viernes, 2 de octubre de 2020

FAÍSCAS (1) "De pequeno xa quería ser poeta"

 


Aínda que sen sabelo, eu, de pequeno, xa quería ser poeta. Xa daquela miraba

o mar coma una colcha azul semellante á que cubría a miña cama. E pensaba que a chuvia era o pranto das nubes. E dicíao cun descaro pouco habitual. Cando aos oito anos una rapaciña me entrou polos ollos, xa estaba eu disposto a facerlle uns versos. Ata coido que o intentei. Se nas estúpidas funcións escolares, aquelas que tiñan lugar cada oito de decembro no meu colexio, tiña que participar, eu desexaba dicir poemas por moi ridículos que fosen. Actos, por certo que tiñan lugar nun Teatro García Barbón ateigado, cos pais e nais emocionados perante as destrezas teatrais dos seus fillos. Si, eu xa quería ser poeta dende a máis tenra idade. Talvez comezase a ser algo raro. O certo é que, pasados os anos, case sen me decatar, cheguei a selo. Cando me chamaron “poeta” por vez primeira sentín algo ben especial. De adolescente, xa había cousas que me cheiraban moi mal. Para combater o que non me gustaba, escribía pequenos xornais e poemas. Moi malos, xaora, porque non lía poesía. Eran berros de inconformismo diante dun franquismo que me abafaba. Ao descubrir a poesía de verdade e lela, todo cambiou para min.  A miña actitude vital principiou a ser distinta. Descubrín os poetas e as esencias poéticas. Con Rosalía quería cantar a emigración (o meu avó fora emigrante na Arxentina). Con Antonio Machado desexaba camiñar polos anchos eidos casteláns. Con Lorca,compartía os devezos daquel neno que teimaba con ser de prata. Con Rafael Alberti, anhelaba descubrir toda a poesía do mar.Con Celaya, comprobar que a poesía era necesaria coma o aire que esiximos trece veces por minuto. Con Celso Emilio, defender unha nosa lingua que me roubaran (lingua proletaria do meu pobo) e amar a Moraima a través de acendidos versos (a quen cheguei amar, por certo, e moito en persoa.

Así, paseniñamente, fun convertendo aquel soño case inconsciente nunha deliciosa realidade. Si, son poeta. Xa quería selo dende cativo pero non o sabía, porque, coido, no fondo todos temos algo de poetas. O malo é que non o sabemos.

 

                           


                                                                                              

                                                                                                                                 ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO