martes, 2 de marzo de 2021

A LUZ DAS PALABRAS (83) Rosalía Fernández Rial

 



Cando lin algúns dos seus versos alá polo ano 2016, decateime logo de que Rosalía Fernández Rial ía ser unha escritora que me ía interesar. Non me trabuquei. Segue medrando como autora e alégrome. Ten moito dentro dela.

Despois de ler Bonus track, un libro de relatos coa música de fondo, sentín que me unía a ela -ademais da boa literatura- o gusto pola música en xeral e por Bob Dylan en particular. Vela tocar o acordeón emociona. Igual que co seu último poemario Árbores no deserto, que me pareceu indispensable neste mundo da lírica galega. Por riba, é unha persoa afable, agarimosa coa que dá gusto falar e compartir desexos.

De aí que a súa presenza en Versos e aloumiños xa se facía agardar. Pero aquí está cun texto escrito especificamente para esta sección tan fundamental para o decorrer deste blog-revista. Un texto delicioso.

Gocemos da súa palabra. É un auténtico pracer.

Grazas, Rosalía, pola túa xenerosidade.

E que siga soando o acordeón dos teus soños.


Hey, Mr. Tambourine Man, play a song for me

I'm not sleepy and there is no place I'm going to

Bob Dylan.

 

Rosalía Fernández Rial (Foto de Antonio Seijas)

A miña travesía funámbula a través dos quince anos ensinoume a esvaecer, con coidado pictórico, as fronteiras entre realidade e ficción. Naquela altura a conciencia oscilábame, equilibrista, entre ambas dimensións, sen nunca decantarme de todo por unha ou outra. Un estado híbrido que derivara, no fondo, dunha evolución dos xogos da infancia e que se acabou por prolongar, baixo o disfrace de poeta despistada, á idade adulta.

Na referida confusión adolescente, soñaba esperta de maneira recorrente con Mr. Tambourine Man. Mitificara o personaxe dylaniano de tal maneira que imaxinaba como me viña rescatar do meu insomnio para transportarme a algún lugar máxico no remuíño do seu barco interestelar.

Cada vez que tiña un problema, un desengano, unha situación que desexaba evitar, pechaba os ollos e imaxinábame seguindo o ritmo desa percusión amiga para deambular polos cronotopos onde as obrigas e o tedio cotiá deixaban de existir. Así, o delirio onírico desa saída de emerxencia abríaseme sempre en momentos de tensión invernal.

De todo isto acordeime nas xeadas do presente xaneiro do 2021 ao escoitar o “Maneo de Erviñou” xenialmente interpretado por Fransy, Davide e Cibrán en beabesada homestudio. De maneira inconsciente, a combinación da música e a imaxe transportoume ás centos de foliadas que teño vivido de nena, adolescente e moza, en especial no verán, mais tamén noutros momentos puntuais do ano.

Entón, por algunha misteriosa relación sináptica que o cerebro teceu pentagramas a través, hoxe mesmo decateime de que o equivalente real do Mr. Tambourine Man eran os momentos de troula compartida os sábados da Barca, o día San Roque en Muxía, as noites da Carballeira de Zas, os albaroques de Bergantiños ou máis tarde os mércores da Casa das Crechas compostelá.

As verdadeiras señoras da pandeireta pertencían ao territorio da realidade, por moito que transportaran á literatura da miña mente á máis excelsa das utopías. Cando vivía un momento de ansiedade, o que me pedía o corpo era viaxar ao torreiro da festa colectiva, onde fora tan feliz.

O problema é que, unha vez descuberta esa certeza, non hai xa foliadas reais. Por tanto, cando a angustia me ameace, terei que retomar aquela febre adolescente e imaxinarme danzando, atrás do Mr. Tambourine con todas as pandereteiras e músicos que alimentaron as nosas vidas antes de que a COVID-19 nos fixese aterrar nunha “nova normalidade” demasiado tanxible, a pesar das distancias e as máscaras.

Só espero que no futuro esa banda de música tradicional detrás da que agora corro, como nos filmes de Kusturica, de maneira imaxinaria, non fique no territorio da ficción e poida pronto regresar aos escenarios de ledicia conxunta que tanto botamos en falta nestas longas e xélidas noites de pandemia.

Rosalía Fernández Rial

Xaneiro, 2021.



Rosalía Fernández Rial (Foto de Antonio Seijas)



Se queres saber máis de Rosalía...


Rosalía Fernández Rial (Costa da Morte, 1988) é filóloga, doutora en didáctica das linguas e da expresión dramática pola USC e profesora de ensino secundario. Asemade, formouse no ámbito das artes escénicas e musicais. Mais, sobre todo, e desde moi nova, dedícase á escrita. Como poeta publicou libros como: En clave de sol (2009), Átonos (2011), Un mar de sensacións (2012), Vinte en escena (2012, 2014), Ningún amante sabe conducir (2014), Contra-acción (2016) ou a antoloxía bilingüe Sacar a bailar. Poesía reunida (2009-2016). Títulos que tamén levou á escena ou ao formato audiovisual con propostas diversas. 

Na súa narrativa destaca Bonus track (2018) e no ensaio Aulas sen paredes (2016), un libro-DVD que foi Premio á mellor iniciativa bibliográfica na Gala do Libro Galego.

No que atinxe ao xénero dramático destaca, entre outros proxectos  a escrita de "A lúa, válvula de spray", unha ficción sonora a través das rúas de Carballo dirixida por Quico Cadaval, interpretada por Melania Cruz, María Roja e Santi Romay, editada por Marcos PTT e producida por LIDISS para o FIOT (Festival Internacional de Outono de Teatro).  
O seu último poemario é Árbores no deserto (2020), un traballo escrito desde códigos propios das artes vivas e as artes plásticas contemporáneas.