lunes, 2 de mayo de 2022

"DARDO POÉTICO" (LXXXIII): MÚSICA E PALABRAS POLA PAZ EN PONTEVEDRA

 




A finais do mes de marzo a iniciativa Coros por la Paz reuniu na Praza da Ferrería de Pontevedra once agrupacións corais para interpretar xuntas as obras Dona Nobis Pacem, de W.A. Mozart e Va, pensiero, da ópera Nabucco, de G.Verdi.

Actos coma este, impulsados pola madrileña Familia Coral Santiago Apóstol, de Griñón, se celebraron simultaneamente en moitas cidades de España e do continente.

Unha unión auténtica de voces e sentimentos para pedir a paz que, cada vez máis, falta no planeta. En contra dos conflitos e a crueldade. Pola unión dos seres humanos para facer fronte ao belicismo que segue a imperar no noso mundo.

Un momento do acto na Ferrería, de Pontevedra (Foto:pontevedraviva)

Carlos Valle puxo, xunto a Fina Casalderrey, as palabras. Valle falou deste acto como “unha repulsa e solidariedade cunha situación inxustificable nos seus fundamentos e intolerable dende o punto de vista do dereito internacional”, segundo publica o Diario de Pontevedra.

Pola súa banda, Fina Casalderrey salientou “o poder da música non ten límites, nin fronteiras, nin máis bandeiras ca a da liberdade e o respecto polos semellantes e polos diferentes”. E a grande escritora galega non esqueceu a necesidade da poesía e citou os poetas Gloria Fuertes e Antonio García Teijeiro, para rematar recitando un poema de ambos.

Este é o poema de Antonio García Teijeiro, Pombiña que escribes.



E aquí, neste vídeo, as palabras de Fina Casalderrey neste emotivo acto no que chamou á deserción, “a que os soldados se declaren en folga, mentres unha pomba escribe co peteiro esa palabra tan grande e que tan pouquiño ocupa: paz”.