lunes, 13 de enero de 2020

A BUTACA DO LECTOR (9) "Carrusel", de Berta Dávila





Mentres lía esta marabillosa novela de Berta Dávila, o lector pechaba os ollos e sentíase viaxando nun carrusel, coas súas subidas e baixadas, coa alegría e a tristeza que, o que estaba a ler, lle producían. Imaxinaba nesta novela, claramente de autoficción, que a autora – a quen o lector adora – estaba nun cabaliño á beira del e enchía de autenticidade cada parágrafo que se lle cravaba no seu interior.

    Porque Carrusel, que así se chama a novela, era algo máis que unha novela. Era a busca persoal dunha narradora que facía da enfermidade, das desilusións, de certas contradicións un motivo para seguir respirando.

    
O lector era consciente de que estaba a ler unha novela necesaria para quen a escribía. Unha novela de perdas, de procura constante da tranquilidade que precisamos todos para sortear os atrancos que a vida nos pon continuamente. En definitiva, de atoparse a si mesma para continuar  no carrusel da vida.
A narradora está ateigada de conflitos, persoais e externos, que a descolocan e que teñen orixe no pasado e queren persistir no presente.
A narradora, pensa o lector, só comeza a sentirse plena cando se decata que pode escribir.literatura. E na escrita acada o gozo que se lle esconde día a día.
Carrusel é un relato da vida. Unha vida complicada que a narradora tingue de poesía. De reflexións profundas que a axudan a seguir cara adiante.
Son vivencias que deixaron cicatrices na súa alma e das que quere repoñerse. E só a través da literatura e da maternidade, finalmente conseguida, a narradora consegue dar sentido a unha existencia cargada de pantasmas.

     É unha novela, segue a pensar o lector, de enfermidade (familiar e persoal), de loita continua que pon no futuro a meta a conseguir.Para iso, terá que clarexar o presente.

     A narradora quere comprender un pasado turbio e só nese futuro, tras aceptar o presente, está a súa salvación.

     A narradora precisa o acougo roubado polas circunstancias que a apreixan. Mais non perde endexamais a esperanza porque comprende que quedan situacións positivas para vivir.

     É unha novela de superación das adversidades – sobre todo as doenzas mentais que a condicionan -, de reverter feitos negativos, de non deixarse vencer por todo aquilo que a fere.

     Cando remata a novela, o lector está convencido de ter lido unha historia fermosa e dura. Amable, ás veces, e que o chega a sacudir por dentro.
Fica pensativo co libro pechado. A narración deixouno exhausto, pero feliz porque albisca o horizonte algo máis limpo.
Literatura tirada da vida. Vida na literatura, sostén de luz que precisa para ser máis feliz.

     E o lector quere un pouco máis á autora do libro. Como debe ser.
     Por iso decide, polo momento, baixar do carrusel.