martes, 14 de diciembre de 2021

DARDO POÉTICO (LXXVII) "Coa poesía de Álvaro Cunqueiro e homenaxe poético de Antonio G. Teijeiro"

 




Sempre sentín unha fonda admiración pola literatura de Álvaro Cunqueiro. Non agochei endexamais que ler os seus libros recollidos nun volume chamado Semblanzas, na súa obra en galego completa (Escola de menciñeiros, Xente de aquí e de acolá e Os outros feirantes), me abriron a porta, hai xa ben tempo, da narrativa galega.

Pero cando descubrín a súa poesía, fiquei abraiado pola súa maneira de utilizar o verso e por enviarme directamente á poesía trobadoresca que tanto me gusta.

     

Álvaro Cunqueiro. Faro de Vigo



De entre os cinco poemarios de Cunqueiro, teño especial predilección por Dona do corpo delgado, publicado inicialmente no ano 1950 e que a colección Dombate da editorial Galaxia fixo unha reedición en 2003.

Este poemario vén sendo o froito da soidade e dun período extraordinariamente creativo na súa vida. Son poemas escritos cunha calidade táctil, cálida e suave e, malia todo, amarga.

Versos á amada nos que recrea maxistralmente a linguaxe e o mester da poesía medieval, arrequecidos pola inmensa sabedoría do autor, pola súa capacidade para nos achegar a aura nostálxica da ausencia.

Este libro de poemas é unha verdadeira alfaia única, nacida do pracer da palabra e da sensualidade requintada, mostra dun sentir veraz, fondamente humano.


Velaquí un fermoso poema deste libro:

 

        Agora trobo o vento e máila lúa fría,

         non o cervo do monte que a ágoa volvía.

 

         Agora trobo o mare e máila nao veleira,

         non a amiga que canta só da abelaneira.

 

         Agora trobo a lúa e máilo vento irado,

         non o cervo do monte, meu amigo pasado.

        

         Agora trobo a nao e máila mar maior,

         e non aquela amiga, miña branca señor.

 

Calquera dos poemarios de Álvaro Cunqueiro son unha mostra da modernidade do autor, que fusiona xéneros con mestría e, cunha linguaxe aparentemente sinxela e popular, consegue escribir unha poesía fonda e reflexiva, capaz mesmo de levarnos polos personaxes da literatura universal e os seus mitos.

 


No meu libro Al hilo de la palabra, editado por Hiperión dediqueille un poema para que os nenos e as nenas -e adultos, en xeral- soubesen que existía este encantador de ilusións, un home que leva a literatura galega aos cumios máis altos dunha literatura universal que precisa da súa obra.

 

Este é o poema cunha linda ilustración de Fernando Gómez: