jueves, 28 de febrero de 2019

UNHA CONVERSA EN PROFUNDIDADE CON IVÁN FERREIRO

Que Iván Ferreiro é unha referencia da música española a partir dos anos 90 é algo que non dubida ninguén. Ao longo dos trece anos que formou parte da banda Los Piratas, conxunto esencial dentro diso que os críticos dan en chamar indie, e despois a través dos varios discos que leva publicados en solitario dende 2005, o cantante e compositor vigués foi atopando unha voz de seu e dando vida a un universo musical sólido e de innegable calidade. Ferreiro vén de gravar hai ben pouco un novo disco, Cena recalentada, un tributo moi persoal á música de Golpes Bajos, unha banda moi adiantada ao seu tempo que tivo un papel moi salientable durante esa "movida" musical e cultural que nos anos oitenta xurdiu na cidade de Vigo.


Coa axuda do seu amigo Pablo Novoa e outros membros da formación orixinal do grupo, Ferreiro pasa as composicións de Golpes Bajos polo seu propio tamiz musical, reactualizándoas e presentándoas a toda unha nova xeración de fans. Coa excusa da publicación deste novo disco, propuxen a Iván gravar unha conversa en profundidade para un episodio do meu podcast Discos Memorables, na que tocariamos unha chea de temas diferentes, dende os seus comezos na música ata a xénese deste novo proxecto, pasando pola súa etapa en Los Piratas e comentando a súa concepción da música e da composición e mesmo evocando algunhas das lembranzas que lle suxiren todos os seus discos en solitario. O pasado 4 de xaneiro, coa xenerosidade que o caracteriza, Iván acolleume na súa casa e alí, no mesmo estudio no que el traballa diariamente na súa música, gravamos unha conversa dunha hora e media á que asistiu tamén o director deste blog-revista e que ofrecemos agora no vídeo que aparece aquí abaixo a quen estea interesado. Foi un pracer conversar con Iván e estou moi agradecido polo seu tempo e a súa participación.




                                                   ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ