martes, 18 de febrero de 2025

PACO IBÁÑEZ CANTA NO TEATRO CAMPOS ELÍSEOS DÚAS CANCIÓNS DE ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

PACO IBÁÑEZ


Escoitar a Paco Ibáñez cos seus noventa anos nas costas é algo difícil de explicar con palabras.

Os seus concertos son encontros coa xente que o admira, que o quere, que estivo sempre ao seu carón. Todo encontro, coa naturalidade do tempo vivido coas súas cancións, sempre nos presenta ese Paco amable, loitador, humanista, agarimoso, crítico, artista, enorme compositor e trobador dos poetas de todos os tempos. Cada concerto convértese en algo entrañable e máxico.

Iso ocorreu o sábado día 15 de febreiro, no Teatro Campos Elíseos de Bilbao.

Cun público absolutamente entregado, Paco Ibáñez cantou arredor de 18 cancións, entre as que se atopaban homenaxes á terra vasca (3), á nosa Galicia (3) e ao seu referente indiscutible Georges Brassens (2). Tamén soaron Miguel Hernández, Antonio Machado, Francisco de Quevedo, García Lorca, José Agustín Goytisolo, coas popularísimas El lobito bueno e Palabras para Julia, Rafael Alberti etc.

Compartindo escenario con Paco nun concerto en Vigo


Eu tiven a fortuna de escoitar na súa voz dúas cancións: Que ocorre na terra? -como case sempre- e a estrea de O vento dorme. Non puiden sentirme máis emocionado. Sempre me parecerá un milagre escoitar a Paco en galego cantando dous poemas meus por el musicados. A xenerosidade do mestre.

Se a isto lle engadimos unha terceira canción no noso idioma, Chove, de Celso Emilio Ferreiro, temos que salientar o agarimo que lle ten a esta nosa Galicia.

 

Celso Emilio Ferreiro

Cuns músicos extraordinarios como Mario Mas (guitarra) que guía as interpretacións, Joxan Goikoetxea (acordeón), Pep Pascual (efectos especiais) e Pep Bou (poesía visual), o espectáculo adquire un nivel de moitísima altura.

E que dicir da voz marabillosa de Soleá Morente interpretando Nana de la mora, de José Ángel Valente. Deixou engaiolado todo o auditorio.

 


En fin, máis de hora e media de emoción sen límites, que nos deixaron cheos de serenidade e vida. Un concerto memorable.

Versos e aloumiños presenta  o vídeo coas dúas interpretacións dos meus poemas. Védeo e escoitádeo. Sentiredes a fonda mestura da poesía coa música.