viernes, 20 de marzo de 2020

REMUÍÑO DE LIBROS (68) "A pequena compaña", de Carlos Labraña









TÍTULO: A pequena compaña.


AUTOR: Carlos Labraña.


ILUSTRACIÓNS: Óscar Villán.


EDITORIAL: Edicións embora.




A pequena compaña é unha obra teatral cuxo autor Carlos Labraña é de sobra coñecido e premiado no mundo do teatro para os máis novos. Dende a fundación en 1988 do Colectivo Garola, dedicado á creación e montaxe de pezas de teatro infantil, ata os nosos días amosa un longo e fértil percorrido neste eido. Desta volta, A pequena compaña, vén avalada por ter acadado o VIII Premio Estornela de Teatro para Nenos da Fundación Xosé Neira Vilas.
     
     Trátase dunha peza teatral estruturada en dous lances con dez escenas o primeiro e nove o segundo. Neles un elenco  do máis variado de personaxes, dende humanos ata vexetais e mesmo lendarios, coma a Coca de Redondela,  a Serpe Chuchona ou o can Cérbero teñen cabida nesta historia na que se distinguen perfectamente os roles dos personaxes. Os bos e  xenerosos: a Avoa, Xigantón ou o cociñeiro Marrán que recollen e axudan os nenos perdidos e abandonados, por diferentes motivos, dándolles acubillo e protección fronte aos que representan a escuridade, a maldade e o egoísmo.
     
     
Carlos Labraña
Medusquiñas, Pedichón, Soldadiño e Xoaniña son os últimos nenos recollidos na casa da Avoa, pero a súa estadía vese ameazada ao ser descubertos pola Serpe Chuchona e o sapo Papón que devecen por comelos. A única solución é chegar á porta do Alén, pero para iso van ter que emprender unha viaxe na que aprenderán a resolver os conflitos en equipo e descubrirán o significado da amizade.
     
     A través de diálogos dinámicos cunha prosa directa, expresiva e salferida tanto polo humor intelixente de situación e personaxes coma polo coñecemento do imaxinario da literatura de tradición popular, o autor achégalles aos lectores a importancia dunha infancia feliz, sen violencia, indiferenza ou illamento para ter unha sociedade máis xusta.
     
     As ilustracións coloridas de Óscar Villán dotan de vida os diferentes personaxes.

Páx.47:  SOLDADIÑO: “ Onde eu vivía ninguén quería a guerra, agás uns ricos mandóns que a argallaron para facérense aínda máis ricos e máis mandóns. Primeiro levaron os homes e as mulleres á forza a loitar nela e, cando morreron, volveron á procura dos nenos e das nenas.”