domingo, 2 de junio de 2013

DÚAS PEQUENAS MOSTRAS DA ACTUACIÓN DE PACO IBÁÑEZ NA PRESENTACIÓN DE "UN RATO DÍXOLLE Á LÚA"

Coido que a emoción que sentimos os que nos reunimos o día 28, arredor de "Un rato díxolle á lúa", quedou ben clara na entrada dedicada ao acto.
Pero un segue lembrando unha chea de detalles pequenos, que lle dan unha dimensión máis rica a esa vivencia compartida.
Persoas de profesións tan diferentes. Persoas de idades tan diferentes. Persoas con ideoloxías tan diferentes. Todas, todas salientaron a grandeza da presentación.

E, aínda que o libro foi o motivo que nos reuniu alí, hei dicir que, nestes tempos tan grises, tan escuros, con tanta inxustiza e desvergonza, resulta un milagre que tantas persoas (máis de duascentas) vibrasen coa POESÍA, coa MÚSICA e coa PINTURA en forma de ILUSTRACIÓN de alta calidade.

E que PACO IBÁÑEZ estivese presente, COMA UN GALEGO MÁIS, lévanos a dicir que o ser humano, na súa esencia, pode chegar a vivir infinitas realidades e emocións. PACO, confesoumo, entendeu todo o que alí se dixo e en Peinador despediuse cunha emoción indescritible.

Ben, pois como un agasallo, aínda que fóra do ambiente irrepetible que vivimos, aquí tedes uns vídeos cortos do gran MESTRE da POESÍA sen adxectivos cantando "O vento dorme" e a celebrada polos asistentes , que cantaron coa felicidade nos seus rostros "Pomba de menta".

Despois da tempestade vén a calma. Pero se atopo calquera persoa, que estivo na Casa do Libro,os adxectivos empregados van todos na mesma dirección. E iso é un orgullo para a nosa lingua, para a nosa poesía, para, en definitiva, valorar, como se merece, a PALABRA LITERARIA.


Paco Ibáñez cantando "Que ocorre na terra?"