser libreiro (ou libreira,claro) significa vivir entre libros. Ser libreiro significa gozar coa parte amable da vida.Significa arriscar, sufrir distintas incomprensións sociais,pero tamén ser feliz coa satisfacción de poñer un libro na nosa  existencia.Ser libreiro significa poder ler neses momentos nos que non hai xente na libraría, perderte por aqueles volumes que te chaman en voz baixa, aconsellar o cliente/amigo sobre esas obras que liches e que, segundo o teu criterio, pagan a pena. Sentirte vivo entre tanta palabra escrita, entre tanto libro fascinante, tamén é ser libreiro. Ignorar literariamente aquelas obras que teñen caducidade inmediata pola súa calidade ínfima e que hai que vender porque unha libraría vén sendo, ademais, un negocio é ser libreiro ou libreira.Ser libreiro é soportar certas deslealdades, ir contra corrente nun mundo no que o libro non posúe o valor social que debería. Aguantar e calar,coa rabia contida, diante daquela persoa que che encarga un libro e di que lle fales en castelán porque non entende o galego (e ti sabes que non é certo), tamén é ser libreiro ou libreira. Poñer literatura galega nas mans das persoas, engaiolar un cativo cun libro enxeñoso é ser libreiro.

Ser libreiro (ou libreira, claro), en fin, é facer sentir que hai alguén que está a contar historias na orella dos demais.

 

                                                                                                                                        Antonio García Teijeiro