jueves, 10 de marzo de 2016

A EMOTIVIDADE DUN ENCONTRO DE XULIO GARCÍA RIVAS CON PACO IBÁÑEZ EN VIGO


Xulio con Paco Ibáñez e Julia.

Encántame compartir coas persoas que quero todo aquilo que me gusta.
     E  cando a persoa é un ser sensible, comprometido coa beleza, un grande artista e un ser humano de bondade infinita, ese acto de compartir convértese nun verdadeiro pracer.

     Isto foi o que aconteceu co meu amigo/irmán Xulio García Rivas. Tiña ganas de coñecer a Paco Ibáñez polo moito que significou (e segue a significar) para el este home dunha humanidade infinita e un talento musical e interpretativo envexables.
     Así que, en canto apareceu a primeira oportunidade, Xulio coñeceu a Paco e viviu con el e amigos un xantar inesquecible na casa da miña sogra.
     
     Foi algo especial. Xulio agasalloulle unha obra fermosísima, cantamos, recitamos, conversamos, tomamos un polbo á feira delicioso e resultou unha velada emocionante e inesquecible.
     
     
Julia, Paco e Xulio coa acuarela que lles agasallou

     Por iso, animeino a que escribise o que para el significou este encontro. Que o contase aos amigos e amigas de Versos e aloumiños.
     Tomouno con calma. Estivo a traballalo durante meses  (no tempo que lle deixaban as súas ocupacións persoais)   e o texto está aquí para poder ser degustado por vós.

     Unha vez máis contamos coa colaboración de Xulio García Rivas.

     Un luxo para nós. Estamos moi felices e agradecidos á súa persoa.
     Grazas, mestre.

Paco Ibáñez no concerto de Vigo




PACO IBÁÑEZ


Treboada de emocións e liberdade a través da poesia
                                                                                                                             
                                                                                                                                        
                                                                                                                                         


                                                                                                                                           Ininterrompidamente, prosegue
                                                                                                                                          a súa obra sen fatiga
                                                                                                                                          (Lao Tsé, fragmento VI do Tao te King )


     
   
     En Vigo na casa de Antonio García Teijeiro e Susi sempre atopei a presenza da música de Paco Ibáñez. Sabía da súa grande amizade, da súa irmandade porque Antonio sempre me contaba os proxectos que estaba a preparar con Paco Ibáñez, as súas viaxes a Barcelona para participar nalgún concerto, xa que Paco Ibáñez puxéralle música a algúns  poemas de Antonio.

     Un bo día comenteille a Antonio  o que Paco Ibáñez significaba na miña vida. Un cantautor que me acompañou en momentos moi decisivos no meu camiño e da grande admiración que eu lle profesaba. Quedamos en que na primeira ocasión que Paco Ibáñez viñese a Vigo ou a Galicia que faría o posible para que o puidese coñecer persoalmente. Esa ocasión produciuse  con motivo do concerto  que Paco Ibáñez ía  dar en Vigo  no  Centro Cultural Afundación o día 30 de Maio de 2015.
    
     Cando Antonio me deu a noticia,  enchéuseme o corazón  de alegría. Aínda que a boa noticia viña acompañada dun encargo de Antonio :  deseñar un Cartón  para o concerto de Paco Ibáñez . A verdade que era un encargo ilusionante ao ter a oportunidade de realizar un traballo relacionado cun dos cantantes españois que máis admiro . Imaxinei unha alegre pomba voando sobre un mar de luz.
 
Cartón deseñado e pintado por Xulio García Rivas para o concerto
     O día do concerto fun en tren a Vigo e na viaxe recordei palabras fermosas, duras, reivindicativas, inconformistas e  concienciadoras dun tempo sombrío, desacougante, demoledor; un tempo que nos pesaba na alma como un sinistro corvo sanguinario. Palabras de grandes poetas aos que canta Paco Ibáñez, poesía convertida en cancións  con extraordinario talento por Paco Ibáñez que é capaz de superar a dificultade de poñer música a poesía de Góngora, Quevedo ,Jorge Manrique,García Lorca ou  Alberti  logrando que esas composicións sexan intemporais e contribuíndo a  que eses autores teñan chegado a moitas persoas.
    
     Paco Ibáñez é a “ voz dos poetas” porque sabe ,como ningún outro , descubrir a música contida nun poema, é o músico co que soñan os poetas como nos di Gabriel Celaya. A poesía busca conmover  e Paco Ibáñez cántanos para que a súa luz nos traspase e quede para sempre na nosa memoria e alimente a nosa alma. Un exemplo de artista comprometido do que eu admiro a súa integridade, a coherencia, a independencia  e o compromiso radical coa liberdade sen ceder nunca a ningún poder nin a ningunha prebenda. Paco Ibáñez ten rexeitado importantes premios en Francia (Ordre des Arts et des Lettres concedida polo goberno  de Mitterrand ) porque como el  sinala :
"Un artista ten que ser libre nas ideas que pretende defender. Á primeira concesión perdes parte da túa liberdade. A única autoridade que recoñezo é a do público e o mellor premio son os aplausos que leva un á casa."


     Nunha  escenografía  mínima apareceu a figura de Paco Ibáñez de negro e abrazado a súa guitarra enchendo  de vida o  espazo  baleiro. Viñéronme á memoria os pintores taoístas que tamén valoraban   o baleiro nas súas  marabillosas tintas. Paco Ibáñez ocupa  o espazo  do escenario coa súa peculiar voz e
cos acordes da súa guitarra crea con estilo  elegante  a música que xorde das palabras dos poetas.
     
     Velaquí os argumentos dos que se vale Paco Ibáñez para conmover cun ballón de versos que navegan  nun mar de luz cara ao porto da liberdade, onde os acolle o noso corazón  abríndonos a porta do xardín da máxia, da poesía e da música.
     
Paco e Xulio na velada do día seguinte
     A súa voz fixonos camiñar pola historia da literatura en Lingua Castelá  e  doutras linguas entre elas  o Galego xa que ten interpretado algúns poemas de Celso Emilio Ferreiro e de Antonio García Teijeiro.  Precisamente neste concerto Paco Ibáñez cantou  un poema do  meu admirado e querido irmán Antonio. Un dos momentos máis emotivos do concerto produciuse cando Paco Ibáñez reclamou a presenza no escenario de Antonio. Os dous cantaron o poema Pomba  de Lume logrando que o voo dos versos e da música  acariñasen docemente o noso espirito.
Teño especial cariño á canción “ El Lobito Bueno / Érase una Vez”  baseada nun poema de José Agustín Goytisolo. Eu tiña a ilusión de que Paco Ibáñez a interpretase neste concerto de Vigo e así foi.

     Con esta canción lograba durmir o meu fillo Xavier cando era moi pequeno e non había forma de que conciliase o soño . Un deses días,  Alicia díxome  a ver se co lobito era quen de durmir. Canteilla con el  no colo polo corredor da nosa casa de Tui e.. ¡ milagre ¡ durmiu, malia o mal que eu canto. Tamén se tranquilizaba cando viaxabamos  e no coche eu  dicíalle   : ”Érase una vez un lobito bueno al que maltrataban todos los corderos… “

      Unha música máxica para un marabilloso poema.

                                                                                                               XULIO  GARCÍA  RIVAS


Julia, Susi, Paco e Xulio