Mostrando entradas con la etiqueta eva mejuto.. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta eva mejuto.. Mostrar todas las entradas

lunes, 4 de febrero de 2019

REMUÍÑO DE LIBROS (56): "Memoria do silencio", de Eva Mejuto








TÍTULO:  Memoria do silencio


AUTORA: Eva Mejuto


EDITORIAL: Edicións Xerais. COLECCIÓN: Fóra de xogo




Cando caeu unas miñas mans o libro 22 segundos, de Eva Mejuto, comprendín axiña que estabamos diante dunha autora valente, directa, de moito percorrido e cunha sensibilidade especial polos comportamentos humanos. Era esta unha obra que buscaba visibilizar, desde a empatía, un colectivo de persoas silenciadas e denigradas que sempre loitou para que as leis, ademais da sociedade, deixasen de consideraleas enfermas. Estou a referirme aos transexuais. Impactoume e emocionoume esta narración. Marabillosa narración e un tratamento excepcional.
     
     Dous anos máis tarde, leo a nova novela de Eva Mejuto, Memoria do silencio. E volvo interesarme polo seu discurso literario moi pegado aos sentimentos humanos e, de novo, reivindicativo. É esta, unha novela a tres voces coa que foi finalista do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil que convoca anualmente Edicións Xerais. Unha trama que ten lugar na nosa Galicia, en Ribadavia concretamente, no ano 1943 cos alemáns presentes. Un militar do Reich con moitas sombras quere ascender na Gestapo: Günter é o seu nome. Lola, unha desas mulleres loitadoras, dunha xenerosidade enorme que, na compaña das súas irmás e algún outro compañeiro, axuda as persoas que o precisan baixo o lema da liberdade. E Frieda, unha muller neerlandesa que foxe da súa Holanda natal, tras pasar por un campo de concentración e que aspira chegar a América para emprender unha nova vida como directora de orquestra. Os tres van soportar todo o peso do relato que a autora vai debullando.
     
Eva Mejuto  (Foto: Edicións Xerais)

     As tres voces van intercalándose ao longo da novela con acentos ben distintos. Existe unha trama internacional que axuda os xudeus a chegar a Portugal. Frieda vai no camiño. Lola agocha os fuxidos e facilita a súa fuxida e Günter intenta descubrir a trama para gañar puntos diante dos seus superiores.
     
     Eva Mejuto tece un relato onde o medo, a angustia, as dúbidas e silencios ocupan boa parte da vida destes seres. E faino dun xeito directo, sen fisuras nin ornamentos. Vai desenvolvendo a acción cos personaxes coma protagonistas da mesma (interesante, tamén, a figura de Jörg) e as intrigas sucédense dun xeito controlado pero eficaz. Porque, quero salientalo, esta novela é unha novela de personaxes. Nada falta nin nada sobra. Eles e elas, coas súas reflexións e cos seus actos van asentando un relato que nunca perde forza. Personaxes ben distintos, coas vidas diverxentes pero que fan un todo que non nos deixa respirar tranquilos.
     
     Cando Frieda vive, por exemplo, a necesidade de destruír en Ámsterdam un arquivo con documentos comprometidos, ilusiónase en participar no atentado pero o núcleo dos homes impide as mulleres participar no mesmo. Isto énchea de carraxe e afirma: -Eu tamén loito por un mundo no que as mulleres non teñamos que pedir permiso nin perdón por todo o que facemos, aínda que sexa bombardear un edificio público…”
     Un alegato a prol da igualdade das mulleres que a autora reivindica no medio de tanto comportamento machista e faino a través dunha muller con moita sensibilidade. Non menos reivindicativas son as palabras de Lola (personaxe dunha forza monumental), nun dos capítulos, cando di que “resulta ben triste pero non é habitual nestes tempos nin nestes lares ver mullerers escribindo.De feito, aquí ben poucas somos as que sabemos ler. O normal é mandar á escola só aos homes…As mulleres, cociñar, coser e parir”. Unha triste realidade que Eva Mejuto sinala. Unha realidade que vai cosida aos actos de afouteza que desenvolven as mulleres nesta novela.
     

     Dicir que as tres irmás, Lola, Xulia e Amparo Touza existiron na realidade, viviron na rúa Xuíz Viñas de Ribadavia e rexentaron o quiosco da estación do tren; un lugar, por certo, ben presente na narración.Explica a autora que grazas a ela e aos seus colaboradores se poden calcular que unhas 500 persoas, case todas xudeas, se salvaron da barbarie nazi e dunha morte segura. A novela recrea mesturando realidade e ficción o que talvez sucedeu naqueles momentos porque non queda nada rexistrado daquel tempo e as tres mulleres gardaron o segredo da súa fazaña e non quixeron que se soubese nada ata morreren.
     
     Unha novela, xa que logo, de silencios profundos, dura e tenra, á vez, que nos engaiolará, sen ningunha dúbida, e nos achegará algo máis a certos sucesos pouco coñecidos que ocorreron –co volframio de fondo- na nosa terra en plena 2ª Guerra Mundial.

                                                                                                ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

lunes, 31 de julio de 2017

REMUÍÑO DE LIBROS (30) "22 segundos", de Eva Mejuto






TÍTULO: 22 segundos.


AUTORA: Eva Mejuto.



EDITORIAL: Edicións Xerais. Colección: Fóra de xogo.




Edicións Xerais achégalles aos lectores adolescentes esta novela, pioneira no tratamento da temática da transexualidade dentro da nosa LIX.

     A súa autora, a xornalista e escritora, Eva Mejuto, pon de manifesto, a través dela, a importancia de sentirse a gusto coa propia identidade sexual, independentemente do sexo co que se naza, e de  asumila coma parte do ser que un é, coma camiño cara á realización persoal e á felicidade.

     O diferente nunca coma sinónimo de marxinación e , xa que logo, sufrimento e a literatura coma canle de denuncia e reivindicación social, ademais de coñecemento da realidade na que vive este colectivo estigmatizado demasiadas veces coma enfermos.
 
Eva Mejuto
     
     22 segundos conta en primeira persoa e ao longo de vinte e dous capítulos curtos e escritos cunha prosa fluída e directa, non exenta de tenrura e humor, a historia de Álex, un mozo transexual que decide tomar as rendas da súa vida e trousar diante dunha cámara todo o que leva dentro agardando dende hai moito tempo. 

     Deste xeito descubrimos como xa de pequeno amosaba gustos e intereses ben diferentes, tanto na estética coma nas afeccións e xogos, do resto das nenas da súa idade, por moito que a súa nai, as monxas do colexio e a xente que o rodeaba se empeñasen en non decatarse do obvio e de ignorar a realidade. Cada confidencia por parte de Álex vai espertando dun xeito natural a empatía e o respecto do lector cara a el. E así é quen de comprender a súa impotencia, frustración, rabia e rancor diante duns sentimentos e sensacións, que dende cativo recoñece coma propios pero aos que non lles sabe poñer nome porque o descoñece. 

     Será grazas ao agarimo e ao apoio da súa familia, avó (personaxe entrañable) e nai, xunto coa súa amiga Ana e a axuda dunha psicóloga especializada e comprometida, como logrará reunir todas as forzas necesarias para dar o paso cara á felicidade e asumir o seu tránsito de Ánxela a Álex.

      Novela recomendable para todo aquel lector que busca vivir nunha sociedade máis xusta, plural e equitativa sen prexuízos retrógrados que o único que fan é provocar dor e illamento.





                                                                                                                                       ALBA PIÑEIRO