viernes, 1 de abril de 2016

PAPEIS RECOBRADOS (5) "Armas"


    Foto de Anxo Cabada



As armas son a educación, a palabra poética, a imaxinación, a música, as artes en xeral...
Esas son as armas que me interesan. Esas que enchen o espírito das persoas, que lles dan cor. Esas que permiten reflexionar, sentir, querer, loitar por mundos mellores, dende a palabra, os pinceis, as notas, as imaxes...




     
     Odio as armas que fan dano (que son todas, convencionais ou non). Odio esa permisividade e esa normalidade coas que, en nome de non sei que cousas, moita xente tenta de xustificalas.

     De aí este artigo que saíu no seu momento n´A Nosa Terra. Nel quero deixar claro a clase de armas que me interesan.
As demais sobran.





                                                      

                                           ARMAS

                                                                          


No último día dun curso de formación continua para docentes en Santiago, estou co meu amigo Manolo Bragado.Amósame un curioso marcapáxinas cunha mensaxe que nos debe facer reflexionar. 

     Contén unhas palabras de Nelson Mandela: “A educación é a arma máis poderosa que podes utilizar para cambiar o mundo”. Sempre me seduciu a figura de Mandela. O seu talante, conciliador e intelixente, é un exemplo de capacidade política para resolver conflitos a través do consenso e o diálogo. Estas palabras do líder sudafricano deberían telas moi presentes os que teñen nas súas mans as chaves dos proxectos educativos. 

     
Nelson Mandela

     A educación como arma, a poesía como arma, a música como arma son conceptos que nos permiten pensar. Non me gusta a palabra arma. Pero se a educación, a poesía e a música puidesen servir para eliminar actitudes nocivas para a convivencia e reavivar valores de liberdade, de respecto á diferenza, de solidariedade, de xustiza etc.estou disposto a empuñar esa arma sen ningún tipo de remorso. 

     


     Daquela, os libros de Educación para a Paz de Xesús Jares, serían unha arma indispensable. 
     A obra dos Beatles ou de Beethoven serían armas poderosas para encher de rebeldía e esperanza o noso espazo vital. 
The Beatles

     Os versos dos poetas, que resoaron firmes ao longo dos tempos para combater os desatinos, serían armas disparando aloumiños e flores. Si, a educación como arma, símil ou metáfora necesaria, para facer máis respirable a atmosfera social que nos abafa. 

     
Miguel Hernández

     As verbas de Mandela lévanme a Miguel Hernández, nuns versos memorables: “Tristes armas / si no son las palabras. / Tristes, tristes”. 

     Esas son as armas que me gustan.


           
                                                                                   

                                                                                                                    ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO