lunes, 1 de abril de 2019

POR QUE É ÚTIL LER LIBROS QUE NON ENTENDEMOS?, un artigo de MANUEL VEIGA

Fotografía tomada de Babelia (El País)





Ter a Manuel Veiga en Versos e aloumiños é un luxo do que estamos convencidos quen damos vida a este blog-revista.

     De cando en vez, pedímoslle un artigo, porque sabemos da súa capacidade para plantear temas interesantes, deses que chaman a atención. Os seus planteamentos claros e intelixentes provocan reflexión e, por que non dicilo, ás veces certa controversia que se agradece nuns tempos coma estes que o vento anda algo revolto e deixa confusións que preocupan.
     E Manuel Veiga sempre ten un recuncho para encher de palabras cheas de sentido para compracernos. E nós estamos felices de que sexa así.
     E se dubidan do que dicimos, aí está este artigo que leva por título  Por que é útil ler libros que non entendemos? Unha vez máis furgando na ferida dos libros e as actitudes lectoras que provocan.

    Desfruten del, pensen e sigan lendo libros, ben se os entenden ou non.

Manuel Veiga (Foto de Antonio Gutiérrez)



                               Por que é útil ler libros que non entendemos?


                                                                                                                    Manuel Veiga Taboada


Estou a ler A orde do tempo de Carlo Rovelli. Deste autor xa lera antes Sete breves leccións de física, unha obra na que fala bastante de física cuántica. Rovelli é un bo divulgador e ambos libros acadaron grandes vendas.
         


Non obstante, un profano en ciencias, coma min, e a pesar do esforzo do autor, pouco pode sacar en claro destes dous breves ensaios. Arrepíntome de lelos? Debería ler unicamente libros que de entrada me gustan? Debería limitarme ás miñas materias preferidas, a historia, a literatura, un pouco de economía?
     

 
Carlo Rovelli
Creo que autolimitarse é un erro. É posíbel que un libro do que só entendemos unha de cada tres frases nos diga algo. Se o libro é bo, talvez nos abra un camiño. Lembro como un acerto a decisión dun profesor de primeiro de socioloxía que nos obrigou a ler A construción social da realidade, unha obra ateigada de termos novos. Era case como ler noutro idioma. E, non obstante, foinos moi útil. Grazas a esa lectura inicial, a carreira descorreu, para nós, con máis facilidade. Foi como o deses profesores de autoescola que, o primeiro día de clase, metían os aprendices na praza das Travesas de Vigo, cando aínda non había túnel.

     Pero volvendo aos libros difíciles, de que serve que leas se non entendes? En primeiro lugar serve para saber que esas preguntas e esas respostas existen. O que viaxa, aínda que pase pouco tempo en cada país, coñece, cando menos, novas paisaxes. Para os que somos de humanidades, a física ábrenos a fermosas preguntas, aínda que non cheguemos a entender apenas as respostas.
Saber que existen outros territorios, aínda que nos sexan descoñecidos, evita moitos erros e incluso algúns enganos. Cada nova paisaxe agranda a nosa perspectiva. Visitar Hungría unha semana non proporciona case ningún coñecemento profundo sobre o país e os seus habitantes. Con todo, seguramente aprenderemos, por exemplo, que o seu idioma é moi distinto de case todas as demais linguas europeas, aínda que non cheguemos a saber del máis que un par de palabras, ou que o pan que se vende nas panaderías de Buda é moi parecido ao noso. Con iso xa podemos deducir que os húngaros son diferentes pero tamén parecidos a nós e que calquera razoamento simplista carece de sentido.

     
Odgen N. Rood
O coñecemento introdutorio, de visitante, reduce o medo e os tópicos e ademais axúdanos a entender mellor aquilo que xa coñecemos. A pesar da distancia, en boa medida inxustificada, que hai entre ciencias e letras, todos aqueles que abriron as portas do outro campo quedaron satisfeitos e descubriron que agora entendían mellor aquilo que xa coñecían, porque o coñecemento opera por comparación e por contraste. 
     Está comprobado, por exemplo, que cada avance científico transforma a arte. A teoría das cores do físico norteamericano Odgen N. Rood, lida polo pintor francés Seurat, permitiulle inventar o puntillismo. Freud imaxinou, case literariamente, territorios cuxa existencia comprobarían un século despois os neurólogos.

     Achegarnos a certos coñecementos é como ver o mar por primeira vez. En principio, xa é bastante contemplar a súa inmensidade.


Georges Seurat