miércoles, 26 de febrero de 2025

ANTÓN GARCÍA FERNÁNDEZ CONVERSA SOBRE ROCK E LEMBRANZAS CON JORDI SIERRA I FABRA

Entre as miñas mellores lembranzas de cativo e adolescente atópanse as moitas ocasións nas que o escritor Jordi Sierra i Fabra, amigo de meus pais dende hai décadas, viña a Vigo por calquera razón e pasaba sempre pola nosa casa. O propio Jordi sabía que entón eu ía aproveitar eses momentos para facerlle todo tipo de preguntas en especial sobre os meus adorados Beatles. Porque, claro, eu xa tiña lido moitas das novelas de Jordi (clásicos como El último verano miwok, Campos de fresas ou Malas tierras), pero coñecía tamén a súa faceta como crítico e historiador do rock. E para min naqueles intres esa faceta tiña aínda máis interese ca  a súa literatura, pois xa lera con devoción El joven Lennon (unha novela de temática beatlemana que me causaba tal fascinación que eu mesmo quería ser ese xove Lennon), o Diccionario de los Beatles (o primeiro libro deste estilo xamais publicado, e con moito material gráfico da colección persoal de Jordi) ou o Diario de los Beatles (obra magna para min importantísima neses anos previos a internet). Pola casa de meus pais andaban tamén as enciclopedias do rock e o pop de milleiros de páxinas escritas sen axuda de ningún tipo polo propio Jordi, así que para min era tan novelista como historiador rockeiro.




E todas esas lembranzas xurdiron de novo cando escoitei que Jordi viña de publicar, a finais de 2024, Mis años rockeros (Ed. Sílex), un volume de memorias no que fala en primeira persoa de todo o que viviu ao longo dos anos nos que dirixiu revistas musicais da importancia de Disco Exprés ou Popular 1, algunhas das cales mesmo fundou ou cofundou. O libro trata en profundidade a relación de Jordi co mundo do rock, en especial nos anos setenta, antes de que diminuíse o seu labor musical cando decidiu converterse en escritor de novelas. As súas páxinas están cheas de anécdotas (mentres lía o libro lembrei ao propio Jordi contando moitas delas de viva voz durante esas visitas a Vigo cando eu era neno) e o libro é moi recomendable non só por relatar as vivencias de Jordi, senón tamén por reflexionar sobre a historia do rock en España e a súa relación moitas veces tensa coa prensa escrita.


Hai unhas semanas tiven a oportunidade de gravar unha longa conversa con Jordi sobre Mis años rockeros para un novo episodio do podcast literario que presento na miña canle de YouTube, El Envés de la Página, e supuxo para min un indescritible pracer poder parolar con el sen límites de tempo. O resultado déixovolo nesta ligazón agardando que vos interese, pero por riba de todo, recomendando que procuredes e leades este magnífico libro de Jordi.


ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ




martes, 18 de febrero de 2025

PACO IBÁÑEZ CANTA NO TEATRO CAMPOS ELÍSEOS DÚAS CANCIÓNS DE ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

PACO IBÁÑEZ


Escoitar a Paco Ibáñez cos seus noventa anos nas costas é algo difícil de explicar con palabras.

Os seus concertos son encontros coa xente que o admira, que o quere, que estivo sempre ao seu carón. Todo encontro, coa naturalidade do tempo vivido coas súas cancións, sempre nos presenta ese Paco amable, loitador, humanista, agarimoso, crítico, artista, enorme compositor e trobador dos poetas de todos os tempos. Cada concerto convértese en algo entrañable e máxico.

Iso ocorreu o sábado día 15 de febreiro, no Teatro Campos Elíseos de Bilbao.

Cun público absolutamente entregado, Paco Ibáñez cantou arredor de 18 cancións, entre as que se atopaban homenaxes á terra vasca (3), á nosa Galicia (3) e ao seu referente indiscutible Georges Brassens (2). Tamén soaron Miguel Hernández, Antonio Machado, Francisco de Quevedo, García Lorca, José Agustín Goytisolo, coas popularísimas El lobito bueno e Palabras para Julia, Rafael Alberti etc.

Compartindo escenario con Paco nun concerto en Vigo


Eu tiven a fortuna de escoitar na súa voz dúas cancións: Que ocorre na terra? -como case sempre- e a estrea de O vento dorme. Non puiden sentirme máis emocionado. Sempre me parecerá un milagre escoitar a Paco en galego cantando dous poemas meus por el musicados. A xenerosidade do mestre.

Se a isto lle engadimos unha terceira canción no noso idioma, Chove, de Celso Emilio Ferreiro, temos que salientar o agarimo que lle ten a esta nosa Galicia.

 

Celso Emilio Ferreiro

Cuns músicos extraordinarios como Mario Mas (guitarra) que guía as interpretacións, Joxan Goikoetxea (acordeón), Pep Pascual (efectos especiais) e Pep Bou (poesía visual), o espectáculo adquire un nivel de moitísima altura.

E que dicir da voz marabillosa de Soleá Morente interpretando Nana de la mora, de José Ángel Valente. Deixou engaiolado todo o auditorio.

 


En fin, máis de hora e media de emoción sen límites, que nos deixaron cheos de serenidade e vida. Un concerto memorable.

Versos e aloumiños presenta  o vídeo coas dúas interpretacións dos meus poemas. Védeo e escoitádeo. Sentiredes a fonda mestura da poesía coa música.






jueves, 30 de enero de 2025

Conversa arredor de "Sentado diante da fiestra" na Asociación Évame-Oroza. Xaneiro 2025

 



Que o libro Sentado diante da fiestra dá moito para conversar é un feito.

Así o considerou Xabier Romero, director da Editorial Elvira e presidente da Asociación Évame-Oroza e decidiu que fixésemos unha palestra arredor dalgúns temas que se tratan nesta compilación de artigos.


Os tres participantes no acto

Isto levounos á sede da Asociación a María Xosé Porteiro, escritora, xornalista e activista cultural (á que tanto quero), ao propio Xabier e a min para conversar.

Foi un acto entrañable, dirixido por Mª Xosé, no que interveu Susi Fernández, a miña muller, e algúns dos presentes entre o público.

Moi feliz por estar máis dunha hora falando da miña vida, dos meus obxectivos, de cultura, da sociedade e de literatura, esa arte que tanto nos encanta.

 

O acto foi recollido en audio e, embaixo, está reproducido para todos e todas as seguidoras deste blog-revista.






 


miércoles, 15 de enero de 2025

O TROBAPAZ REVIVIU en XANEIRO de 2025 no SALÓN do LIBRO de Madrid.

Os participantes no acto do Trobapaz no Salón do Libro de Madrid


O pasado día 9 en Madrid viviuse o reencontro do TROBAPAZ, despois de moitos anos. Poemas en varias linguas e co tema pricipal: a PAZ e a denuncia da CRUELDADE DA GUERRA.

Alí déronse cita os cinco poetas que leron e escoitaron os seus poemas en cinco linguas: Miquel Desclot (en catalán), Antonio García Teijeiro (en galego), Juan Kruz Igerabide (en éuscaro), Ana María Romero Yebra (en castelán) e Abdul Hadi Sadoun (en árabe).

 

Tras o saúdo e benvida de Isabel Molina, Presidenta do Consejo General del Libro e da coordinadora do acto, Sara Moreno, comezaron a lectura os cinco poetas citados.

No mesmo proxecto lector, leron poemas dos cinco poetas Vanesa Pérez-Sauquillo (inglés), Pilar González (chinés) e Mihaela Gutiérrez (romanés).

Foi un acto fermoso da unión das distintas linguas do Estado español e de tres máis que enriqueceron o espírito poético común e que o público seguiu con respecto e ledicia.

Ao remate da sesión, os poetas asinaron e dedicaron o libro aos asistentes. Un libro que fora editado en 2009.

 

Como vén sendo habitual, o acto foi gravado en audio e Versos e aloumiños, unha vez máis, ofrécellelo a todos os seguidores deste blog-revista.

Está deseguido.








Despois de rematar as diferentes lecturas, cada autor e autora leu un novo poema.

Antonio García Teijeiro leu o poema:

 

and you turn and run farther

                                       when the fast bullets fly

 

Cando recibiu a orde

       de atacar

o neno decatouse

       de que era Nadal

       e perdeuse nas sombras.

Colleu o fusil

       descargouno

       soterrouno

                       baixo a neve

       e guindou as balas

                       contra o ceo.

Desapareceron entre as nubes.

                       Non soubo delas xamais.

Non tardaron as folerpas en

                       acariñar a súa faciana.

Eran grises

                       azuis

                       vermellas.

Ulían a lume.

       Ulían a paz.

Ao lonxe    nun órgano

       alguén tocaba unha panxoliña

                       alguén tocaba

                                       Silent night.

 

O home, coa súa guitarra foi rematando pouco a pouco a canción

       e agachaba a cabeza

                       mentres dicía case para si:

... Señores da guerra,

cando as balas comezan a sucar o aire

dades a volta e saídes correndo...

 

Lectura que foi introducida pola satisfacción persoal da concordia entre linguas 

e pola denuncia do xenocidio que se está a producir en Palestina.

 

Embaixo está a gravación en vídeo da lectura, aínda que falta a súa 

reivindicación.









miércoles, 18 de diciembre de 2024

AUDIO DA PRESENTACIÓN DO LIBRO "SENTADO DIANTE DA FIESTRA", de Antonio García Teijeiro no CLUB FARO

 

De esquerda a dereita, Manuel Bragado, Noa García, Antonio GT e Xabier Romero (Foto de Pablo Hernández)


 

O luns día 16 de decembro, presentouse no Club FARO, no MARCO, en Vigo, o libro Sentado diante da fiestra, de Antonio García Teijeiro.

 Unha edición marabillosa, ao coidado de Arantxa Amatriain e Rubén Romero, que Editorial Elvira, no seu selo Luscofusco, tirou do prelo cun agarimo e unha elegancia admirables e na que teñen unha presenza salientable as pinturas de Xulio García Rivas.

 


Sentado diante da fiestra é un monllo de 51 artigos publicados por García Teijeiro no suplemento Estela, do decano da prensa nacional e un deles, á marxe da revista, co gallo do centenario do Real Club Celta de Vigo.

 Participaron nesta charla-coloquio, ademais do autor, Manuel Bragado, que falou do libro e de AGT, Xabier Romero, que presentou o acto como responsable da editorial e a xornalista Noa García (filla do autor) que foi a responsable da entrevista.

Noa e AGT



Resultou un acto fermoso que foi seguido polo numeroso público asistente e respirouse un aire de reivindicación da palabra literaria, da necesidade de pensar, da fuxida do pensamento único, da preguiza intelectual que se está instalando na sociedade e moitos temas e anécdotas de García Teijeiro.

A música, a poesía, a lectura literaria, o xornalismo narrativo e literario tamén saíron á palestra nun acto do que o público saíu moi satisfeito.

 



A charla-coloquio foi gravada en audio e, loxicamente, Versos e aloumiños ten o pracer de ofrecelo a todo aquel que queira saber o que alí se dixo.

Así pois, embaixo destas liñas está a gravación para que poida ser escoitada.