lunes, 2 de noviembre de 2020

REMUÍÑO DE LIBROS (70) "Miña Guía, Meu Capitán", de Gonzalo Moure

 





TÍTULO: Miña Guía, Meu Capitán.

 


AUTOR: Gonzalo Moure.

 

ILUSTRACIÓNS: María Girón.

 

TRADUCIÓN: Manuela Rodríguez.

 

EDITORA: Kalandraka .Colección: Maremar.

 

 

Kalandraka Editora achéganos este fermoso conto da man de Gonzalo Moure, autor que ben coñece o oficio de escribir literatura comprometida co ser humano. Dándolles voz a moitos que por diversas circunstancias non a teñen de seu, denunciando inxustizas e reivindicando a través da palabra a solidariedade, a tenrura e o amor coma alicerces dun mundo máis plural e equitativo.

     Miña Guía, Meu Capitán é a maxia agochada na rutina. A grandeza das pequenas cousas onde radica a felicidade de poder compartir coa persoa que queres eses momentos especiais, case máxicos, que marcan a diferenza entre a monotonía e a continua sorpresa por vivir eses intres.

     

Gonzalo Moure  (Foto: unlibroesunamigo.com)

     A través da combinación da estrutura dialogada e narrativa descubrimos como o traxecto de casa á escola pode converterse nunha grande aventura se se fai coa persoa axeitada. Isto é o que lle acontece á protagonista desta historia. Unha nena para a que o máis importante do día é ir ao colexio da man do seu pai porque non só é camiñar xuntos, senón tamén falar, sentir, interactuar, xogar, soñar…en definitiva, ser cómplices da realidade vista a través da ollada infantil, onde a imaxinación crea o seu propio mundo no que todo é posible que suceda e as limitacións físicas non son motivo de discriminación.

     As ilustracións coloridas e expresivas de María Girón dotan de vida todo o mundo que habita na imaxinación da pequena protagonista.

         

Ilustración de María Girón



Unha pequena mostra do dito:


Camiño da escola, papá e mais eu avanzamos por unha selva de luces e sombras. E de sons”.

“Eu case non vexo, e papá non ve nada, é cego. Non ve as cousas , pero ve moito máis ca min, ca ninguén no mundo”

“Cando chegamos e se separan as nosas mans, teño ganas de chorar. Pero aguanto”

“Ola, man! Adeus, tristeza!”

 

                                                                                                          ALBA PIÑEIRO