Mostrando entradas con la etiqueta narrativa en galego. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta narrativa en galego. Mostrar todas las entradas

miércoles, 11 de marzo de 2015

UN TEXTO CON MOITO AQUEL DE MANUEL VEIGA: "CARAPUCHIÑA VERMELLA NA CIDADE".

Manuel Veiga Taboada
Dende logo, para Versos e aloumiños é unha auténtica satisfacción que persoas, que queremos ou valoramos polo seu talento e polo seu talante, permitan que publiquemos textos orixinais no noso blog-revista.

     Se hai pouco Juan Carlos Martín Ramos deleitábanos co seu conto ilustrado, “El eco que sabía hablar solo”, que tivo unha enorme acollida, é desta volta  Manuel Veiga, un dos nosos mellores narradores, quen nos ofrece un inédito ben interesante.

       Partindo do conto orixinal “Carapuchiña Vermella”, o noso autor trae á cidade, á vida de hoxe, á casa da súa avoa,  esta personaxe tan entrañable. Unha carapuchiña moi especial que dialoga coa avoa nun texto intelixente que lle serve ao novelista de Monforte para sinalar certos aspectos e comportamentos das persoas no noso particular contexto social, na nosa realidade. E faino, como adoita facer a miúdo, nun ton punxente, irónico e que nos permite reflexionar trala súa lectura.
     Un texto de enorme calidade. Un diálogo demoledor. Un conto para sorrir e mover o bigote quen o teña. Para comprender que detrás dese sorriso, imos dar uns pasiños máis alá se o lemos con atención.
     Un verdadeiro luxo.
     Grazas, Manuel Veiga, por axudar a facer deste recuncho literario un espazo para a boa literatura sen idades.
 



Carapuchiña Vermella na cidade


                                                                                                                Manuel Veiga Taboada

Chaman á porta. Abre unha muller maior. Entra unha nena.
         Caramba!
         A nena pasa de longo.
         Eh, eh. Non hai un bico?
         A nena volve dous pasos atrás e ofrécelle a meixela. A avoa abrázaa pero retírase pronto.
         Díxoche a túa nai que viñeses?
         Díxome que me tiñas un regalo.
         Ah. Un regalo. Pois non, non teño ningún. Pero podes coller un bombón.
         A nena corre en dirección ao moble grande da sala de estar e abre unha caixa.
         Podo coller dous?
         Claro.
          

         A nena mentres come:
         Que facías?
         Vía a televisión.
         A nena, en ton exclamativo.
Pero, avoa, se non tes televisión!
         Imaxino os programas. Vina durante moitos anos e seinos todos de memoria.
         Por que che quitaron o televisor?
         Din que aumenta o alzhéimer. Pero non importa. Estou ben. Tamén miro a túa fotografía.
         Pausa.
         Que tal no colexio? Atopaches a alguén polo camiño?
         Só esas bicicletas rotas que hai atadas ás árbores.
         Rotas?
         Si, as dos ecuatorianos. Déixanas aí para non ter que subilas ao cuarto piso. Quítanlle o asento ou unha roda para que non llas rouben.
         Eu xa non coñezo a ninguén.
         Porque non saes.
         Chégame con mirar pola fiestra. (Sinala cun dedo). Todas as mañás había aí unha parella, eran aínda uns nenos, despedíanse con moitos agarimos, pero este ano deberon cambiar de colexio.
          

         Podo tomar outro bombón?
         Cólleo.
         Non, deixa, é igual.
         Son todos para ti.
Pausa.
Xogamos a algo? Ao Trivial?
         Sacan unha caixa e sentan arredor da mesa.
         Ti de nena xogabas a isto?
         Non.
          



         E a que xogabas?
         Ao diábolo.
         E por que eu non podo xogar ao diábolo?
         Porque subiría moi alto e poderías romper algún cristal.
         Tamén podería darlle a un helicóptero.
         Vaia! Non pasan moitos helicópteros por aquí.
         Ás veces cando hai manifestacións e cando vén o rei ou o príncipe e as infantas. Díxomo a miña nai.
         Ai, si?
         Si. E un día levoume a unha manifestación que ao final foi como unha guerra e tivemos que escapar.
         Ah.
         Eu era moi pequena, debía ter tres anos, pero aínda lles teño medo.
         Ah.
          


          Sería gracioso darlle co diábolo a un helicóptero.
Paréceche fácil?
A un policía que fose nun helicóptero. Nun ollo.
         Meterían no cárcere o teu papá.
         Pois entón eu iría alí e daríalle ao policía unha patada.
         E deteríante a ti tamén.
         A min non me poden deter porque son menor.
         Tes razón. Veña, imos xogar. Saca unha pregunta.
Xa non me apetece xogar.
Veña, xoga, saca unha pregunta.



Cal é a empresa que ten a flota de camións máis grande?
O exército dos Estados Unidos.
Non, a Coca-Cola. Fallaches. Agora preguntas ti.
Ai! Parece que non podo respirar.
Sempre te queixas.
Xa verás cando teñas os meus anos.
Eu non quero ser maior.
Por que?
Non sei, non quero ser maior.
Pregunta. Cal destes países xa non existe: Alemaña Oriental, Canadá, México...
Onte fun ao aniversario de Paula.
E pasáchelo ben?
Merendei antes de ir.
Como?
Ela tamén o fixo cando veu ao meu. Ademais come moi a présa e logo todo o mundo se levanta. Ademais, Adrián non paraba de meterse con nós.
Se cadra é porque se está facendo maior. 
E por iso dá empuxóns?
Si.
Pois en non penso volver ao aniversario de Paula.
Pero se é a túa mellor amiga, desde que erades bebés e iades no carriño.
Faime outra pregunta. Esa non me gustaba.
Como se chamaba a mellor ximnasta da historia...
Non quero xogar. Non sei ningunha resposta.
Pausa.
A avoa érguese e busca un papel nun caixón.
Mira que encontrei.
A nena ponse a ler.
Lúa xa ten gatos e son cinco (se o Xosé Manuel non mata ningún). Uns son de raias e os outros negros. Os de raias son coma Lúa e os negros coma o outro gato. Lúa quedou así de delgada.
Vense dous esquemáticos debuxos. Nun está escrita a palabra: Antes e no outro: Agora. A nena despréndese dos papeis e levanta a cabeza.



Para que son esas pastillas?
Para o corazón.
Estas mal do corazón?
Desde hai moito.
Mamá di que tes demasiadas enfermidades, tantas que nin o médico as podería contar.
Pausa.
De que falades no colexio?
Non sei.
Falades de sexo? Nos meus tempos non se podía. Eu souben o que era un orgasmo cando xa tiña corenta anos.
Melissa trouxo a clase un preservativo.
Quen é Melissa?
Unha compañeira.
Leva boas notas?
Non sei. Non moi boas. Suspendeu tres.
Pausa.
A súa nai é camareira, ten que ir vestida de colexiala, con trenzas. Pero díxolle a Melissa que ela era só camareira.
Xa. Pobre Melissa.
Ela ve programas porno. En realidade, non os ve porque hai que pagar. Está aforrando.
Para ver eses programas?
Non para o protector dental. O noivo da nai dálle cen euros ao mes.



Pero así nunca vai dar xuntado o diñeiro suficiente.
Canto vale un protector dental?
Non o sei, pero bastante, supoño que entre tres e seis mil euros.
Ingland xa non me pega. A profesora díxolle que mentres ela estivo en Colombia de vacacións non houbo problemas en clase. Agora algunhas das que eran as súas amigas xa me falan. Iso que non pasei ás finais de trompo.
É cal é a túa mellor amiga na clase?
Non sei. Elisabeth.
É boa Elisabeth?
Si. Di que ela é inca. No antroido puxo un traxe do seu país. Era moi bonito. E Ingland puxo un traxe colombiano.
E ti?
Eu ía de bombeira. Xa non o lembras? Déchesme ti os cartos para o disfrace?
Pero non viñeches por aquí a ensinarmo.
Si que viñen.
Non sei, non sei...
Eu non minto. Mamá di que non se debe mentir. Ti mentes?
Eu perdo memoria, pero mentir nunca me gustou. Ten razón a túa mamá, as persoas que menten son as peores.



E os lobos menten?
Os lobos son animais, non razoan e se non razoan tampouco menten.
Pero din que hai persoas que son lobos.
Depende porque lado as mires.
Non existen os lobos entón?
Os lobos de verdade si existen, aínda que cada vez creo que debe haber menos.
Pero, os homes-lobo?
O lobishome nunca existiu.
Non o entendo, que é o lobishome?
Preguntaches ti por el. (Pausa). O do lobo humano é un mito. Ou falamos de persoas ou de animais. O que sucede é que todas as persoas temos desexos e para algúns eses desexos son como unha enfermidade, non os poden controlar. Cren que satisfacendo eses desexos son máis felices, pero non é verdade.
Pois eu, se mamá tivese unha xoguetería, sería feliz.
E que tal unha pastelería?
Tamén.
E un parque moi grande?
Iso tamén.
Pensas que serías moi feliz con todo iso?
Moitísimo.
Claro, porque es unha nena. Pois hai persoas maiores que razoan coma se fosen nenos. Queren ter un cuarto cheo de xoguetes aínda que sexan tantos que a metade deles case non os cheguen nin a ver nunca.



Entón que fan con eles?
Acumulan.
Que é acumular?
O que a ti che gustaría, ter unha xoguetería, unha pastelería e un parque.
Un parque moi grande.
Iso, un parque moi grande. Iso é acumular.
Pois a min gustaríame xogar a acumular.
Xa existe ese xogo, chámase Monopoly.
Pois eu quero xogar a iso, seguro que é máis divertido que o Trivial. O Trivial só ten preguntas que non sei responder.
Non hai ningún Monopoly nesta casa.



Que pena. E ti cando eras nena a que xogabas, ademais de ao diábolo?
O teu bisavó era carpinteiro, fíxome un carriño para as bonecas, de madeira, con rodas de goma. Daquelas case ningunha nena tiña xoguetes, viñan moitas amigas á casa para xogar cos meus.
E onde está agora ese carriño, aínda o tes?
Non. Tamén tiña un teatro pequeno. Xogabamos con el no faiado. Viñan de toda esta rúa. Xuntabámonos dez ou doce nenas. (Pausa). Agora cóntame algo ti.
Que?
O que vexas.
Vexo unha gaivota, está aí no balcón.
Esta mañá dixeron na televisión...
Pero se non tes televisión.
Dixérono de todos modos. Unha gaivota xigante, de máis de dous metros, coas ás abertas, pousou sobre o parabrisas dun automóbil. O condutor chocou de fronte contra un semáforo, non porque non puidese ver, senón porque estaba asustado. Entroulle un ataque de pánico.



Pero iso foi verdade? Dixeches que non mentías.
Na televisión...
Xa. (Pausa). A min as que me dan pena son as crías. Caen dos tellados e fican abandonadas na rúa porque aínda non saben voar.
Pódense levar á Sociedade Protectora de Animais.
Díxome a mamá que non as queren, hai demasiadas. Acollen a todo tipo de animais, a todos menos ás crías de gaivota.
Ás ratas tampouco, supoño.
Non claro, nin os xabarís.
Pero hai xabarís por aquí?


Na televisión. Había un programa infantil, Xabarín Club. Daban un carné de socio, pero agora quitárono.
Por que?
Mamá di que este goberno non é amigo dos animais nin dos nenos.
Como pode un goberno non ser amigo dos nenos?
Non o sei. (Pausa). Avoa, ¿é verdade que antes había malvados que lle sacaba os ollos aos nenos e lles cortaban as pernas, e lles ataban as mans para explotalos e pedir esmola?
De onde sacaches iso?
         Vén escrito nun libro que ten a mamá, pero a min non mo deixa ler. Eu ao principio quería que mo deixase porque falaba de nenos, pero agora xa non quero. Pedinlle que o gardase moi alto, porque non quero velo nunca máis. (Pausa). Sabes? Mamá di que non me gusta ler.
         Ah.
         Pero si me gusta, o que pasa é que cando me din que lea un libro xa deixa de gustarme.
         Incluso se aínda non o empezaches?
         Quítanseme as ganas.
         E comes de todo?
         Gústame o salmón afumado.
         E?
          


          Mamá di que está caro. Paula comeuno un día en casa. Despois foillo pedir á súa nai e ela díxolle que iso era comida crúa, pero eu creo que llo dixo porque non tiña costume. Sabes? Creo que os maiores tampouco probades de moitas comidas.
Será porque algunhas son caras.
Mamá di que é polo costume e tamén di que é raro, porque á maioría das persoas gústanlle case todas as cousas estranxeiras menos as comidas. Pero a min gústanme as pizzas. Aínda que, en realidade, non me gustan moito, pero no Burger traen un regalo. Eu só como a mazá.
Iso está ben. A mazá é boa.
Eu case non a comía, pero no Burger vén cortadiña e está moi bonita.



jueves, 30 de octubre de 2014

ESCOITANDO A CELSO EMILIO NA TABERNA DO GALO.



     Tan centrado estiven sempre na poesía de Celso Emilio Ferreiro que tardei en reparar na súa prosa.
      
     Certo que, hai xa ben tempo, lin A fronteira infinda e non me pareceron frouxos eses relatos.Mesmo podo afirmar que me pareceron tremendamente orixinais. Máis aí quedei. Seguín coa lírica ferreiriana, cos seus artigos e deixei para calquera momento A taberna do Galo, unha das dúas obras en prosa de Celso Emilio.
      
      E ese momento chegou uns días atrás, a propósito do traballo que Antón García-Fernández está a artellar en inglés sobre o poeta celanovés na Universidade de Tennessee en Martin. Fíxome algúns comentarios, rimos os dous (ai, esa Casa da Collona) e decidín ler este texto curto e formalmente  desordenado.
      
     Que ben o pasei!  Chea de humor, ironía, agudeza na creación dos personaxes que aparecen, autobiografía e imaxinación desbordante, A taberna do Galo fíxome gozar coa súa lectura.
      
Antón García-Fernández coa súa nai en Martin (TN)
     Esta é unha obra curta, editada por Edicións Castrelos no ano 1978, que vén sendo unha parte, uns capítulos dun libro que non rematou Celso Emilio, Memorias de nunca, que a morte do poeta en 1979 frustrou.
      
     El mesmo confesou nunha entrevista, aparecida en La Región, “que estou escribindo en prosa unhas memorias que partindo de feitos reais que me ocurriron a min ou a outros, desenrolo unha narrativa moitas veces inventada que, ao final, pode constituír unha novela, pero que de momento non sei ben o que vai ser”.
      

     E polas circunstancias, A taberna do Galo apareceu como libro e, case seguro, que o escritor participou na súa edición.
      
Celso Emilio Ferreiro
     Lendo estes capítulos vemos claramente a alternancia de biografía e autobiografía de Ferreiro, escrita nun ton humorístico e cun enxeño literario enorme. Ateigada de refráns, de vivencias persoais, con referencias a outros intelectuais ( a carta que aparece de Pepe Velo está chea de emoción e conmove moitísimo), de textos que escribiu nos xornais, de personaxes cos seus alcumes, uns inventados, outros reais, A taberna do Galo é unha obra que reflicte ambientes da súa vila natal e que se nos fai curta.
      
     Mágoa que non vivise máis tempo e puidese rematala.
      
     En Versos e aloumiños, imos presentar algúns destes personaxes, tal como Celso Emilio os retratou.
      
     Riamos e gocemos da ironía e o humor feitos literatura.

    
Ilustración de Pedro Rico para a versión castelá d´A taberna do Galo.

     ALGÚNS PERSONAXES DA VILA COS SEUS ALCUMES

    
     O CAGATINTAS. Foi o derradeiro amanuense da vila. Vivía de escribir cartas prá xente iletrada, que daquela era a maioría da vila. Tímido e suave no falar, traía sempre no peto un tinteiro de corno e unha pluma metida nun canuto de sabugueiro. Os días de feira puña mesa con recado de escribir na praza das pitas. Cando estaba bébedo, cousa frecuente, escribía en prosa rimada, que lle acaía moi ben ás cartas de namorados.


     O RATIÑO. Levaba os petos cheos de codias de pan, que andaba a ratoar decote, roendo sen descanso para darlle gusto a unha fame que lle viña de antigo. Pedía esmola. Por lúas púñase un chisco tolo e berraba: ¡Dívolo o ratiño, estamos perdidiños! Despois engadía en voz baixa: Dende que veu Franco. Entre codia e codia contaba historias de amor coas mozas máis linaxudas da vila. Cada rato ten o seu burato, dicía aludindo ás imaxinarias mulleres que o distinguían cos seus favores.


     A PERONA. Muller carnosa e tetuda, de pernas coma eixos de carro. Moi metida na igrexa, dicían que nos seus tempos mozos fora barragana dun abade mitrado de non sei qué mosteiro.

     O CONA EN DULCE. Estivo en Venezuela, onde os seus paisanos puxéronlle o alcume porque gastaba moitas finezas e bicamáns coas clientas da súa tenda. Era un pouco sarasa, ademais.


     O PACO DA PUTA. Home corrente e vividor. Certa vez púxolle o Alcalde unha multa por escándalo público a consecuencia dunha talanquera faltona. cando foi pagar ao municipio, o Alcalde díxolle que lle perdoaba a sanción se lle prometía non beber máis. Prometido –dixo o Paco, bicando os dedos en forma de cruz-. Pasadas dúas semanas, o Alcalde atopouno na rúa novamente bébedo e faltón. Eu prometinlle non beber máis, -dixo como desculpa- pero non lle prometín beber menos. ¡A ver se nos entendemos!


     O CHANCARRASTRA. Preguiceiro, desaliñado. Por desdeixado nin sequera amalloaba as chancas. Non daba golpe. Dicía: Se o traballo fora cousa boa, seguro que xa o terían acaparado os ricos.

     Ata aquí unha mostra, breve pero significativa, do abano de seres que poboan A taberna do Galo.
     
      Unha lectura recomendable que animo a ler.

                                                                                                        
                                                                                                                   ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO