sábado, 16 de julio de 2016

"QUÉDANOS A LUZ DA TÚA PALABRA", UN TEXTO PARA AGUSTÍN PUBLICADO NO "FARO DE VIGO"




Estaba sentado lendo fronte ao mar, cando soou o punxente son dun whatsapp. Non lle fixen moito caso. Seguín lendo e por fin decidín ler a mensaxe. Era de Noa, a miña filla, que dicía sinxelamente: “Foise Agustín”.
     
Agustín Fernández Paz

     Daquela comecei a tremer. Todo o meu interior escureceu. Xa se estaba a agardar o desenlace, pero cando o vin escrito sacudiume forte e fiquei sen forzas, abatido. Agustín, o noso prezado Agustín marchaba ben lonxe de nós para seguir escribindo máis alá das nubes, da brétema, do arco da vella..
     Deixábanos orfos.
     Logo, viñeron máis mensaxes. Chamadas. De todo.
     Unha das persoas que telefonaron foi Amaia Mauleón, de “Faro de Vigo”. Pedíame, con moito agarimo, unha primeira impresión e un texto para publicar ao día seguinte. Díxenlle que si, claro.
     Matinei. Deille voltas á cabeza. Estaba chea de sensacións difusas.


          Ao chegar á casa puxen a Beethoven (sempre me acompaña nos intres difíciles da vida) e sentei a escribir.
     E así, en quente, saíron estas liñas que reproduzo para Versos e aloumiños.

     Descansa en paz, irmán, amigo, mestre!

Compartindo sinaturas na Feira do Libro de Vigo, 2011


                              QUÉDANOS A LUZ DA TÚA PALABRA

                                                                                                            Antonio García Teijeiro


Mentres escribo estas liñas mergúllome nos derradeiros cuartetos de Beethoven para dixerir o terrible whatsapp enviado pola miña filla: “Foise Agustín”. De verdade que nese intre o vento soprou máis forte, o mar alporizouse e as nubes cubriron o sol.
     
     Non por esperado, fíxome menos dano. 
     Agustín Fernández Paz foise coas súas cartas de inverno a un lugar ignoto. Agustín, mestre, luz, man estendida. Foise a través dunha neve interminable que escurece e arrefría un día solleiro de xullo. Foise deixando ronseis de  palabras delicadas e vivas; deixando orfas a tantas persoas que o quixemos tanto. 

     Menos mal que nos queda a súa obra. Unha obra delicada, orixinal, punxente no fondo, mais elegante na forma. Agustín deitaba en cada libro, en cada conversa, en cada conferencia emocións fondas, preguntas sorprendentes e trasnsmitía unha forza verdadeiramente exemplar.
     Era moi doado querer a Agustín. Pola súa xenerosidade, pola sensación de acougo e de sentido común, pola súa innegociable ética, polo seu insubornable compromiso coa literatura, coa nosa lingua e cos seres humanos, aos que quería e aos que agasallaba tenrura dende as súas novelas e relatos. Novelas e relatos de moi variada temática. Novelas e relatos abertos, intelixentes, contidos. Novelas e relatos ateigados de claves para ampliar horizontes, para sentir que a vida ten moitas arestas e que paga a pena vivila ata o final. 

     Como fixo el, ollando de fronte, coa cabeza ben alta o que as circunstancias lle deparaban. Un exemplo máis da fortaleza dun home bo. Dun home inquedo que tanto nos deu. Dun home que fixo da literatura a razón de vivir.
     
     Sigo deixándome levar pola música de Beethoven e abro un poemario do seu amado e admirado José Ángel Valente para rematar estas liñas que non querería ter escrito. E leo:  “…Hay una luz remota, sin embargo,  / y sé que no estoy solo; / aunque después de tanto y tanto no haya / ni un solo pensamiento / capaz contra la muerte, / no estoy solo (…).
     E non, non estou só, porque queda a luz da túa palabra.

Derradeira foto con Agustín na homenaxe que se lle tributou. 2012


miércoles, 13 de julio de 2016

A LUZ DAS PALABRAS (57) Martiño Maseda




Coñecín a Martiño Maseda este ano en Mondoñedo co gallo do evento “Mondoñedo é poesía”.  Escoitei os seus versos e chegáronme ben dentro. Falei con el e axiña notei unha persoa ben interesante.
     A súa poesía directa, cálida, traspasa as liñas externas do lector/a sensible para ancorarse ben dentro. E é crítica, clara, cun compromiso indiscutible con Galicia e a súa lingua.
     Gústame como escribe. De aí que lle solicitase un texto para A luz das palabras.  Tiña dimensión abonda para nos alumear.
     Non me mandou un texto. Envioume dous: unas liñas magníficas sobre a súa persoa (que publico tal como as recibín porque son perfectas) e un poema sobre a nosa lingua (moi acaído nos tempos que vivimos).

    
     Dende Versos e aloumiños queremos agradecerlle estes dous textos marabillosos, dos que nos sentimos moi fachendosos neste blog-revista.

Martiño Maseda


       Cando Martiño fala de si...

Nacín aló polo solpor de 1970 en Xoibán (Vilalba), pequeno recuncho perdido na inmensidade da Terra Chá. Licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela. Ademais de escritor, son colaborador no suplemento A Chaira do xornal El Progreso, no xornal Sermos Galiza ou no portal web Galicia Dixital, onde vou deixando retallos do seu xeito de pensar e opinar. Aínda que dende neno lle gustou escribir, a miña andaina literaria xurdiu no berce dos certames literarios, a partir dos anos 90, conseguindo distintos premios, dos que se poden salientar o Certame de Contos para Mocidade en Ourense, o Premio de Poesía Pedro Alonso Morgado en Huelva, o Certame Liteario de Vilalba (en varias ocasións), o Certame sobre o Nadal en Begonte, o Certame de Narrativa Curta Ánxel Fole (tamén en dúas ocasións) e, o máis recente, un 3º premio no Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro. Até o de agora leva publicados os poemarios Diario dun ser perdido, Nos labirintos da alma, Entre as paredes do silencio, Fotogramas da desfeita e Xeografía da desolación. Así coma os relatos Todo por unha teima e A endeble esencia; xunto a outras publicacións en revistas literarias (como a Revista Xistral, por exemplo) e obras colectivas.


Asinando o seu poemario "Nos labirintos da alma".



                           LINGUA QUE ME FALAS



Lingua que me falas,
escoito o teu berro de dor
adoecida
na friaxe da lousa que se estende

polo lombo da patria poboada
de traidores,
de renegados das esencias
que alimentaron o seu carácter
ao seren paridos pola nai terra
aldraxada.

Teiman en soterrar a afouteza
das raíces que os avergonzan
baixo un cemiterio de pedras mortas,
de mentiras contadas na ágora da tiranía;

firmando falsas sentenzas por xuíces inicuos,
mercenarios da lei inventada
en parlamentos do coitelo e da impunidade,
para diluír a natureza do que somos
no trollo da mutua xenreira.

O teu bramido lingual, de animal caído
durante a cacería dos bastardos,
chega a min,
entérrase na miña arquitectura como unha inxuria

de disonancia metalizada,
fendendo os libros da historia que vou escribindo,
e faime gotexar palabras que laian a etimoloxía
dun tempo mancado:
orfos suplementos gramaticais
no ronsel do aforismo espido,
monemas da enxebreza que agora prostitúen
en lupanares onde izan bandeiras oficiais.

Se cadra te vexo sucumbir
agoniando nas mans dos teus asasinos
que tamén me ferirán a min
coa túa ansiada inexistencia;

ou te deixen moribunda nunha gabia acompañada
pola memoria dos que te amaron,
pola rabia indómita dos que aínda te nomeamos
con vocábulos de nación e morriña;

pode que borren con teima
as túas grafías impresas no coiro dos anos
para que ninguén máis poida lerte
nin beber o ritmo poético das túas perífrases
co ollar famento do ser ceibe;
ou silencien a fonética do teu ancestral alfabeto
para riscar o son construído en sentimentos de amor
e patria;

talvez argallen unha contenda civil
para ilegalizar a túa presenza nos pasteiros
amigada coas heréticas margaridas
ou inserida nos montes
na espada lanzal do toxo.
Mais ningún sofisma que alburguen
vencerá o teu feitío de rocha e carballo,
de poesía
e vento.

Lingua que me falas,
que te escoito;
lingua que constrúes
as paredes do meu verbo;
lingua feita sangue foula verso;
lingua berra
non cales,
abre fendas
entre as sombras do silencio.
Lingua de enxebre forma,
de sintagma eterno.
Lingua
Casa
Terra
Tempo.

domingo, 10 de julio de 2016

CATAVENTO DE POEMAS INFANTÍS (LII) Pedro C. Cerrillo






                                              PEDRO C. CERRILLO




LA PERRA CAMPEADORA

Mi perra corre en el monte,
huele el romero mojado,
escarba mucho en la tierra,
le gusta morder los palos.
Corre y corre sin medida,
Pedro C. Cerrillo
levanta liebres y ciervos,
asusta siempre a los pájaros,
ladra y ladra a los perros.
Se baña en todos los charcos,
me regala buenas piñas,
me mira muy modosa y a volver no tiene prisa.






EL GRILLO VERDE

Hay un grillo verde
que muy fuerte canta,
el niño de verlo
tiene muchas ganas.
Se sale al jardín
con mucho cuidado
para ver dónde está
y poder encontrarlo.
Pero el grillo no aparece
aunque prosigue su canto,
y el niño, al fin, decide
sentarse a escucharlo.






DIME POR QUÉ, ABUELO


-Dime, abuelo, dime,
¿por qué el río lleva agua?
-Para que beban los peces
cuando mucho tiempo nadan.

-Dime, abuelo, dime,
¿por qué los perros ladran?
-Para que todos sepan
que con sus amigos hablan.

-Dime, abuelo, dime,
¿por qué los gallos cantan?
-Avisan a todo el mundo
que ya llega la mañana.







GOLONDRINAS VIAJERAS


Llueve la lluvia en otoño,
tiran las hojas los árboles,
el aire de la mañana
deja vacías las calles.

Pasan deprisa los niños
que caminan a la escuela,
el cielo engorda las nubes
que dan sombra a la plazuela.

Bandadas de golondrinas,
rápidas, cruzan los aires;
al calor de otras tierras
inician un largo viaje.

Hasta el año que viene,
golondrinas viajeras,
veremos vuestros nidos
al llegar la primavera.






(Del libro El jardín de Óscar, editado por Diego Pun Ediciones, 2016)




jueves, 7 de julio de 2016

PREGÓN DA FEIRA DO LIBRO de VIGO, 2016, por ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO





     En xullo de 1997 daba eu o Pregón da Feira do Libro na Alameda da miña cidade.  En outubro do ano anterior gañara o Premio Merlín co meu poemario Na fogueira dos versos.
     Dezanove anos despois, a Federación de Libreiros pediume que lese o pregón da Feira de 2016.
     Pasaron moitos anos e as Feiras resisten, aínda que máis de un afirma que o sistema está esgotado e se deben buscar novas fórmulas.
     Talvez teñan razón, pero eu sempre estarei preto dos libreiros e libreiras, porque supón un verdadeiro exercicio democrático levar os libros á rúa. E se de manter abertas librarías dignas se trata, mellor non dicir nada.
     Así que gocei erguendo a miña voz a prol da lectura, da cultura en galego, das nosas editoriais, das nosas bibliotecas, dos nosos libros...
     Podedes lelo aquí.

     Que vos guste.





                     
                    PREGÓN  FEIRA DO  LIBRO  DE VIGO
                                                                                        

                                                                                  Antonio García Teijeiro


     
     De novo arranca a Feira do Libro de Vigo. De novo os libros preséntanse ilusionados para seren tocados, folleados, acariñados por mans sensibles e ollos espertos, porque, como di o célebre proverbio hindú, “un libro aberto é un cerebro que fala; pechado, un amigo que agarda; esquecido, unha alma que perdoa; destruído, un corazón que chora”.


    De novo fanse realidade os esforzos de libreiros e editores para que o libro se convirta no gran protagonista destes días. Os libros vivirán dispostos a chamar a atención das  persoas que veñen e van nunha tola andaina cotiá por este lugar tan emblemático da nosa cidade. Chamaranas con agarimo, case en voz baixa, como adoitan facer sempre, agardando as súas respostas.

Vivimos malos tempos. Os cidadáns e as cidadás avanzan despistados polos vieiros dunha sociedade -desde diversos ámbitos- pouco comprometida coa cultura. Esa cultura que, como Charles Bukowski escribe nun emocionante poema, “pode salvarche a vida”.

Repito, estamos a vivir malos tempos. Pero un ano máis, o esforzo dun colectivo, os libreiros, faise visible malia todas as penurias do día a día, para que os lectores e lectoras desta cidade e da súa contorna sintan os libros ben preto deles. Teñen moi pouca axuda os libreiros e libreiras. Viven nunha certa soidade. Aliméntanse deses clientes-amigos, militantes da literatura, que entran nas súas librarías cada semana, cada mes, para gozar da palabra escrita. Non é demasiada cousa. Son verdadeiramente admirables.
     

     Estes libreiros e libreiras amosan ao longo do ano – e de maneira especial nesta Feira- aqueles títulos que ofrecen as editoriais –son os editores outro gremio que loita por sobrevivir- e, máis concretamente, as editoriais galegas, que están a desenvolver un labor impagable escribindo acotío páxinas memorables coas súas publicacións nun volume imaxinario, absolutamente necesario, a prol do desenvolvemento cultural dun país bastante abandonado á súa sorte neste eido. Xa vai sendo hora de que se recoñeza ese labor tan complexo coma imprescindible de ambos colectivos.


     De novo arranca a nosa Feira  para que o libro conviva coas necesidades cotiás da cidadanía. E arranca con moitas limitacións pero con moita ilusión.
Porque poñer os libros na rúa é, sen dúbida, un acto do máis democrático.
Desaparecen as paredes, as portas, os atrancos e créase un espazo que anima a ser visitado sen prexuízos dende a liberdade. Non debemos esquecer, como afirmaba o escritor catalán Emili Teixidor, que “ler é vivir moito máis e moito mellor. Ler non só ocupa o meu tempo, ler cobre e engade valor á miña vida”.

     Ben sabemos que se le pouco. Que o libro carece, por desgraza, do prestixio social que lle corresponde. Que se minimiza a súa capacidade para a reflexión ou para plantear dúbidas, que se lle nega o seu papel transformador, tanto individual como socialmente, para converterse demasiadas veces en algo unicamente lúdico, de evasión, sen máis. E talvez non estea mal que sexa así, pero convén saber, tamén, que a literatura axuda as persoas a coñecerse mellor, a entender mellor a realidade, a poñer en orde as emocións ou comprender mellor as múltiples arestas da vida. Repito a palabra mellor porque está moi vencellada á esencia da boa literatura.
     Estou seguro de que a lectura nos fai máis libres, talvez máis solidarios e, sen dúbida, máis sensibles.


     Vivimos nunha sociedade máis insolidaria do que me gustaría. Priman, por riba de todo, as aparencias, o feito de ter, de posuír, de exaltar o material. Un materialismo que ten un protagonismo lamentable. Para esta doenza vén de marabilla ese espírito que temos os que amamos a literatura: ver as cores do mundo que brillan nos libros, descubrir os nosos degoiros agochados nas súas páxinas, albiscar horizontes libres de néboa. É moi satisfactorio comprobar que cun libro nas mans non perdemos a capacidade para soñar e sentir que os libros poden converterse en seres vivos. Obxectos, moitos deles, pequenos pero ateigados de mundo.
    
    
Romano Guardini
Como dixo Romano Guardini non debemos esquecer que “os libros  están alí sen moverse, sen facer ruído e, porén, dispostos a abrir en calquera intre as súas páxinas e comezar un diálogo que narra o pasado, que nos fai mirar cara ao futuro ou que invoca a eternidade, tanto máis inalcanzable canto máis sabe atraer a quen se lle achega”.


            Entre as casetas ateigadas de títulos – un séntese moi feliz de descubrir as de dúas biblioteca públicas-, os folletos, os marcapáxinas, os actos culturais que se xeran ao redor da Feira: sinaturas,  presentacións de novidades,  diversas actuacións, decote cos libros como eixe fundamental, xira unha invisible rolda de ilusións que paga a pena descubrir e deixarse levar polo seu trazado.
     

     
     Os que amamos a palabra escrita non queremos ser heroes de resistencia ningunha. Gústanos, máis ben, incluír a literatura nos hábitos cotiáns das persoas que nos rodean, en especial nos dos máis novos. Ou sexa, queremos contaxiar, un verbo que conxugo a miúdo e que resulta fundamental cando de lectura e de lectores falamos. Encántanos conseguir que se acheguen á literatura con ilusión e ledicia. Facelo con agarimo e sen imposicións, convencidos como estamos de que van gozar moito se se mergullan nas páxinas dos libros. Atoparán mundos agochados que están sen descubrir e que devecen por seren descubertos.

Porque non queremos camelias sen pétalos,
mares sen ondas,
barcos sen temón,
celebramos os libros na rúa.

Porque non nos gustan
os ollos anubrados,

nin os bicos baleiros,
nin as aves sen ceo,
celebramos os libros na rúa.

Porque desbotamos da vida
as bágoas dos nenos,
as portas pechadas,
e os muros con arames,
celebramos os libros na rúa.

Porque non queremos
que haxa frío nas estancias,
que os labios perdan o sorriso,
que a tolemia cegue a luz,
celebramos os libros na rúa.

     E  como di un bo amigo meu, escritor de éxito, ademais, non podemos nin debemos esquecer que "estamos feitos de palabras e de soños".
     Sendo fiel a esta sentenza anímovos a que percorramos a Feira do Libro con esperanza, que procuremos as palabras e que non permitamos que nada nin ninguén nos roube os nosos soños.

                                                 
                                                                                                                                                                                       Xullo, 2016. 

domingo, 3 de julio de 2016

DARDO POÉTICO (XXXV) AS "MARCAS" E OS "SOLILOQUIOS" DE CABALLERO BONALD





Teño que recoñecer que hai poetas que, a través dos seus versos, me inquietan.
     Sinto que a súa poesía bate en min dun xeito inagardado e fai latexar o meu corazón a un ritmo que non podo explicar.
     Sucédeme co poeta arxentino Hugo Mujica, co gran Claudio Rodríguez, con Méndez Ferrín ou con Borges, entre outros.
     
José Manuel Caballero Bonald
     
      E  teño que dicir que José Manuel Caballero Bonald é un deles.
     Talvez porque me resulta un infractor vital, un disidente patolóxico, un verdadeiro insubmiso e rebelde.
     Talvez porque Caballero Bonald declarou en máis dunha ocasión que para el escribir significa defenderse das ofensas da vida de seu, un acto de defensa propia.
     Non sei a razón, pero o que acabo de dicir pode darme algunha pista.

 Juan Carlos Abril afirma no libro que publicou a editorial Pre-Textos, Col. La Cruz del Sur, 2015, que Caballero Bonald é un continuo e obsesivo – asemade que perfeccionista- reelaborador da súa obra. E engade que esta, a obra, posúe conciencia de si mesma e que sobrevivirá ao noso autor cando morra. A liberdade e a soidade do creador formarán parte dun sintagma inseparable, dunha conciencia da individualidade que leva consigo a conciencia crítica.

     Isto pode lerse en Marcas y Soliloquios, en edición de Juan Carlos Abril, que é o libro ao que me referín antes e que ten o propósito de difundir a  poesía do poeta de Xerez da Fronteira, recollendo os seus textos máis significativos.


     Co libro nas mans renuncio a seguir preguntándome sobre esa inquedanza que me provocan os seus versos e leo, leo con paixón os seus poemas.
     Poemas que, coma estes dous, pican ben dentro as miñas necesidades literarias.
     A ver que vos parecen.



TURNO  DE LAS  ENTRAÑAS
XULIO GARCÍA RIVAS "Xardín" Acrílico sobre papel.

La vida a veces vira
con invariable virulencia y busca
la indefensión del desganado.

Ocurre de repente:
                              irrumpe
en las perplejidades cotidianas
y allí se enfrenta al insurrecto
con su rauda aspereza y con la obscena
condición de la sed
del que huye del agua, esa morosa
forma de prevenir la siempre indeseada
proximidad de los antídotos.



PREMEDITACIÓN

Me pongo en camino hacia un libro
que nunca escribiré.
XULIO GARCÍA RIVAS. "Xardín XXI" Acuarela sobre papel.
                               Apenas se distingue
desde esos mortecinos
atolladeros de la imaginación
donde toda verdad
consiste en muchas dudas superpuestas.

Se insinúa de pronto entre una súbita
preponderancia de vacilaciones,
mas no lo reconozco: adolece
de páginas en negro, de gramáticas
adictas a la superchería
y de una perniciosa connivencia
con las erratas sensoriales.

Mejor dejar que el tiempo actúe solo:

también por omisión se escribe un libro.