viernes, 13 de noviembre de 2015

A LUZ DAS PALABRAS (47) Beatriz Fraga


Se algún día volvo ser neno e teño que comezar a miña escolarización, pedirei a quen corresponda que Beatriz Fraga sexa a miña mestra de Educación Infantil. Removerei ceo e terra para conseguilo.

     Estiven na súa clase de E.I. no CEIP García Barbón en Vigo e puiden constatar o clima de agarimo que existía naquel espazo educativo.
Beatriz  Fraga

     Beatriz Fraga é unha muller encantadora. Unha muller encantadora que escribe moi ben. Unha muller encantadora que adora o seu traballo. De aí que leve ben anos arredor do mundo literario infantil. As súas traducións ao galego de obras como Pinocchio e Heidi ou das lendas indias norteamericanas recollidas no libro Dadahwat son testemuño do que digo.

     Pero  alguén como Beatriz Fraga, que tanto ama os nenos, tiña que escribir algo moi próximo a eles. Así naceu o personaxe de Marcelo o morcego (Ed. Galaxia), un conto en prosa rimada, ateigado de humor e de crítica a certos papeis que as persoas desenvolven nesta sociedade nosa tan inxusta. Delicioso.

     En decembro de 2012 viu a luz un libro fermoso de relatos, O Rei Portador e outras historias (Euseino?Editores), que nos transporta ao desexo de contar historias. Un libro do que xa se falou neste blog-revista. Un libro no que a autora volve contar historias para que non queden fixadas no pasado, para que formen parte do presente. Mitos, lendas, relatos que trazaron o perfil da nosa civilización. Unha pequena xoia...
Con Bea Fraga na súa aula dee E.I.

     Ben, pois Beatriz Fraga tiña que estar na sección A luz das palabras. Pedinlle varias veces as súas verbas e cumpriu. Envíanos un texto orixinal, cheo de sabedoría e que nos transporta polo mundo das artes.

     Un texto intelixente, curioso, que vai facer as delicias de quen se achegue a el.


     Estamos moi contentos en Versos e aloumiños de publicar estas palabras cheas de luz.





"Rinoceronte". Oudry





                                Clara, máis alá dun cadro

 “…hai que achegarse sen desgusto á observación sobre cada animal, porque en todos hai algo de natural e de fermoso”
                                                                       Aristóteles. Das partes dos animais

A necesidade de acceder ás riquezas de Asia fixo que un novo espírito se apoderase de británicos, holandeses, portugueses e españois, que percorreron o planeta en procura de novos horizontes. Esta época deuse en chamar a era dos descubrimentos e abrangueu desde o século XV ata o XVII. Trátase dun periodo caracterizado polas viaxes ás Indias e polas descubertas xeográficas, cartográficas, científicas e culturais periodo que se vería nutrido polas descricións literarias de navegantes e viaxeiros. Todo isto, unido ao espírito renacentista, fixo que se iniciase a arte de coleccionar plantas, animais e minerais. Foi así como xurdiron os primeiros gabinetes de curiosidades.

     Artistas como o alemán Alberto Durero (1471-1528) e o italiano Leonardo da Vinci (1452-1519) estudarán e debuxarán a anatomía dos animais, contribuíndo cos seus traballos ao progreso do coñecemento. Entre eles, non debemos esquecer a figura de Ulisse Aldrovandi (1522-1605), primeiro profesor de historia natural da Universidade de Boloña e debuxante naturalista.
Alberto Durero

     Nobres e reis iniciaron coleccións de animais vivos trasladados desde outras latitudes e que ubicaron nos seus xardíns e palacios; de aí naceu o termo de “casa de feras” ou ménagerie. Unha das máis coñecidas ménageries, foi a creada por Luis XIV en Versalles en 1663 e deseñada por Louis Le Vau (1612-1670). Cun elenco de animais peculiares, recompilados por medio das comisións reais, dos regalos diplomáticos e das adquisicións, foi un dos primeiros gabinetes de curiosidades existentes. 
   
     Estes “zoos palacegos”, símbolo de poder, aínda que non foron concibidos con fins didácticos, conseguiron ser fonte de investigación científica.

     Cando se creou a Académie Royale des Sciences, en 1666, moitos naturalistas  decatáronse das posibilidades que tiña a ménagerie para o estudo dos animais, non só como axuda aos traballos de campo, para tomar notas e facer bocetos, senón como ferramenta de investigación, tamén polo seu valor para o estudo anatómico fornecido polos animais que non sobrevivían.
Academie Royale des Sciences en 1698

     As ménageries serviron de fonte de inspiración para as artes plásticas; moitos pintores visitáronnas asiduamente para inspirase nos seus traballos tal como se fosen enciclopedias visuais. Pintores e artistas empregaron os animais como modelos para os seus estudos. Estas pinturas resultaron ser verdadeiros documentos que reproducían especimes descoñecidos para a maioría da xente fornecendo material para o campo da historia natural, florecente nese momento.
Unha menagerie

     Anteriormente, unicornios e bestas foran pintados, imaxinados como fantasías zoolóxicas, nos bestiarios medievais pero estes novos retratos, feitos con “modelos posando”, dotarían á pintura de veracidade e nalgúns casos de “sentimentos” por chamalo dalgún xeito.  Converxían así a idea aristotélica acerca da consideración moral dos animais da que dou conta nos seus escritos.

     Artistas da época, coma Pieter Boel (1622-1674), e Nicasius Bernaerts (1620-1678) pintaron animais para Luis XIV. Aínda que entre os maiores expoñentes na arte de “retratar” animais, cómpre salientar a Jean-Baptiste Oudry (1686-1755), pintor, gravador e deseñador de tapices. Oudry demostrou a súa mestría e sensibilidade á hora de captar a anatomía e o “carácter” do animal. Bo exemplo diso son os cadros titulados Leopardo (1741, óleo de 131x160 cm), Casuario (1947, 162x127 cm), León, (1752, 307x258 cm, no que representa ao xa extinto león Atlas) e Rinoceronte (1749, 310x456 cm). Esta última obra é un magnífico cadro no que nos imos deter deseguido.
Luis  XIV


     Oudry e a pintura de animais

     A ménagerie pictórica de Jean-Baptiste Oudry foi ideada como un espectáculo decorativo para o Xardín do Rei, coñecido como Xardín Real das plantas medicinais, un xardín botánico de París creado por Guy de La Brosse en 1635. Os cadros de Oudry finalmente non acabaron nas paredes do edificio do xardín e Oudry atopou outro comprador, Christian Ludwing II, Duque de Mecklenburg-Schwerin, para o seu León e para o cadro Rinoceronte.
A obra de Oudry titulada Rinoceronte plasma un rinoceronte procedente da India. Pero detrás do cadro hai unha historia. O rinoceronte femia fora acollido polo director da Compañía das Indias Orientais Holandesas, Albert Sichterman, despois de que a nai da cría morrera. 
Douwe Mout van der Meer

     Regalada, ou vendida, en 1740 a Douwe Mout van der Meer, este  levou o rinoceronte a Holanda. A Chegada a Róterdam do animal, en 1741, acadou unha enorme popularidade, desatando unha especie de “moda” dos rinocerontes. Exhibida en Antuerpen, Bruxelas e Hamburgo, Douwe Mout van der Meer deixou a Compañía das Indias Orientais para facer unha xira co seu rinoceronte femia. Bautizado polos alemáns co nome de Clara, o animal superou a fama do rinoceronte de Durero (1515).

     
Desembalaxe do cadro para a Exposición do Staatliches Museum Schwering.
     
     O mesmo ano da chegada de Clara a Europa, Georges-Louis Leclère (1707-1788), conde de Buffon, convenceu á Imprimiere Royale para editar os primeiros volumes da súa Histoire naturelle (1749-1789). No volume 11, que non sería publicado ata 1764, Buffon fai unha descrición pormenorizada de Clara. O estudo do naturalista aparecía acompañado dun gravado de Jean-Charles Baquoy (1721-1777) feito a partir dun debuxo no que Jacques de Sève (1742-1789) reproducía o cadro de Oudry.
Mentres que Durero representou a dureza da pel do rinoceronte  cubrindo o animal cunha especie de armadura, no cadro de Oudry Clara semella estar recuberta por unha codia de auténtica pel dura e brillante.
Jean-Baptiste Oudry

     No cadro de Oudry, o animal adopta as convencións do retrato señorial, xa que o animal parece estar posando para o pintor. De fondo, unha paisaxe lene, imaxinada, coa que quizais se trate de suxerir o hábitat, aínda que máis ca iso semella ser un fondo teatral para enfatizar a figura que posa.

     O artista no só pinta a anatomía do animal e as súas peculariedades senón que o dota de “personalidade”. Non hai máis que miralo aos ollos para decatarse de que Clara tamén nos mira. O suposto “contacto visual” entre a protagonista e o observador dá paso á escopofilia ou contemplación pracenteira. O azaroso da proximidade coa besta exótica e perigosa non é tal, senón que o observador sente empatía pola retratada.


     O cadro, de tres por catro metros e medio, plasma a envergadura dun gran rinoceronte, a ilusión da presenza real do animal, a proximidade do mesmo sen foxos ou gaiolas que o afasten de quen o contempla. Ergueitas as orellas, e cunha mirada confiada, Clara transmite serenidade.

                                                                                                                               BEATRIZ  FRAGA