Mostrando entradas con la etiqueta filosofía. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta filosofía. Mostrar todas las entradas

martes, 30 de abril de 2024

AUDIO DA PRESENTACIÓN DE "Maestros de la felicidad", de RAFAEL NARBONA no CLUB FARO DE VIGO + Vídeo con reseña de A.G:T.

 

Un momento da conversa entre Antonio García Teijeiro e Rafael Narbona


O pasado 10 de abril no Club FARO DE VIGO tiven a fortuna de presentar unha persoa e un libro excepcionais.

O prestixioso escritor, crítico literario e periodista cultural, que foi profesor de filosofía, Rafael Narbona mantivo comigo unha interesantísima conversa arredor do seu libro Maestros de la felicidad. De Sócrates a Viktor Frankl, un viaje único por la historia de la filosofía, editado por Roca Editorial.

 

Rafael Narbona no CLUB FARO

Maestros de la felicidad é , ante todo, un libro sobre a esperanza. Pretende confortar, serenar e curar; ou sexa, exaltar a vida.

Cando rematas de ler esta marabillosa obra, un sente o optimismo e a forza interior para abandonar os intres máis escuros e chegamos a comprender a lucidez nos nosos actos.

É un percorrido polas distintas etapas da historia da filosofía dende o punto de vista do autor, de quen descubrimos emocionantes fragmentos da súa vida que nos animan a superar os atrancos que sufrimos dun xeito optimista como el foi superándoos a través dos anos.

A conversa foi gravada en audio e Versos e aloumiños preséntaa completa para desfrute das e dos nosos lectores.
















Podedes ver ademais o vídeo cunha reseña miña sobre Maestros de la felicidad, que fixen para a canle de Antón García Fernández, incluída na sección El envés de la página.











lunes, 9 de enero de 2023

ANDEL DE NOVIDADES (5) "O moucho voa", filosofía en 28 conversas, de Miguel Vázquez Freire

 



Calquera libro que vexa a luz de Miguel Vázquez Freire é un motivo para min de felicidade ( e debe selo para o sistema cultural galego). Son moitos anos seguindo a este home poliédrico, capaz de escribir de cine, de ilustración, de filosofía, de banda deseñada…ademais de ser un excelente narrador. E nunca defrauda.

Sempre tivo Miguel un agarimo especial pola divulgación. Un xénero, este, que se fai ben necesario e que tanto ten axudado a que nos fósemos formando nas moitas disciplinas do saber.

Acaba de ver a luz, O moucho voa (Filosofía en 28 conversas), editado por Edicións Xerais.




A min, que me entusiasma a Filosofía, pareceume un libro magnífico para achegar a xente nova a unha materia que convida a pensar con rigor e a abrir camiños para transitalos avisados e comprender os asuntos que preocupan ao ser humano.

Dixen e pensei na xente nova, pero non é certo: este libro é axeitado para as persoas de calquera idade que teñan inquedanzas filosóficas. A xente, dun xeito espontáneo, ten preocupacións relacionadas coa filosofía e, demasiadas veces, non é consciente. De aí o convite que O moucho voa fai a pensar.

O volume que teño nas mans comeza cunha advertencia do autor que manifesta que non pretende ser un curso de filosofía.

Durante o último trimestre de 2020 e o primeiro de 2021 Radio Neria, a radio municipal de Corcubión, emitía unhas charlas radiofónicas que, co nome O Moucho voa.15 minutos de filosofía, pairaban nas ondas.

A transcrición das emisións, lixeiramente modificadas, renacen agora mesmo neste libro tan necesario.

Resulta apaixonante e gozoso ler as conversas que o autor escribe de maneira sinxela para un mellor entendemento do espírito filosófico que posúen. Paula e Xabier (á veces, tamén, Rapaz A e B) falan ao longo de todo o libro para achegar discusións que avivan a nosa curiosidade e que demostran que o cotián ten moito que ver coa filosofía, aínda que non sexamos conscientes diso. Paula e Xabier existen, pero son ficcionados por Miguel.

Dá gusto ler este texto porque ten un ton desnfadado que chega ao lector con claridade e permite que razoe sobre o que está a ocorrer ao seu redor.

Catro son os epígrafes en que está dividido o libro. Catro epígrafes que, como explica o autor ao principio do texto, fan referencia a catro das grandes categorías que tradicionalmente reúnen os principais temas dos que se ocupa a filosofía: o Ser, obxecto da ontoloxía; a Verdade, da teoría do coñecemento ou epistemoloxía; o Ben, da filosofía moral ou ética; e a Xustiza, da filosofía política.

Hai, loxicamente, moita moita reflexión filosófica, pero o autor ten o acerto de acompañala de referentes concretos moi recoñecibles, incluídos exemplos ou casos tomados da realidade máis próxima.

A linguaxe é clara, directa e expón moi ben o que se quere afirmar, baixo a magnífica idea de conversar, discrepar, reflexionar e, xa que logo, de aprender moitos conceptos que nos interesan a medida que os imos coñecendo.

                          

O autor, Miguel Vázquez Freire, co libro

                                     

Un auténtico pracer a lectura deste libro. Moito aprendín ao lelo. Velaí o ton axeitado para que o lectorado, novo ou non, se achegue á filosofía sen prexuízos nin medos. Un acerto, para felicitármonos, e para entender, dunha vez, que a filosofía vive máis preto de nós do que moitos cren.

Ah, e non quero pasar por alto as puntuais ilustracións  e a cuberta de María Lires, que lle dan ao libro un toque plástico que se agradece. Moi no seu estilo marabilloso.

Parabéns, unha vez máis, a Miguel Vázquez Freire, polo seu traballo divulgativo e grazas a Edicións Xerais por apostar por libros que se precisan, sen ningunha dúbida, no panorama da cultura galega.

 

                                                                                                                      Antonio García Teijeiro