martes, 14 de marzo de 2023

REMUÍÑO DE LIBROS (79): "Non cantan os paxaros neste bosque", de Carlos Negro

 




TÍTULO: Non cantan paxaros neste bosque.

 

 

AUTOR: Carlos Negro.

 

 

EDITORIAL: Xerais. Colección: Fóra de xogo.


 

 Non cantan paxaros neste bosque é una obra narrativa dun autor destacado sobre todo no eido poético, tendo acadado diferentes premios importantes na LIX , non só coma escritor senón tamén coma mediador, polo seu labor de achegamento da poesía ao público xuvenil a través de recitais e de obradoiros. Recibindo o Premio de Clubs de Lectura que outorga a Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia ao autor máis lido no 2017. Estou a falar de Carlos Negro, un autor que domina e ben coñece, a palabra e o seu valor como axente transformador nas actitudes vitais.


     O libro estrutúrase en nove relatos curtos  con cadanseu título premonitorio ás historias que agochan os variados personaxes en diferentes épocas, idades e espazos narrativos. O fío condutor de todos eles é o medo nas distintas perspectivas de situacións que viven os protagonistas.


     Así observamos medo á perda dun ser querido, medo á ausencia, ao illamento por ser diferente, ao acoso, á falta de liberdade, á perda da identidade, á realidade externa pero tamén á interna. En definitiva, medo aos soños, ás pantasmas e ao misterio dos pesadelos que nos acompañan. Por iso o libro é unha porta aberta á reflexión, onde a palabra atinxe o seu valor tanto oral coma escrita. Non hai mellor xeito que enfrontarse aos temores para poder vivir e pechar a porta da mera existencia prendida e escravizada a un medo.

 ******************************************************************************************************

Páx.88: “ Cada época elabora os seus propios ritos, aínda que no fondo de cada ser humano, as paixóns seguen a conservar a mesma esencia que en épocas pretéritas…”

Páx. 91: “Atende. Fuxe da calquera gaiola de cristal na que te pretendan encerrar. A resignación é a peor das condenas”.

Páx.107: “ E quizais esa era a mellor ensinanza que lles podía ofrecer: debían aceptar que a vida é un relato que acontece, e que non sempre se explica. E cando ese relato deriva en literatura, case sempre deixa una porta entreaberta, a físgoa pola que asoma, coma un intruso, o misterio.”

 

                                                                                                    ALBA PIÑEIRO