lunes, 11 de febrero de 2019

ANDEL DE NOVIDADES (2): Editorial Kalandraka








Ilustrado por Manolo Figueiras, Kalandraka preséntanos, na colección Seteleguas, o libro de Francisco X. Fernández Naval, Os contos da avoa Pepa. Nel móstrasenos o gusto polas historias, os contos, as fábulas que, dende nena, engaiolaron a avoa e que ela contaba creando un mundo marabilloso no que os animais falaban e no que pasaban cousas que facían rir, e soñar, e emocionar e, ás veces, tamén, chorar. Un mundo inverosímil ou misterioso que debía ser contado.






A editorial Kalandraka continúa cun labor plausible e necesario como é recuperar libros de grandes autores e autoras clásicos, que deben manterse vivos nas librarías. Desta volta, é o gran Tomi Ungerer quen, en Novos amigos, nos conta a historia dunha familia subsahariana que chega a un novo barrio. Alí, sen amigos, Rafi  aproveita materiais reciclados para, no día do seu aniversario,  ir construíndo os seus propios amigos. Cando coñece a Ki, a filla dunha parella asiática que vive á beira da súa casa, as cousas comezan a cambiar…  (Colección Tras os montes).





Judith Kerr é unha novelista prestixiosa cunha obra sólida nas súas costas. En O tigre que veu tomar o té, a autora preséntanos unha nai e unha filla que están a merendar na cociña cando, de súpeto, soa o timbre. Abren a porta e aparece un tigre moi educado que lles di que ten moita fame e pregúntalles se pode tomar o té con elas. Aceptan a súa petición e o tigre zampa todo o que hai na casa mentres nai e filla asisten ao feito con absoluta naturalidade. Cando remata, despídese e vaise… Esta surrealista situación, chea de humor, fai desta historia un libro sedutor que leva ben anos sendo un dos títulos máis vendidos do Reino Unido. (Ed. Kalandraka. Col.Tras os montes)



 Que Jordi Sierra i Fabra é un dos escritores máis lidos pola mocidade non o dubida ninguén.  O que eu creo (de todo) é unha novela xuvenil diferente e máis innovadora das que escribiu o autor catalán. Xavier precisa comprender o que o rodea e comprenderse a si mesmo. Quere sentirse vivo e, dado o seu inconformismo, escribe este libro onde deita as súas preocupacións,os seus medos, as súas alegrías e as súas ilusións. Unha novela escrita con frases curtas que dan á historia un ritmo rápido pero, con mestría, Sierra i Fabra fai que entremos no interior do personaxe e comprendamos os seus sentimentos. (Ed. Faktoría K de Libros)