lunes, 13 de octubre de 2014

UN TEATRO COMICAMENTE ENGAIOLANTE: O ACHADO DO CASTRO de Núñez Singala



  


          Non me canso de loar aquelas editoriais que se lembran de publicar teatro nas súas coleccións importantes. Galaxia é unha delas.

      Non me canso de animar os mestres e mestras a que prescriban libros de teatro ao seu alumnado. Que se acostumen a ler obras teatrais é ben beneficioso para a súa formación literaria e , de paso, para unha mellor expresión oral no día a día.Diálogos vivos que lles van permitir fixarse nas construcións lingüísticas que, pouco a pouco, irán utilizando na súa linguaxe común. Ademais de divertir, de facer pensar, de amosar as diversas caras da sociedade, o teatro forma en outros moitos aspectos da vida.
       
     Pero, por riba de todo, está o pracer de ler historias ben construídas e cuns personaxes que falan tan directamente, que os lectores/as axiña os van percibir e  sentir ben preto. Van acceder nun intre aos seus sentimentos, ás súas dúbidas, á súa maneira de estar e andar polo mundo.
     
      E isto ocorre coa engaiolante lectura d´O achado do castro, do escritor lucense Manuel Núñez Singala.
    
Manuel Núñez Singala
      Editada orixinalmente en 1991 (gañou en 1987 o Premio Xiria de Creación Teatral), leva un percorrido longo, no cal os lectores e o público máis variado non cesan de aplaudila.
    
     Como ben explica  o autor nunha nota a esta edición da Editorial Galaxia na colección  Costa Oeste, “tantos anos obrigan a uns retoques, aínda que mínimos: o texto é o mesmo de sempre, a estas alturas pareceríame unha especie de traizón cambialo, pero si quixen aproveitar a ocasión para actualizalo de acordo cos estándares normativos actuais”.
    
     E, malia os anos transcorridos, a obra posúe unha frescura evidente e un humor moi actual; ese humor universal, que permite a quen le ou ve a representación  sorrir pola intelixencia dos diálogos, a tipoloxía dos personaxes e o alto grao de complicidade que o texto amosa.
    
Representación da obra polo Grupo Municipal Xuvenil de Ribeira
     Sucede na Roma antiga, xógase coa lingua (o uso dun latín macarrónico resulta todo un acerto), captas as chiscadelas irónicas que o autor propón, entras na historia de amor (moi ao Romeo e Xulieta), gozas coas cómicas aparicións dos dous ladróns antitéticos (o listo e o parvo) comoCatulo e Caleno, aprecias o escravo, un personaxe negro, esperto e irónico e,case sen decatarte, xa formas parte dunha atmosfera entrañable, caótica, pero decote acolledora.
     O achado do castro é unha obra con dous actos, dúas escenas no primeiro deles e unha única escena no segundo. Moitas veces representada por grupos xuvenís e nos institutos cun grande éxito.
    

      O humor, as situacións intelixentemente asombrosas, os personaxes tan ben perfilados fan d ´O achado do castro unha lectura que enfeitiza e que non debemos deixar de ler.
     Parabéns, unha vez máis, a Galaxia  porque, de novo en pouco tempo, nos permite ler e comentar unha obra de teatro, algo que se agradece moito.
    
     Que non se perdan estes bos costumes.

                                                                                                        ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO