viernes, 15 de marzo de 2019

DARDO POÉTICO (LIX) : "SILENCIOS", UN PROXECTO POÉTICO DE ANA MARÍA FERNÁNDEZ







Sempre resulta interesante asomarse a aquilo que escribe Ana María Fernández. Sexan os seus textos en prosa, en verso para a infancia e a mocidade ou para todos e todas; estean escritos en solitario ou compartindo creación con Xoán Babarro, un grande da nosa LIX, Ana María é quen de acariñar os sentimentos do lectorado, sacudilos ou  e tirar deles milleiros de emocións.

 
Ana Mª Fernández
Por iso está aquí, de novo, en Versos e aloumiños. Vímonos en Santiago nun acto na RAG en conmemoración de María Victoria Moreno, pechando o seu ano. E pedinlle algo. Non podía deixar pasar a ocasión. Ela, admirable e xenerosa, accedeu á petición. Despois dun certo tempo, enviounos este proxecto poético, Silencios, seis poemas que peturban, que chaman a nosa atención nun mundo estraño e que nos levan a gozar da palabra poética de xeito intenso.

     Gozade, lectores e lectoras deste blog-revista, da capacidade de seducir dunha gran poeta.




SILENCIOS


I
Nun paseo tardío
escoito o berro dunha folla, desigual a outras da súa especie,
única na tonalidade, na degradación das cores,
enrugada e encollida por distintas intemperies,
que, para máis datos, protesta con diferente intensidade.
Xulio García Rivas. Tinta chinesa sobre papel
Porque, a dicir verdade, outra fonética advirto na crebadura do seu traxe,
no corte seco do pecíolo polo belisco do vento.
Unha folla que, sen dúbida, foi magnífica no seu tempo,
que pasou as tres reválidas dos meses luminosos,
engaiolada, verde e fachendosa, no souto cantareiro.
Cae unha e caen outras con ela,
pero non saben que contarse;
quizais que á primeira lle nacera unha mancha na cara,
por onde cruzaban as formigas.
Ou que a segunda, en tempos, era a preferida do escornabois…
Caeron varias follas desde as ameas das ramas
e rebotaron resignadas esculcando os arredores,
por saber que pantano ou que camiño devoraría o seu recordo,
quizais a bota dun humano furtivo.
É outono…
E estas cousas pasan.





           II


Anuncia hoxe o mar un novo desafío
no altofalante dos cabos,
mentres esvaran, nos arrabaldes do horizonte,
as ondas quentes do verán.
Xulio García Rivas.. Acrílico. Lenzo
Mostra, fachendoso, as enrugas do frío
cunha paleta grisalla.
Ronca teimudo, unha e outra vez,
no ensaio das borrascas
e suplica, coa gaita do seu labio,
a chegada vitoriosa do vento,
que se despraza con rodas de mudanza.
No horizonte,
un sol vello,
altivo
e insumiso,
aférrase aos azuis cun brazo vermello
na procura da prórroga de lume
que lle permita incendiar
o último horizonte.







 III

Digo páxina e agardo
a que o silencio se faga dono dos arredores.
Só o eco das sílabas se cambalea, desolado,
Xulio García Rivas. Tinta chinesa sobre papel
adiviñando o precipicio  do esquecemento na tertulia dos labios.
Digo brote e os demais adiviñan a supervivencia do verde,
da Terra, que nos mira sen que lle importen os vivos.
Pero, no silencio,
caben todas as intencións
e unha palabra é unha intrusa,
fuxitiva,
sen a suficiente documentación
como para quedar onda nós por moito tempo.





  

  IV


Nas páxinas da soidade,
sinto vibrar a alma
cunha porcentaxe apaixoante de certeza.
Rebélaseme potente,
dadivosa,
intransixente.
Cova,
nai,
Xulio García Rivas. Acrílico sobre táboa
presenza,
desmesura de silencio…
Ocúltase á inquisidora insistencia
do cazador de recompensas,
nunha vertixe máis ca centenaria.
Véxoa libre
no interior máis secreto,
na perfecta converxencia
do ser consigo mesmo.
Viva,
con alicerces de ás,
e farfallar de fervenzas…
Locuaz
no consenso das células.
Guerrilleira
no camiño.
Eterna
na súa causa.





V

E onde pode estar
o incenso conmovido?
A oración sen boca despois do sol da tarde?
Este silencio de coágulo,
saciante,
subterráneo,
suculento,
aborixe do interior,
marxe de sombras,
ten areas repentinas,

un babel de insomnios,
Xulio García Rivas.. Tinta chinesa sobre papel
pulsacións de lóstregos nocturnos,
pasados, presentes, futuros
e unha risa desaparecida.
No interior,
estás ti,
estou eu
e, nas ruínas dos malvóns,
vibra unha estrela,
contendo o ruído do seu brillo.








  
VI

Do que máis falamos agora
é do descoñecido.
E facémolo decote,
mentres a vida segue,
conmove
Xulio García Rivas. Tinta chinesa sobre papel
e armoniza rancores
nos suburbios infelices.
Ao espertar,
feridas de ausencias
abren sucos de carne
e moldean espellismos
nos eidos das brétemas confusas.
Pero do que máis falamos ti e mais eu,
coas palabras de sempre,
é do descoñecido.
Quen entende os proverbios da alma?
Quen coñece a liturxia do Paraíso
na verdade dos límites?



lunes, 11 de marzo de 2019

REMUÍÑO DE LIBROS (58) "O segredo de Avó Oso", de Pedro Mañas







TÍTULO: O segredo de Avó Oso

AUTOR:  Pedro Mañas

ILUSTRADORA: Zuzanna Celej

Versión galega de Manuela Rodríguez


EDITORIAL: Kalandraka, 2019.


Pedro Mañas é poeta –un bo poeta- e ben que se nota cada vez que escribe un texto en prosa. Teño diante miña, un álbum fermosísimo, O segredo de Avó Oso, publicado pola editorial Kalandraka. Entusiasmoume.
     

Unha escrita poética, maxistralmente descritiva, chea de tenrura e delicadeza. Cunha economía de linguaxe que se agradece nos álbums, o autor vai tecendo unha historia de misterio que se desenvolve na natureza. É a natureza un personaxe máis do álbum que nos presenta o remate do inverno moi ben representados polo autor e pola ilustradora.
     
Pedro Mañas (Foto: Kalandraka)

      E se falamos de poesía, fixemos a atención no comezo da historia: Coma un borrón de tinta chinesa sobre un caderno en branco. Así cae a sombra de Mamá Corvo sobre as árbores. Un delicioso comezo que augura un relato delicado e elegante.
     
     É o bosque nevado o escenario onde se atopan Mamá Corvo e Avó Oso. Este remata o seu letargo invernal pero non é quen de lembrar onde agochara un segredo. Isto obsesiónao. Buscan e buscan pero o segredo non dá aparecido. A resposta sempre é a mesma : Non, non foi aí onde o agochei. Como dubida, perde seguridade e, daquela, séntese vulnerable.
    
Ilustración de Zuzanna Celej
     
     Pedro Mañas escribe un texto de misterio, si, pero ateigado de poesía que nos permite acceder a unha natureza humanizada, marabillosamente descrita polo autor e na que as prosopopeas e as metáforas dan brillo ao texto. E o texto, en conxunción coas ilustracións, aparécenos brillante e cheo de agarimo por todo aquel que  aparece nesta historia. Pura felicidade.
     
     
Zuzanna Celej
Mención especial, como queda claro, merecen neste álbum as espléndidas ilustracións de Zuzanna Celej,  porque, como di Ramón Nicolás, –a quen lle roubo estas palabras-  o seu discurso plástico, “abraza unha concepción discursiva, a meu entender, como un texto poético segmentado, onde a interpretación de Celej resulta todo un achado nun reto pragado de dificultades que solventa cun xogo de encadres sorprendentes e cunha solución final que convida a reparar nos pequenos detalles”. Non se pode explicar mellor.
     
     Unha historia, unha fábula, dunha beleza extraordinaria que remata de xeito marabilloso e que nos queda moi preto do corazón.


                                                                                       
                                                                                                               ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO



viernes, 8 de marzo de 2019

ANDEL DE NOVIDADES (3) Edicións Xerais







Beatriz Maceda vai pouco a pouco entrando con solidez no mundo da nosa LIX. Sen facer moito ruído, pero con propostas atraentes está a consolidarse no complexo mundo da narrativa galega. Desta volta, aparece un suxestivo íitulo da súa autoría: Lúa en Ningures. Un relato sólido no que Lúa percorre acotío a mesma rúa que a leva ao colexio. Alí están a pastelaría, a tenda de xoguetes ou o bar onde o seu avó xogaba ao xadrez. Pero un día estas casas empezaron a desaparecer, esnaquizadas. Lúa e a súa familia teñen que fuxir do horror da guerra e instálanse en Ningures, un campo de refuxiados… (Col. Merlín).




Benvida, Rosa Aneiros, unha vez máis ao mundo da LIX galega. Unha escritora necesaria polas propostas que nos presenta. O seu novo libro, Orestes perde o sentido! é unha historia moi orixinal e divertida que aborda o tema da seguridade viaria. Cando unha mañá Orestes sae da casa atopa todo demasiado estraño, coma se o mundo tolease. De súpeto, ve a súa irmá pequeña soa na beirarrúa e cóntalle que conseguiu fuxir  do rei Koopa, pero que debe regresar axiña ao Castelo onde estivo secuestrada. A partir dese momento, Orestes inicia unha disparatada carreira… (Col. Sopa de Libros)




Os que seguimos a traxectoria de Héctor Cajaraville estamos encantados cando ve a luz un novo libro escrito por el. Persoa sen complexos literarios de ninguna clase escribe con respecto e agarimo tanto para adultos coma para a infancia e a mocidade. O ano 2019 terá a Antón Fraguas, como figura das Letras Galegas. De aí que Héctor Cajaraville nos presente este Antonio Fraguas. O bo mestre, o mestre bo, un achegamento a un dos grandes persoeiros da cultura do século XX. Un mestre que se dedicou con paixón ao estudo de Galicia como territorio, como pobo, como país cunha curiosidade insaciable. (Col. Merlín)



Sen ninguna dúbida, hai que ler a triloxía AKTUAL de Ramón Caride. Remata a mesma con este terceiro título, Singamia 1.1, un conxunto de relatos, coma os anteriores (Exogamia 0.3 e Endogamia 0.2) moi documentados, suxestivos, abertos e polémicos sobre os temas máis candentes do noso tempo. Neste terceiro volume, o autor amosa o papel das máquinas hoxe. Nestas narracións notamos que esas máquinas  adiantan  as nosas necesidades e decisións, coñecen todo de nós. Obsérvannos ata facernos transparentes, invaden as familias, a saúde, a reproducción, as relacións persoais…Mesmo, os soños.  (Col. Fóra de Xogo)





                                                                                                         ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

lunes, 4 de marzo de 2019

CATAVENTO DE POEMAS INFANTÍS (LXXII): "Sopa de Estrelas", de Pepe Cáccamo











                                           PEPE CÁCCAMO  (Vigo, 1950)








Pepe Cáccamo (Foto Kalandraka)
UN VERSO PARA CANTAR
A CANCIÓN DO UNIVERSO.

                   UN POEMA
PARA SOÑAR CO SISTEMA SOLAR.





SAÍRON OS PLANETAS
  DUNHA MALETA?

    NON. QUE NON.
        ELES SON
ANACOS DE EXPLOSIÓN
DUNHA NEBULOSA ROSA.
 



NO VENTO GRIS DE GAS
 QUE VÉN DE MARTE
  UN DÍA CHEGARÁS
A ALGUNHA PARTE.




SATURNO, FÍXATE NEL.
     SERÁ DE SAL,
Ilustración de Berta Cáccamo
     SERÁ DE SOL,
     SERÁ DE MEL
A LUZ DO SEU ANEL?




VOLTA, VIRAVOLTA,
  BRINCO, PIRUETA,
BAILE DO PLANETA.


    

NON TE METAS,
      NON TE METAS
NA LEA DOS PLANETAS.
Ilustración de Berta Cáccamo

DEIXA QUE XIREN E DANCEN,
QUE SE AFASTEN E SE ALCANCEN.

      MÍRAOS DESDE A TERRA
XOGANDO Á GUERRA.





NEVA EN  VENUS, NEVA, NEVA
   NOVENTA DÍAS NO ANO.
O VENTO LEVANTA E LEVA
AS FOLERPAS PARA URANO.





(Do libro Sopa de Estrelas, editado por Urco Editora, 2015)