sábado, 13 de diciembre de 2014

DARDO POÉTICO (XIX) ENTRAR NA INTIMIDADE CREADORA DUN POETA.





     Cando vin en Librouro a antoloxía poética de Javier Lostalé  (Madrid, 1942) na fermosa colección Antologías, de Renacimiento, o poeta non me resultaba descoñecido en absoluto.
      
     Axiña lembrei o volume publicado por Calambur no ano 2002,  La rosa inclinada, que recollía a súa interesante obra entre os anos 1976 e 2001.
      
Javier Lostalé
    
Nunha nota deste libro, Antonio Colinas facía unhas afirmacións interrogativas ben interesantes: ¿Cómo poderá pagar a poesía española a débeda que ten pendente con Lostalé, con esta persoa grazas á cal, talvez, eu fun poeta en días de confusión? ¿Cómo esquecer o seu labor a prol da poesía, sobre todo dende Radio Nacional de España, dende hai moitos días ata hoxe, e co vigor e a permanencia que só o fixeron, dende esa mesma emisora, un Gerardo Diego ou un José Hierro?
       
    
E remata Colinas afirmando que en Lostalé se funden, dun xeito moi especial, o creador e a persoa, o literato e o ser humano; fusión tan inusual e tan exemplar, por certo, estes días nos que a literatura tende a ser –sobre todo- mercado e imaxe.
      
     Isto afirmaba o poeta leonés (La Bañeza, 1946) no ano 2002. Agora, supoño, esta fusión da que Antonio Colinas fala, non é máis habitual, por desgraza, ca doce anos atrás. Ai, o ser humano!
      
     Javier Lostalé sempre me pareceu un poeta orixinal, intenso, intimista, ás veces rozando o místico, profundo e,como dixo alguén, cunha poesía que vén sendo “a memoria do corazón”.
      
     Na antoloxía que devolveu a Javier Lostalé á miña realidade, Azul relente (Renacimiento, 2014), chamoume a atención a Confesión , que figura tras o prólogo de quen fixo a selección, José Cereijo. Estas liñas do poeta foron as que me impulsaron a escribir este artigo e achegar a Lostalé aos lectores de Versos e aloumiños.
      
     Moi auténticas as súas palabras e a razóns polas que escribe.
      
     Por iso, quero que se lean. Un texto que aclara moitos dos sentimentos que empurran a facer a poesía. Porque todos, non o esquezamos, temos razóns moi fondas para expresarnos a través da palabra literaria. Afortunadamente, xaora.
      
     Lede e gozade .

 
"Nimbos coma cinzas de rosas". Acrílico de Xulio García Rivas.

                                                                     CONFESIÓN


Escribo porque me salva, porque é o único que me queda, porque fixa un son, unhas luces, o final dun acto de amor, o escenario dunhas horas de desexo. Escribo porque están comigo os que xa nunca estarán, porque baixo ao mar dende a mesa onde pouso a cuartilla e quedo quieto na memoria dun corpo, e prolongo unhas voces ata perder a noción do tempo (días e anos xuntos, apertados nun intre que me deixa sen defensa). Escribo porque ao abrir o seo dunha palabra atopo a iluminación última do bico, porque pronuncio na soidade a miña única verdade: esa que despois desminto coa miña vida. Escribo porque hai un pranto íntimo que me purifica dende que comezo a facer signos no papel, porque posúo as cousas dende a súa respiración humana e podo habitar aquilo do que fun desterrado. Escribo para ser novo e alimentar unha esperanza radical, para ter o que non teño e escoitar o que nunca me dixeron. Escribo porque endexamais foi máis fermoso o engano.

      
     Abondan as palabras. Unha reflexión seria e íntima sobre o que para el significa o acto de escribir. Un acto que lle leva a crear poemas tan belidos coma este:



TE DESPEDISTE


Te despediste como una tormenta retenida
todo tu cuerpo a punto de llover,
sin esperar a que cruzara al otro lado del resplandor
del largo sueño de mi vida contigo.
Te despediste con el temblor de una memoria deshabitada
en la que aún alentase la sombra de cada palabra,
sin que pudiera con el movimiento de mis ojos
salvar el halo de tu tiempo
con un perfume triste.
Te despediste con el pulso inclinado
sobre la llamada transparente de imágenes sin rostro
que te empujaban a sus ondas, más cálidas que una presencia,
sin que mi pecho alcanzara el destello que aún permanece.
Deslumbramiento del vacío hasta la lágrima.
Habitación sin aire. Brisa sin figura.
Te despediste…

                                                                              (Do libro La rosa inclinada. 1995)
                                  
      
     Poesía en estado puro. Emoción. Palabra espida. Directamente ao corazón.

            
                                                                      
                                                                                                                         ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO


miércoles, 10 de diciembre de 2014

"ÍCARO", DE FEDERICO DELICADO, UN ÁLBUM ABRAIANTE PARA GOZAR DA BELEZA E PARA VOAR EN LIBERDADE




     ÍCARO
     Federico Delicado.
     Editorial Kalandraka. 2014.


   Non me estraña en absoluto que “Ícaro” de Federico Delicado gañase o “VII Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados”. Un certame dun prestixio enorme ao que se presentaron 255 obras de 21 países cun “altísimo nivel”, segundo a opinión do xurado.
     
Federico Delicado (dcha.) con Xosé Ballesteros.
     Estamos diante dunha obra abraiante que sacode a conciencia do lector a través dunhas ilustracións profundas e dun texto contido, claro na linguaxe e algo kafkiano no fondo que, sen dúbida, o fará pensar, reflexionar sobre os camiños que se poden tomar.
      
     Direi que houbo momentos nos que me sentín desacougado, transitando entre os dous planos da narración (moi intelixente, por certo),pero rematei cunha nidia sensación de esperanza, de ser capaz de rachar cadeas, de fuxir, de voar en liberdade.
      
     “Ícaro” é unha historia de atmosfera intensa. Unha atmosfera densa que che fai dubidar onde está a realidade e onde, a fantasía. Golpea dun xeito insistente e ten moitas lecturas. Chamoume a atención a estrutura, a actitude serena do rapaz protagonista fronte á rixidez das institucións, a súa esperanza no papel que desenvolven os pais e o equilibrio evidente entre texto e ilustracións. Non se pode dicir que a parte plástica teña máis importancia, malia ser un álbum ilustrado. O texto ten unha forza ben clara e o conxunto resulta verdadeiramente exemplar.
      

     Como as grandes obras deste estilo, ten varios niveis de lectura, non deixa indiferente a ninguén e provocará, estou seguro, nos lectores e lectoras sensacións moi positivas.
      
     “Ícaro” é un símbolo da superación, da loita por acadar espazos libres, dos anhelos de descubrir aquilo que se nos agocha, da inquedanza do ser humano por atoparse e coñecer as posibilidades que a sociedade lle ofrecen.
      
     Pero, non debemos esquecelo, “Ícaro” é, ante todo, unha obra de literatura e arte plástica. Un deses libros que se deben ler máis dunha vez, con persoas de todas as idades, para compartir eses momentos entrañables que os bos libros agasallan a quen os sabe valorar.
      
     Unha vez máis, este ilustrador, nacido en Badaxoz (1956) ofrécenos unha obra dun altísimo nivel.
       
Federico Delicado
     Federico Delicado, que tamén escribe a historia, leva ben anos ilustrando obras dos grandes autores (Gianni Rodari, A.R. Almodóvar, Alice Vieira, Ana Mª Machado ou Juan Farias, entre outros). Leva participado en exposicións de pintura e de escultura e xa se converteu nun dos ilustradores españois máis prestixiosos.

                                                                                          ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

lunes, 8 de diciembre de 2014

CLAC, CLAC, CLAC... CLASE! DE NOVO, A PROSA PUNZANTE DE MANUEL VEIGA




Manuel Veiga. Foto de Sabela Veiga.

   Manuel Veiga, para satisfacción de quen fai este blog-revista e, sobre todo, dos lectores e lectoras que o seguen fielmente, asoma de novo a súa calidade literaria cun texto moi incisivo.
      
     Como quen non quere a cousa, este grande escritor e xornalista, deixa caer a súa visión irónica do que o rodea e, cunha prosa tan sinxela (que non simple) coma punzante, abre os ollos do lector a temas que, con frecuencia, se lle escapan.
      
     Precisamos moitos escritores coma el.
     
     Precisamos persoas críticas que utilicen a ironía dun xeito elegante. Que saiban escribir.
      
     Non o esquezamos. Toda a obra de Manuel Veiga está moi traballada, moi corrixida, moi pensada. Dálle moitas voltas a todo o que crea. E iso é algo que se agradece.
      
     O que estou a dicir pode comprobarse neste texto escrito con agudeza intelixente. Para el non hai diferenzas. Cando escribe afina sempre o seu discurso narrativo sexa cal sexa o seu destino.
     
     E iso é algo que lle agradecemos.
      
     Deseguido, podedes gozar coa súa palabra neste interesantísimo artigo.





Clac, clac, clac


             Manuel Veiga Taboada

      
      Na emisora Kiss FM soa Coldplay e un ouvinte acaba de dicir que a súa maior afección é a “pornografía para adultos”, no mesmo ton que se estivese citando a poesía romántica inglesa ou a música de cámara.
        
Coldplay

      Mentres os xenitais se descobren espectacularmente, converténdonos a todos en dermatólogos das partes íntimas, hai aínda palabras que se ocultan, expresións que ofenden o pudor, palabras como clase que a socioloxía alemana de posguerra proscribiu.   

     Mais, aínda hai clases, dito nun sentido distinto ao que entendían os burgueses e algúns nobres de hai cen anos, cando o socialismo parecía o destino ineluctábel da maioría dos países. Os zapatos, por exemplo, debían producir ruído ao andar, sobre todo o bo calzado dos xerentes e dos donos, para que os empregados percibisen deseguida a súa presenza disuasoria: clac, clac, clac.


 Rafael Chirbes escribiu unha pequena novela chamada La buena letra que, desde o título, pretendía referirse aos que gozaran dunha boa educación e, polo tanto, tiñan posibilidades de ascender na escala social. A boa letra era un síntoma inconfundíbel que acompañaba o clac, clac dos zapatos.



A caligrafía era daquela obxecto de perseverante aprendizaxe até que o alumno conseguía acadar un virtuosismo case artístico que o elevaba sobre a cohorte de simples usuarios das catro regras e sobre a gran masa de analfabetos.



De modo en parte parecido e durante séculos, a poesía evitou tratar os detalles da vida cotiá, indicando así a quen ía destinada: a reis, nobres e xentes distinguidas que podían permitirse o luxo de vivir só preocupadas polos problemas do espírito, pero nunca por se había algo para cear ou se o neno estaba enfermo de anxinas. Foi á prosa a quen lle tocou narrar a “vulgaridade” dos sucesos ordinarios e poucos o fixeron tan ben como Balzac, no século XIX, quen, de modo paradoxal, toda a súa vida perseguiu ser nobre, e Ferdinand Céline, no século XX, quen politicamente simpatizaba coas ideas selectivas da elite nazi.

 
Balzac
As clases sociais son barreiras delicadas e ao tempo sólidas, non tan sutís que non se poidan ver, pero si tan arraigadas que parecen formar parte da natureza. Eu coñezo mulleres que sentan na punta da cadeira e din que vai frío cando acoden a unha casa ou a un café do centro da cidade, só porque se notan desprazadas. E sei de homes que viaxaron por medio mundo horizontalmente pero que nin sequera poden imaxinar como é a súa cidade no sentido vertical.



A esas persoas non lle veñen as palabras á boca cando se dirixen a un médico ou a un avogado. En tales casos non son capaces máis que de expresarse con monosílabos incomprensíbeis, e moven dilixentemente a cabeza, arriba e abaixo, de modo que, máis que afirmar algo, parece que tartamudean.