jueves, 24 de enero de 2019

ANDEL DE NOVIDADES (1) Editorial Galaxia







Un novo espazo en Versos e aloumiños: Andel de novidades.
Nel imos dar a coñecer eses libros en galego que van saíndo nas editoriais Galaxia, Xerais e Kalandraka, para que se produza un achegamento e un coñecemento de títulos de LIX que saen cada certo tempo do prelo.
     Algúns deles serán comentados máis a fondo en Remuíño de Libros pero, deste xeito, ampliamos a oferta editorial para que se poidan follear nas librarías e así poder elixir en liberdade segundo o gusto do lectorado.
     Comezamos hoxe con algúns libros da Editorial Galaxia que acaban de aparecer  nas librarías.
  

Andrés Pombo Graña escribe unha novela sorprendente, O segredo das Burgas, que mergulla nas profundidades dun Ourense  descoñecido. Porque o que ninguén sabía é que debaixo das pedras da cidade se oculta un mundo de demos vingativos, un Averno espantoso que agocha segredos incribles polos que moitos poderían chegar a matar. Unha novela de bruxería e corrupción, de demos que aprenden a ser mellores e de homes que poñen a súa vida ao servizo de causas satánicas. (Galaxia. Col. Costa Oeste).






Francisco Castro escribe en Iridium a historia de Iris, unha rapaza que cursa primeiro de bacharelato e que, coma tantas e tantos do seu tempo, quere vivir a vida con intensidade. Pero Iris ten, ademais, unha discapacidade froito dun accidente de tráfico que lle deixa secuelas importantes. É unha raíña de Instagram, onde ten milleiros de seguidores en todo o mundo. seareiros que ignoran o que lle pasa e que se o soubesen igual non a querían tanto. Novela de denuncia da hipocrisía e unha historia de amor. 
(Galaxia. Col. Costa Oeste).




 
Os Fantom son uns fantasmas un chisco peculiares. E deles nos conta Patricia Mallo, que dan máis risa que medo. Unha historia que se move ás veces polo máis acó, ás veces polo máis aló, pero sempre, sempre, no territorio da gargallada máis terrorífica. As ilustracións son de Alba Cid. Con esta novela a  autora gañou a primeira edición do Premio de Literatura infantil Carlos Mosteiro.
(Galaxia. Col. Árbore)






En cancións e poemas aprendemos a debuxar, contar, sentir… Así podemos gozar dun álbum fermoso, Coas miñas mans, de Pablo Díaz, ilustrado por Lucía Cobo. Música para aprender os números, as cores, as comidas…pero tamén para cantarlle á lúa, á primavera e a moitas outras cousas. Cancións divertidas para medrar con alegría, das cales dúas naceron en colaboración con proxectos educativos do CPR Andaina, de Culleredo (A Coruña). O libro contén un CD coas cancións nun magnífico traballo discográfico.

(Galaxia. Sonárbore).