miércoles, 3 de octubre de 2018

ESCAPARATE POÉTICO (CXVII) Baldo Ramos







                                       BALDO  RAMOS  (Celanova, 1971)









meu querido fillo

                            escríboche

dende o interior do esquenzo

aquí as palabras serven de pouco
Baldo Ramos

e cando as pronuncio

non hai ninguén que responda

                                                 desoutro lado







    A auga descende por unha canle estreita. Nos tímpanos da
tarde resoan as voces que arrouparon o desafiuzamento. Acó-
llenos a luz como un conto sen lección. Agocharse é agrandar
a ferida. Desaparecer sen deixar pegada.









escríboche
para que entendas a impotencia dun pai

que xa non te recoñece
                                    tanto tempo compartido

para que nada poida conter esta amnesia

edificada pedra a pedra

dende o baleiro de terte amado





   


    Os fíos percorrían todo o corredor. Desfacían a madeixa de
luz que viña do centro da furia. As mans non podían seguir o
curso do desaugadoiro. Baixo as pálpebras, un círculo de
medo e de marmelo. Quizais unha espiral. Abrir os ollos de-
volvíanos a nosa nai.











de súpeto

                o tempo pesou como unha culpa

lonxe da luz


unas maus sucadas polo silencio
e un amor incondicional buscaban a miña caluga

bebían as estacións o xarope dos encontros

como lecturas aprazadas

como historias que concluían sempre

no centro da fecundidade

nos lindes dunha dor que xa só

                                                         che impedirá sufrir


  






   

     Escríboche desde dentro. Desde onde apenas podes oírme.
Se me esforzo, podo fixar a ollada na túa perda e dicir que
aínda é pronto. Que podería ser abondo con pespuntar as liñas
das nosas mans para sentirme máis unida a ti. Pregada ou su-
perposta. Limitada polo teu desexo de habitar o esquecemen-
to sen chegar a caer. Sen chegar a espertar do pesadelo de ser
eu mesma.







Xosé Mª Álvarez Cáccamo, na presentación do poemario en Vigo.





onde a transparencia amarga

onde a última páxina non nos desvela o final

onde a morte sacia a sede de fecundidade

as sabas da tarde protéxennos da canícula

                                    mentres oímos dende o areal
as atraccións de feira

libros que deshabitamos despois de todo

voces que traizoan o debuxo da inocencia

recoñecerse

borrar os accesos

desandar o amor que nos afastou



   
    




     Atravesaban as andoriñas o aire que fervía a baño de
maría. No fondo do teu cerebro, a realidade era un pretexto
para abandonar. As túas mans escondían o bosque. O teu co-
razón era un apeadoiro de trens sen destino.









(Do libro Cartas dende o esquenzo, editado pola Editorial Galaxia, 2018)