sábado, 21 de marzo de 2015

ESCAPARATE POÉTICO (XLV) Arcadio López-Casanova (2)





  ARCADIO  LÓPEZ-CASANOVA (Lugo, 1942)


LUÍS PIMENTEL NA PRAZA MAIOR DE LUGO

Arcadio López-Casanova
Toda a vida fun deste velar
o Tempo na miña vila.

Día a día, ano
tras ano,
dende este balcón
que dá á Praza,
vin pasar de vagariño as horas
coma se badaladas fosen de sombra
caendo, e mancando
no meu sempre, ai!, sempre
canso corazón.


Todo, a cada intre, tiña
a súa melodía de acendidos silencios.
Os pasos quedos
sobre a pedra luída das rúas,
o espello de luces baixo os soportais,
o murmurio mollado
das fontes,
e aló embaixo, no milagre
verde da paisaxe,
a ponte de negros ollos
e o río de ondas grisallas
co seu devalo eterno…


No marmañar da fría mañá
do inverno,
na luz tépeda que viste
de primavera floral á Alameda,
no veludo de ouro e cinza
do outono sobre o Parque,
na cúpula do verán
acendida de azul e altas
coroas de paxaros,
así, case que nun abalo lene,
foise debullando o meu vivir
e naceron – tremecentes –
os meus pobres versos
(oh, este acougo, o tan doce acougo
do pequeño lugar de provincias!).

Luís Pimentel

Pasiño a paso, pasiño
a paso,
esvaecíanse calmos os días
nas visitas de mañá ó Hospital,
nas delongadas charlas do café,
nos paseos á tardiña cos amigos
arredor da Muralla (un ir
que á vez é retornar)
e logo,
xa coas portas pechadas do meu refuxio,
a iluminada presenza da Amada,
as miñas pequenas cousas
- a lámpada, o retrato,
o reloxe -,
e velar, sempre un velar
no altar da Noite…
E agora, Señor, que queda xa, que queda
Praza Maior de Lugo
xa?


Canso, moi canso
sinto o meu corazón,
e rendidas están as miñas armas.
Dende este balcón que dá á Praza
oio o escuro silencio
da pedra nas rúas,
o apagado murmurio das fontes,
e pola Ponte, aló embaixo,
o quedo devalo do río que me vai
levando,
mentres nos arcos dos soportais
abre os seus ollos dee medo a Noite
e durme calada a miña vila
baixo un pano de loito.







 





 
Mar de Carril


                                                                    (Do libro As voces da máscara. Centro PEN-Galicia. Col. Currupa Literaria.2014).