lunes, 24 de agosto de 2015

DARDO POÉTICO (XXIV). Poema de Xosé Vázquez Pintor para Alicia.



     Falei de Alicia Alonso Romero máis dunha vez.
     
     Quixen a Alicia Alonso Romero moitas veces.
     
     Máis ben, quíxena sempre.
     
     
     
Alicia no estudio de Xulio (A Coruña)
A súa intelixencia, a súa amabilidade, a súa tenrura, a súa capacidade para amar as persoas, a súa vea artística, as súas ganas de vivir contaxiaban a todo aquel que estivese ao seu redor.
     
     Con Xulio García Rivas escribiu fermosas páxinas e fermosos lenzos de convivencia, de amor xeneroso, de mutua ilusión compartida.
     
     Xulio, Alicia e Xavier estiveron sempre moi preto de nós. Dende Tui ata á Coruña, pasando por Vigo, fixemos decote travesías de afecto de difícil definición.

     Os seus escritos, os seus debuxos, as súas habilidades manuais definiron a Alicia coma unha muller viva, chea de inquedanzas e motivadora para os que estabamos con ela.

     Xulio non sería o que é hoxe (descúlpame, irmán) sen o coidado de Alicia, sen a súa visión das cousas, sen o seu apoio, a súa paciencia. Falo dende o punto de vista do pintor. E Xulio constantemente ao seu lado nos bos e nos difíciles momentos que tiveron que soportar.

     
Xulio, Alicia, Alba e Susi na Coruña.
     Alicia adoraba os seus amigos.
     Un deles, o prestixioso narrador e poeta Xosé Vázquez Pintor. Unha longa amizade uníaos. Era amigo dende idades temperás de García Rivas. Nunca perderon o contacto e, se o perderon polas cousas da vida,non tardaron en retomalo. Non se afastaron afectivamente endexamais.
     
     Vázquez Pintor naceu en Melide. Xulio, en Borraxeiros e aquí, precisamente, fraguou unha amizade cando ambos eran mozos.

     
Vázquez Pintor (dereita) e Xulio Gª Rivas (esquerda)


     Hoxe, ambos admíranse mutuamente. Son dúas persoas de prestixio: un co pincel e outro traballando coas palabras.

     Cando Alicia faleceu, Xosé Vázquez Pintor enviou a Xulio e Xavier un poema fondo, cheo de afecto e de emoción. Xulio comentoumo e eu pedinllo para publicar en Versos e aloumiños.
     
     Unha xoia de poesía comprometida cos sentimentos máis íntimos do ser humano.

     Aquí está para que o poidades saborear.

     
     Palabra de amor.


                                                                                         (Dous acrílicos sobre lenzo, "O mar de Alicia" II e III de Xulio GªRivas)

ALICIA

Sempre estás na beiramiño de noso cando eras
filla do sorriso e voz tan limpa coma en alba
medraba para sempre na casa e no obradoiro
de Tide onde volos tres erades meus amigos
que teño coma ouriolos nas árbores da vida.
Souben que te foras para onde nada se perde
e agora estás aló na garita dos milenios

na sendistancia daquela voz e na memoria
que ben sabes que persiste no alenmar e río
senlleiro e caudaloso
onde din Alicia, coma en rosa permanente.


Xosé Vázquez Pintor
Cangas, 8 de maio 2015
Co noso cariño sempre



                                                                                                                     ANTONIO  GARCÍA TEIJEIRO